Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Veiga e as orixes do Himno Galego

lunes, 05 de junio de 2017
Este 2017 fai cen anos que morreu Eduardo Pondal e cento dez da estrea do Himno Galego. Sucedeu, como é ben sabido, o día 20 de decembro de 1907 no Teatro Nacional da Habana, interpretado pola Banda Municipal da cidade baixo a dirección do músico cubano Guillermo Tomás.

Mais letra e música xa levaban uns dezaseis anos en compaña. Todo comezou cando Veiga, que presidía un certame musical convocado polo Recreo de Artesanos da Coruña en 1890 lle pide a Pondal un texto poético para o que el denomina Marcha Regional Gallega. E Pondal envíalle un poema, entón co título “Breogán” pero coa mesma ou parecida letra ao que máis adiante comezamos a coñecer como “Os Pinos”. A música que gañou o certame, da autoría do catalán Ivo Gotós, esqueceuse. Mais Veiga, que musicou aquel poema por se non houbese concursantes, e asinou a partitura, segundo algunhas fontes, o 13 de xullo dese ano 1890, promoveu que algúns dos coros que el dirixía na Coruña a interpretaran varias veces.

Xosé Fontela Leal, principal promotor da estrea dun Himno Galego, desexaba que da letra se encargase Curros e da música, Chané. Pero Chané e Curros andaban enfadados pola altura de 1906, e alguén informou a Fontela da existencia daquela marcha escrita por Pondal e musicada por Veiga dezaseis anos atrás.

O demais xa o coñecemos. Máis alá do acontecemento histórico da estrea do Himno, aquel acto tiña por principal obxectivo recadar fondos para construír en Mondoñedo un mausoleo na memoria de Veiga e costear o traslado dos seus restos desde o cemiterio da Almudena de Madrid ata o camposanto mindoniense.

Veiga morreu en xullo de 1906 en Madrid a consecuencia dun “fuerte ataque de grippe”, case na indixencia, pouco días despois de remitirlle a Fontela a que el consideraba partitura definitiva pero xa non viviu para gozar da estrea do seu Himno. Os seus restos non chegaron a Mondoñedo ata setembro de 1912, cidade natal da que se fora en 1864 para non volver en vida, disque aborrecido por ser rexeitado pola familia da moza Eustorgia Acebo. Hoxe ambas tumbas están a uns metros de distancia no Cemiterio Vello de Mondoñedo.

A aceptación do Himno Galego como elemento integrador (aínda que non sería recoñecido oficialmente ata 1984) tanto polas comunidades galegas do exterior como na propia terra foi practicamente unánime e hoxe, cento dez anos despois daquela estrea, constitúe, xunto coa bandeira e o escudo, un símbolo indiscutible da nosa identidade.

Desde entón foron moitas as versións que se realizaron, e moitas máis aínda agardamos no futuro, o que será proba da súa vixencia e aceptación popular.

Este 31 de maio presentouse en Compostela unha nova versión do Himno Galego con arranxos de Nani García e a interpretación da soprano Andrea Pousa, acompañada da Macedonian Symphonic Orchestra.

O “Himno por Andrea Pousa”, un proxecto audiovisual promovido por Queiman e Pousa preséntanos unha versión (xunto cun documental, un libro e unha unidade didáctica) moderna, fresca, na que letra e música transmiten toda a forza do latexo unísono da nazón de Breogán.

Antonio Reigosa é Cronista oficial de Mondoñedo.
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES