Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Letras louzariñas

miércoles, 31 de mayo de 2017
Os que amamos a literatura galega e gozamos coas verbas que nos deixaron os antergos que tiveron a ben escribir, legar e crear na nosa lingua, entramos nun período de reflexión do que nos sacarán os/as señores/as académicos/as da RAG cando decidan o nome do homenaxeado/a do ano que vén. Rumores din que xa vai tocando unha muller e non lles falta razón estando, ademais, en terna a candidatura de Xela Arias.

Sobre este asunto sempre pensei que debemos estar unidos todos xa que o inimigo común non está implicado nestas vicisitudes. A pesar de isto, a controversia con algunhas decisións é inevitable, sobre todo no que se refire a Ricardo Carvalho Calero que debía ter sido homenaxeado hai anos dado que entrou en terna no 2000 ou 2001.

Mais alá destes conflitos, que a RAG solucionaría escoitando un pouco a aqueles que non sendo académicos militan na lingua e na cultura galega, creo que hai anos para todos e que este tema non pode servir para dividir.

En todo caso, estamos en período de reflexión ata que a Academia nos anuncie un nome. Por iso, compre defender ao noso candidato e o meu sen dúbida é Fiz Vergara Vilariño, o poeta de Lóuzara que cantou á paisaxe, á vida e ao amor sen esquecerse da dureza do tempo que lle tocou vivir. Quizais, para quen lea isto non faga falta dicir que Fiz tiña unha discapacidade dexenerativa que marcou a súa vida. Este feito é a base dun existencialismo constante que mestura a paisaxe co amor, sen esquecerse nunca da crítica social ou de homenaxear a aqueles poetas ou amigos que lle son queridos.

A través da literatura, Fiz debuxa os seus sentimentos, sinala as súas carencias e crea un mundo de soños como trincheira vital.

Para coñecer a fondo a obra de Fiz, débese visitar Santalla de Lóuzara onde hai unha fermosa ruta literaria na que cada poema se materializa na cor da paisaxe.

É imprescindible situar ao poeta no seu contexto e comprender cada emoción que inmortalizou en verso:o val de Lóuzara, onde os invernos callan con dureza e os veráns agroman en fermosura, a terra na que Fiz viviu e sufriu as súas longas ausencias transubstanciadas en palabras, para ser consciente de toda a
dimensión da poética de Vilariño.

Un día para Fiz sería un acto de xustiza cunha persoa que se implicou na lingua e na cultura, que procurou encher de libros a escola de Lóuzara e que sempre se mantivo atento ao devir político e cultural do país. Ademais de todo isto, sería un ano importante para a diversidade funcional, que tería un gran exemplo que difundir ante o mundo.

Á marxe de todo isto, é un poeta moi estudado co que pode ser interesante a edición de traballos inéditos, non só como poeta senón como dramaturgo ou narrador.

Dende o meu campo, dende a perspectiva inclusiva, un ano para Fiz pode supoñer que o colectivo da diversidade funcional se acerque máis á lingua e á literatura, o que significa a posibilidade de tender pontes solidarias para unha maior visibilización dos dous sectores que comparten situacións de vulnerabilidade e incluso de marxinación.

Ler a Fiz é encherse continuamente de verbas de loita, polo tanto de razóns para loitar. Os versos de Fiz poden ser o vieiro da unidade que precisamos tanto social como culturalmente. Un ano no que as letras galegas poden convidar a colectivos moi variados a unha mesa de diversidade...
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES