Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Gamos en Zoñán

viernes, 19 de mayo de 2017
Haberá cousa de tres ou catro días lin nun blog deses que se dedican a recomendar rutas turísticas que o castro de Zoñán tamén se pode visitar indo con nenos. Dou fe. Como a croa foi (agora é de propiedade pública) na súa maior parte da miña familia materna, eu xa me acheguei por alí desde moi picariño, unhas veces para rozar folgueiras ou recoller leña, outras, as máis, para comprobar se os mouros dos que falaba tanto o meu avó andaban fedellando por alí. Agora seino e podo afirmar solemnemente que o estarabouzo do trono non é máis que o ruído que fan os mouros cando xogan aos bolos na laxe que teñen baixo a tona do castro de Zoñán.

Pero volvamos ao principio. Lin e relín, e volvín a ler onde se di: “Además es una zona de bosque muy salvaje, donde pudimos ver a lo lejos escapar, alertados por nuestra presencia, a dos gamos.”

Non discutirei o de “zona de bosque muy salvaje” pois dun tempo para acó todo se volveu selvoso, aínda que a min non me parece para tanto, a verdade. A medio quilómetro están as casas de San Cristovo, as do Rego de Zoñán e as do Campo. E a 50 metros en liña recta a do Demo que vive na Pena Grande.

É certo que xa case ninguén pasa polo vello camiño que leva e trae ata o Convento dos Picos, ata o punto de que o porco bravo e os corzos andan sen coidados, agás que os importune un raposo cacheiro ou un peneireiro facendo prácticas de precisión.

Cunqueiro andou preocupado un tempo polo corzo, non polo gamo nin polo cervo, de Zoñán. Tratou do asunto en varios artigos. O corzo, animal de natural melancólico e amoroso, foi perseguido e, ao fin, asasinado á beira dun regato. Era corza.

Contaba Jorge Víctor Sueiro aló polas San Lucas de 1959 que os corzos chegaran a Zoñán procedentes dunha repoboación que se fixera polo lado das Pontes de García Rodríguez e que estaba prohibida a súa caza. Pero un desaprehensivo disparou e matou o corzo, o que provocou a indignación de Cunqueiro. E o peor —seica dixo Cunqueiro— é que o comeron fervido; o que para un gastrónomo de delicado padal supoñía un agravante imperdoable.

Alguén, seguramente o cazador que abatera o corzo, vese que molesto polas críticas do escritor, non se acovardou e respondeu escribindo un artigo nun xornal de difusión provincial titulado “Yo maté el corzo de Zoñán”.

Pero a min o que me sorprendeu foi a noticia sobre as andanzas dunha parella de gamos polo Carballo do Rego, unha caste de cérvidos que nunca se viron por alí nin escoitei que se visen polos arredores do castro, nin, probablemente, se vexan no inmediato futuro agás que alguén os introduza no parque temático no que estamos convertendo o noso rural.

Tratándose de animais con cornamenta é tamén dubidoso que se lles aparecesen un par de vacas (apenas quedan), ou de cervos (son moi tímidos), e menos aínda de renos (levan moi mal o do cambio climático). De corzos nin falamos.
Ser serían gamos mais tratándose do frondoso bosque dos arredores do castro de Zoñán o máis seguro é que visen un par de efémeros e espantadizos unicornios.

(Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo)
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania