Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A panoiez

lunes, 15 de mayo de 2017
A panoiez é un termo do elenco común galego, unha palabra tan nosa que zumega por calquera lado que a pillemos, e que nos di tanto aos galegos que o mesmo dicionario é incapaz de definila meténdolle uns semas primarios de “persoa de corto entendemento” ou “de pouca acapacidade”, cando a panoiez é un globo de significados inchado polo aire da desdita que estoupa na cara dos cidadáns.

Hoxe, estamos no momento político da panoiez, porque os nosos políticos non se enteran, xa poden ter á súa beira os corruptos máis grandes das galaxias habidas e en expansión universal, que eles están tan campantes nas súas garitas de garda, pero non ven o que pasa aos seus arredores, pois, aínda que metan a man no caixón das nosas ánimas ou beban o aceite das lámpadas da igrexa dos pobres, seguen tan oufanos como se eles ou os seus veciños non meteran nunca a man porque despois saen de rosiñas froito da súa panoiez, e nosoutros cremos a estes personaxes que aínda que sexan os xefes da banda, non perciben con ningún dos seus sentidos, xa sexa coa vista, a suntuosidade das súas mansións; co oído, o barullo estrepitoso dos que con eles van; co tacto, que todo político debe ter cando é ensiñado para o engano volteriano dos votos; co gusto do que tanto fan gala nas merendiñas e por último co olfacto ou cheiro que despiden ao acercarnos de incógnito. Ten que ser o pobo o que vexa, o que sinta, o que toque, o que ula e o que fale, primeiro para os seus adentros, e despois nas comidiñas e comedelas nas que están ben exercitados.

Panoios ou paduáns, palimocos ou panecos que se pasman cando os seus adláteres son levados á trena despois de ventear o centeo ao aire das televisións e dos xornais para que escondan as súas vergoñas antes de que chegue a garda civil e a xustiza, hoxe por hoxe os menos corruptos do entramado sistematizado do poder que nos goberna e desgoberna porque a panoiez é o desgoberno, o mirar para o outro lado ou para o embigo dun mesmo sen pensar que a evacuación do diñeiro faise polos outros furados invisibeis para estes pasmóns ou pasmonas, que tamén as hai, que viven e conviven coa panoiez suma e sonora, e se cadra intencionada destes desgobernadores e desgobernantes do magma eruptivo volcánico do ouro incandescente que non queima nunca a man dos que o agarran, e por iso non chegan a devolvelo endexamais.

Devoradores do lume en colada de diñeiro, dragóns de boca acostumada á fundición serpeante do ouro e da prata, como non vos ven os panoios, se estades botando fume pola boca e quentades de lonxe a quen se vos acerca? Non vos enterades, panoios.

Panoios e panoias, ídevos para a casa!
Pídevolo o voso afectísimo

Xosé Otero Canto.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES