Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pan con poesía

jueves, 03 de mayo de 2007
Hanse preguntar moitos que teñen que ver as cousas de comer coas cousas de soñar. Os poetas e as poetas comemos pan, un ben básico, tan básico que, poetas ou non, todos designamos a totalidade das nosas necesidades coa expresión “gañar o pan”. Os que fan o pan, os que o venden e as persoas que o consomen, tamén precisan poesía porque é o alimento básico desa dimensión que nos distingue do resto dos animais: o pensamento, o sentimento, as aspiracións, os soños. Isto sabíao ben o poeta e enxeñeiro Gabriel Celaya, que escribiu: “Poesía necesaria como o pan de cada día”.
Non se trata de achegar dous contrarios para conseguir que se leven ben, non.
Poesía e pan teñen moito en común. O panadeiro, a panadeira, non fan o pan da nada: Precisan fariña, auga, sal, fermento e un forno. Nunca, endexamais, lle escoitei a ningún deles autotitularse creador, senón artesán.
O poeta, a poeta, tamén precisa a fariña das palabras, a auga dos versos, o sal dos sentimentos, o fermento da poesía escrita antes e o forno da intelixencia. Mais os poetas temos caído na tentación de considerármonos creadores cando non somos nada máis – nin nada menos!- que artesáns.
Un gran poeta chileno, Vicente Huidobro, que tanto influíu na poesía de vangarda, escribiu que o poeta é un pequeno deus. Non sei se pensaría nel, para desmentilo, o tamén chileno Pablo Neruda, no discurso de recepción do Nobel, cando dixo:
“ A miudo teño pensado que o mellor poeta é o home que nos entrega o pan de cada día: o panadeiro máis próximo que non se cre Deus. El cumpre a súa maxestosa e humilde faena de amasar, meter ao forno, cocer e entregar o pan de cada día, como unha obriga comunitaria. E se o poeta chega a alcanzar esa sinxela conciencia de se converter nunha parte desa colosal artesanía, dunha construcción simple e complicada, que é a construcción da sociedade, a transformación das condicións que rodean o ser humano, a entrega da mercadoría: pan, verdade, viño, soños. Se o poeta se incorpora a esa nunca gastada loita para consignar, cada un na man dos outros, a súa ración de compromiso, a súa dedicación e a súa ternura ao traballo común de cada día e de toda a humanidade, o poeta tomará parte na suor, no pan, no viño, no soño da humanidade enteira”. E acaba dicindo que só por ese camiño de ser xente común lle poderemos volver á poesía o largo espazo que nós mesmos, os poetas, lle fomos roubando.
Porque é certo que, querendo sorprender aos outros escritores e aos teóricos da poesía, fixémola incomprensible, endeusada, e negámoslla á mayoría da humanidade.
O de volverlla á xente, a súa natural destinataria se a consideramos un ben universal, é o propósito da Dirección Xeral de Difusión Cultural e da Federación galega de Panadarías. Eles entenderon o que autores de todo o mundo manifestaron no Festival Internacional de Poesía da Habana en 2006: “A poesía é un ben común / a poesía é un ben de primeira necesidade / a poesía salva o home / a poesía é imprescindible como a auga como o aire como o pan”.
Resumo de todo o dito ben pode ser este poema de Roque Dalton, un poeta guerrilleiro salvadoreño que morreu asasinado polos propios compañeiros que o acusaron erradamente de traidor: “Eu coma ti / amo o amor, / a vida, / o doce encanto das cousas / a paisaxe celeste dos días de xaneiro. / Tamén o meu sangue bule / e río polos ollos / que coñeceron o abrollar das bágoas. /Creo que o mundo é fermoso, / que a poesía é como o pan, / de todos. / /E que as miñas veas non terminan en min, / senón no sangue unánime / dos que loitan pola vida, / o amor, / as couas, / a paisaxe e o pan, / a poesía de todos”.
Parabéns pola iniciativa co rogo de que non escoiten se alguén dixer que isto non é práctico, que mellor sería gastar os cartos noutra cousa. O amor, as cancións, a festa, o recendo das flores... tamén din que non serven para nada, pero quen pode vivir sen elas?.
Persoalmente síntome moi honrada de acompañar o pan até os fogares lugueses, tal como acontece noutras poboacións de Galicia cos versos de Luz Pozo, María do Carme Kruckenberg, Xohana Torres, María Xosé Queizán, Marilar Aleixandre, Chus Pato, Pilar Pallarés e Eva Veiga, así como María Mariño, a autora á que se dedica este ano o recoñecemento das Letras galegas. Mulleres a seguir o camiño daquela que nos iluminou para sempre: Rosalía.

Marica Campo
Campo, Marica
Campo, Marica


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES