Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Equivocaríase noso señor?

jueves, 27 de abril de 2017
Serei máis breve do habitual, porque o que vou tratar está ó alcance de todos por ser moito de actualidade.

O domingo pasado, segundo da Pascua, lese cada ano no Evanxeo de Xoán algo do que parece ser protagonista o apóstolo Tomás, ou Tomé. Só parece, porque o verdadeiro protagonista é Xesucristo Resucitado, pero imos deixarnos levar polo que parece.

Algúns entendidos nestas cuestións diferencian e, ó meu curto entender, con razón, entre Xesús de Nazaré, o artesán de Galilea que se botou a predicador ambulante e foi crucificado en Xudea, e o Cristo, que ven a significar, o Señor. E só é Señor da vida e da morte o Resucitado. A fusión dos dous nomes en Xesuscristo quere expresar a unión do home Xesús co Señor -Kyrios en grego- co que no eido relixioso designamos a Deus.

Refrescando un chisquiño a memoria e ó mesmo tempo enchendo algo de espazo, Tomé foi o apóstolo que non lles creu ós compañeiros que viran ó Señor resucitado e pediu unha proba de moita envergadura: Ademais de ver, meter dedos e man nas feridas.

Dise que é o prototipo do home moderno que quere experimentalo todo pra que non lle dean gato por lebre. Será certo, pero o home e muller modernos tamén confunden peixe debidamente adobiado e condimentado con carne sen óso, sobre todo se lle lo venden nun mitin dos seus correlixionarios. O Señor naquela ocasión prestouse ó experimento, pero advertiu ó desconfiado Tomé dicíndolle: “Criches porque viches. Ditosos os que cren sen necesidade de ver”.

Pobre do que non crea nada do que non teña visto ou experimentado, porque nunca terá a certeza de se súa nai o é verdadeiramente. Nin se subirá a un avión antes de comprobar se o piloto aterrou sen mala novidade nesa viaxe que proxecta facer, nin mercará entradas pra unha corrida de touros, (e que non se me salfurien os antitourinos, que só é un exemplo), sen saber cantas orellas e rabos se cortarán.

Con todo, aínda que pode escandalizar e soar a irreverencia, ou case blasfemia sobre todo vindo dun cura, creo que noso Señor, -porque xa estaba resucitado-, equivocouse algo nesa sentenza na que nos anima a crer sen ver.

E se non, a ver como me explican o que vén a continuación tomado dunha publicación moi seria: “Os casos xudiciais relacionados con corrupción política en España, en 2015, supoñen unhas 1.700 causas e máis de 500 imputados ou investigados, pertencentes a beiras dun cento de partidos, de dereita, de esquerda, de centro e da periferia e a federacións ou organizacións de carácter político. Deses 500 só entraron 20 en prisión. En 2013, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, en España investigábanse 1.661 casos de corrupción”.

Que só 20 investigados, imputados, encausados e condenados fosen a prisión, demostra unicamente iso. Non demostra nada máis ca iso, porque moitos casos, a maioría, aínda están pendentes de resolución xudicial e como a xustiza, ademáis de lenta, por coxear, que en terminoloxía técnica dise claudicar, tamén é cega, pode tropezar polo camiño, e como tampouco non sempre oe ben, pode confundirse e tomar a voz do fiscal pola do defensor, como pasou con Dona Urdangarina.

Pra que buscar máis probas de que non sempre se pode crer sen ver? Ben claro o deixou Dona Esperanza Aguirre, Grande de España e Pequena de Alemania, e iso que, por ser muller, é intuitiva e pra máis, intelixente, experimentada e escarmentada.

Como non me resulta fácil crer que se equivocase noso Señor Xesucrito, e ademais poderían chamarme a capítulo por dicilo, penso que o problema ven dun recorte de tres palabriña na tradución do Evanxeo de Xoán. Quizais o orixinal dixese: “Ditosos os que cren sen necesidade de ver, excepto en política”.

Non quero que tampouco a eses servidores públicos, ós que parece perseguir a mala fada, lles falte, por imperativo legal, ademais da miña axuda económica tanto pra desenvolverse en liberdade como pra gozar dun trato especial en prisión, a miña oración por decisión libre e persoal: “Que sexan perdoados despois de restituíren, como Dios manda e a Igrexa nos ensina. Amén”. E, como non me gusta confundir ó persoal, aclaro que esta oración non leva emparellada a liberación do reato de culpa ou “fomes pecati”, nin indulxencias atenuantes de, malversación, branqueo, tráfico de influenzas, recualificación de terreos, negocios con vivendas de protección oficial, etc., etc., etc.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES