Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cada tremor

jueves, 30 de marzo de 2017
Cada tremor Souben por vez primera de Carmen Pereiras no 2010 mercé a unha magnífica novela de Juan Tallón, A pregunta perfecta (O caso Aira-Bolaño), distinguida no Premio Lueiro Rey. Nese libro, entre as páxinas sesenta e oito e sesenta e nove, logo de falar de Raymond Carver e antes de facelo de Juan Carlos Onetti, o narrador de Vilardevós fixaba a atención nunha xema escintilante: Pequenos infinitos, un volume de prosas poéticas que vira luz dous anos antes da man de Difusora de Letras, Artes e Ideas. Quedei intrigado e quixen saber máis, así que procurei o libro e confirmei as miñas sospeitas: alí había un voz caudal que debería seguir con atención.

Non tardei moito en confirmar a miña intuición. En outubro do 2013 a plaquette titulada “De esmagar descalza” gañou o II Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro por unanimidade, pois todos os que participamos naquel xurado ficamos impresionados pola calidade duns versos que desenvolvían unha “estética de dicción inquiridora e conceptual, reflexiva e íntima, inzada de metáforas ousadas, precisas, suxestivas”, tal como escribín entón.

Así as cousas, cando por man de Luís Alonso Girgado ―corresponsable da colección Os Libros do Loureiro de Follas Novas Edicións― chegou a min Onde a alma é unha chuvia tiña razóns máis que sobradas para sospeitar que se trataría dun poemario de valor.

Non me equivoquei. Este primeiro volume de versos de Carmen Pereiras amosa unha poética madurecida, coidadosamente decantada tras anos de puído lírico, que fan do conxunto un texto libre de ganga e adherencias espurias, todo el pura fibra literaria que moito paga a pena ler.

Dividido en tres grandes bloques e un poema epilogal, Onde a alma é unha chuvia é un canto triádico á orfandade da perda, á soidade das ausencias, á sombra do desposuimento. Na primeira das seccións (“Cando a néboa xogue nos territorios vencidos”) esa perda cífrase na lembranza da infancia rural que ficou arrombada na tulla da memoria, pero que hoxe non é senón un eco palpitante dun mundo irremisiblemente ido que, porén, dá sentido ao presente, pois nel ancoran as raíces do propio ser. Nestes poemas a invernía que aterece os recordos, os “arames de sol frío” e as “agullas descompostas dos reloxos atrasados” asolágano todo, creando unha miraxe fuxidía do que foi pero agora só é pura evocación, onde “cada tremor é unha volta ao mundo”, unha mancadura que doe no peito cando se trae á acordanza o tempo que marchou nas hortas ermas, nos corredores baldíos, nas nubes brancas de imposible reencontro.

A segunda das seccións (“Amar é unha certa sensación de ir tirando cos poemas”) evidencia a perda do amor ou, dito doutro xeito, o imperio do desamor, da renuncia e do sangrante recordo da pel que se quixo e xa non está de par dun. Aquí a palabra, o poema, tenta tensar un cabo de salvación, mais devén espellismo ou ladaíña que tan só terma do lamento, “versos desquiciados” para “ceos abaloucados sen escampos”, con “cartas que non chegan” e que se volven asunción da derrota: “non creo que nos versos teñan lugar as citas amorosas que nos poden cambiar a vida”.

A evocación das perdas deixa paso ao terceiro dos bloques (“O contorno na sen”), no que se concreta o presente do canto. Aquí a melancolía invade os versos e o silencio faise aínda máis mesto, ata o punto de que nin a divindade responde e todo vira en “porto de néboas”, “ollos de bronce”, “ruína” e “bechos do silencio” e “rosas escuras”. “Todo soidade”, “paredes núas”, “cordas vocais rotas”, “leitos finais” ata a declaración derradeira: “Rendeuse a luz/ que nos puxo no rostro a memoria das albas”.

En consecuencia, o poema en prosa que serve de “Proposta para un epílogo” é a un tempo a asunción da extinción do lume do sangue e tamén a proclamación da brasa ardente que segue a fulgurar: “Veño do esquecido. Refírome a unha danza misteriosa que xa non é posible. Unha danza de estrépitos sagrados que engaiolaba os ollos das panteras. Ecoa de maneira diferente en cada sitio e apenas me concede, das maxias milenarias, o tempo dunha vida”.

Onde a alma é unha chuvia é un deses libros que xustifican un ano literario. Ha dar moitas alegrías lectoras, só cómpre facerse con el.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES