Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con Díaz Castro en viaxe semanal por os Vilares de Parga

martes, 21 de marzo de 2017
Alfonso Blanco Torrado propuña hai tres anos unhas viaxes demoradas polos vieiros do poeta. Eu teño unha miña viaxe semanal moi persoal e particular.

Desde hai sete anos, camiño do cárcere de Teixeiro, a iso da tres e media do serán, paso cada semana por terras vilaregas. Desde Momán, Labrada e Buriz, chego á Citroën. Ao outro lado Requeixo, paraxe fermosa. E xa entro de cheo.

Lembro como naceu o Merendero e agora a cooperativa agraria que hai á fronte. Xa sería ben, por quen teña modo de facelo, recuperar a historia do “Sindicato” agrario dos Vilares. Tiven nas miñas mans cando neno números da revista “Galicia Social Agraria” e lembro ter visto referencias a Os Vilares hoxe por min xa moi esvaecidas e esfumadas no tempo e mesmo por iso case que esquecidas. Quen se decatara daquela que setenta anos máis tarde gustaría eu tanto ter conservado aqueles exemplares que penso que eran de cando a República!

Cada día, entre o que observo e o que leo, descubro unha cousa nova. Chámanme a atención a abundancia dos topónimos acabados en –ulfe, (lobo): Sesulfe, Nandulfe, Berulfe. E seguro que hai aínda máis.

A casa do Latoeiro da Ponte, a quen eu coñecín nas Feiras de Parga e do que escribiu marabillosamente ben o vilarego Raúl Río.

Que fermosa a igrexa e a praza cos cruceiros e as casas do conxunto daquela contorna. Cada unha cunha historia e estilo distinto. Moito me chama a atención a forma da construción dunha vivenda renovada de pouco. Póndose de costas á igrexa fica ao fondo, á esquerda.

As Reixas. Un pozo de recente restauración. E hai sinais dun Pazo. Aí lembro da miña infancia a Manolo de Benedicto. A Tiñaz, que nome tan xeitoso.

O monumento a Díaz Castro da autoría de Raúl Río. Logo, na esquerda, hai un pazo moderno con bandeiras internacionais. Penso que de Europa e non sei ben se da ONU.
Vén loguiño un indicador para Vilargavín. Na memoria teño aos de Veras e aos de Ciprián, algún deles dos meus tempos.

Xa na seara, sinalan cara a Drada e os Manchás. E vese a Corda de Montouto onde na croa se pode admirar a pouta de Roldán nunha rocha e a carón a fermosa capela do San Vitorio. Dese solpor fala o poeta. “O sol na Corda está enterrado hastra a metá”. “Que o sol siga o seu rego deica o mesmo cadullo”. “E no oco do lusquefusque vanse perdendo as miñas maus”.

Na caída do monte, polo nacente, fican O Vilariño dos Cregos e o casal solarengo do poeta. Agora andan na acertada teima de convertelo en museo e non deixar que no abandono o tempo o coma e derrube. Xa sería mágoa!

Avanzo na viaxe e rezo unha oración por alguén que finou nunha daquelas curvas hoxe modificadas onde na banda da esquerda hai no ras da beira unha capeliña funeraria con flores sempre frescas onde alguén, non sei quen, segue expresando a cotío a dor e a perda dun ser moi querido. De seguro que nesas flores hai un sufrimento fondo de figuras femininas. E tamén rezo por eles.

Máis adiante, pola dereita, fica Arxán (o letreiro di Arxá). “Quero morrer de música nunha tarde de pinos, ... e caer a modiño na sombra, como a lúa enterra as súas cornas tras de Arxán”.

De aquí coñezo unha fermosa historia, algo dramática, pero con bo final dunha moza que foi para Pígara. Cantas veces ma relatan os seus descendentes de Ferrol. Se o tempo xa a catalogase como prudente sería ben publicala. Heino falar con quen corresponde.

Como se deixa ver, hai moitos soños para esa “Lareira dos Soños”.

E seguen a rebulir en min varias asociacións de ideas: Os Vilares. Xosé María Díaz Castro. Pastora Veres a quen coñezo. E por ela váiseme o maxín á Divina Pastora e á súa romaría no Sant’Alberte: A Pastoriza do primeiro domingo de agosto. O río, a ponte, os prados..., onde eu me criei na primeira infancia.

E aquí, outra vez o poeta: “Desorballando os prados como sono, o Tempo vai de Parga á Pastoriza”, como tamén el veu de romaxe. Teño un artigo a medio facer desa peregrinación do poeta. Isto puido pasar entre os anos 1925-1935. Iremos con el en compaña e cumpriremos os ritos. Queres vir?
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES