Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Felipe Senén, Chairego de Honra

miércoles, 08 de marzo de 2017
Felipe Senn, Chairego de Honra Felipe Senén fai ben certa, na súa persoa e obra, aquela evocación de D. Ramón Otero Pedraio pouco antes do seu falecemento: “... naquel intre, cando tan poucas cousas tiñamos, había que facelo todo: viaxar, botar discursos, escribir nos xornais, estudar xeografía, etnoloxía, historia da nosa terra, que estaba sen escribir. O que non se podía era estar calados e quedos, porque o tempo, xa daquela, loitaba contra de nós”.

O grande escritor está a lembrar a multitarefa que se impuxeran os artífices e protagonistas do Segundo Renacemento da Cultura Galega -da Xeración do 16, en terminoloxía de Ramón Vilar Ponte-, renacencia que se funde e interactúa co nacemento do nacionalismo galego contemporáneo que así se chama e así se reclama.

O noso homenaxeado, Felipe Senén, coido que tomou boa nota desta manda de D. Ramón, a quen tratou e amou en vida, con quen tivo conversas e intercambio epistolar. E isto é así, porque, na súa traxectoria, observamos ese mesmo espírito multidisciplinar e esa mesma ansia por dar a coñecer a historia de noso, a arte, a etnografía, por aprendernos a ver e a escoitar monumentos e artefactos que claman por que os apropriemos, coñecéndomos o seu sentido, a súa función.

Como don Ramón nos anos vinte e trinta do século XX, tamén Felipe Senén, no ecuador dos setenta, comprende a necesidade de se pór mans á obra, de socializar os seus saberes, de crear conciencia galega, amor polo noso, de aplicar, en fin, a ilustración adquirida a un fin extra-persoal, de vocación e transcendencia colectiva. É así como comeza a colaborar con Chamoso Lamas ou, xa aos vinte anos, coa Agrupación Cultural ‘Auriense’, dirixida na altura por D. Xesús Ferro Couselo, o impagábel medievalista, ou como, anos despois, é cofundador da asociación cultural ‘Avantar’, do Carballiño, ou da agrupación cultural ‘Alexandre Bóveda’, da Coruña.

O seu curriculum é un amplo e continuado historial de amor ao país traducido en obras prácticas. Director do Museo Arqueolóxico de San Antón, na Coruña, desde 1975, dirixe a revista Brigantium e é pioneiro o seu traballo na arqueoloxía subacuática ou nun monumento tan definidor da cidade como o castro de Elviña.

O labor sociopedagóxico que realiza á frente deste centro, así como a través de publicacións, conferencias, viaxes, guías... e peregrinaxe por moitos lugares do país revela ben ás claras a súa vocación de mestre de mil aulas, de xeneroso “repartidor” de moita sapiencia e de moita estima colectiva. Non menor foi a súa participación en empresas culturais decisivas no renacer da conciencia galega e de meios de comunicacións proprios. Impagábel, por exemplo, a súa sección “Da arte e dos xeitos” do semanario A Nosa Terra (do que foi socio fundador), como, igualmente, as súas colaboracións periódicas en El Ideal Gallego ou en Sermos Galiza, así como o maxisterio constante en xornadas da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e doutras organizacións sociais e culturais de toda a Galiza.

A súa bibliografía científica, de amplo espectro, acompáñase do labor del proprio como ilustrador, cartelista, debuxante e pintor. Méritos todos que acreditan a súa pertenza a prestixiosas institucións como o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o Instituto JoséCornide de Estudos Coruñeses ou a Real Academia de Belas Artes, da que é secretario.

En 1996, pasa a ocupar a praza de técnico de xestión cultural da Deputación da Coruña, cidade na que é amplamente coñecido e recoñecido, grazas tamén ao seu traballo á frente da Asociación Amigos dos Museos e do local “Portas Ártabras”, verdadeira ágora aberta e plural para tantas e tantas actividades culturais. Ben pode honralo A Coruña, pois, como fillo adoptivo de ben merecido historial, a el, carballiñés de pro, que sempre gardou amizade a paisanos seus (porque O Carballiño é unha canteira de sabios) como César Varela, Cesáreo Sánchez Iglesias ou Carlos Varela.

Coñecín a Felipe Senén en anos moi distantes do século pasado. Foi simultáneo o coñecemento da persoa e a leitura do seu estudo sobre a prehistoria da Galiza publicada no primeiro manual de historia de Galiza dos tempos modernos. Foi a promovida polo Frente Cultural da Asemblea Nacional-Popular Galega. Detrás dela, viñeron moitas, algunhas con todo tipo de patrocinios, mais alguén comezou o edificio, e Felipe Senén pertence a este gremio, o das persoas que demiten de calquer promoción unipersoal e biográfica para faceren país, para dotáreno do que precisa, sen protección oficial nen financeira, na intelixencia de que a obra colectiva faise con accións prácticas e con ideas que se levan a termo.

En 2010 tiven a honra de comisariar, con el, a exposición “A derradeira lección do mestre”, dedicada a Castelao, no Museo Provincial de Lugo, a exposición temporal, por certo, que rexistou a máis alta afluencia de público de cantas organizou este centro.

O voso homenaxeado gañou aprezo e recoñecemento social cos seus dous nomes, á maneira de Manuel Antonio ou de Manuel María. Abonda. Non precisamos lembrar os apelidos, porque a identificación é segura e inequívoca.

Ben pode facer seus estes versos lapidarios do seu grande amigo Manuel María: Nós, que aínda estamos vivos, defendemos / a inviolabilidade do universo / e, con ela, a lexitimidade total dos soños certos.

Felipe, ti contribuíches decisivamente a que unha parte dos nosos soños se convertesen en realidade e en exemplo e estímulo do que nos resta por conseguir para unha Galiza plena e dona de si. Moitas grazas por todo o teu traballo, por unha dedicación sen pausa a significarnos e a explicarnos como galegos, por tanta entrega xenerosa e sabia. Que reine nos seus días o Entroido verdadeiro e venza os impostores que queren disfarzar decote a nosa personalidade nacional e os dereitos que a acompañan!

(Palabras de María Pilar García Negro, no Museo do Pobo Galego, o 24 de Febreiro de 2017, na entrega do título de "Chairego de Honra" a Felipe Senén pola Asociación Xermolos-Irmandade Manuel María).
García Negro, María Pilar
García Negro, María Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES