Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manifesto no Día de Rosalía

domingo, 19 de febrero de 2017
En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente.

A lírica que abraza os versos de Rosalía posúe as cores reveladoras da primeira luz. Imaxino a Rosalía no século XIX e vexo unha muller que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas de
construción masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer cambalear os piares do inmobilismo.

Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais.

Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por
cada fenda.

En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa.

Insubmisa e valente. A voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación
contra a violencia machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas!

A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se estremece por momentos.

Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega.

Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz.

Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres
ata facelas sangrar.

Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte.

En Galicia existen infinitas formas de chover:
Como chove miudiño,
como miudiño chove,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove
e con esa maxia pronuncio: babuxa, chuvisca, poalla, chuvieira, barruzo, dioivo. A lírica que arroupa os versos de Rosalía é un bico anfibio.

Debaixo da auga nada a pracer, presumindo das súas branquias. Fóra dela, quita o traxe de escamas, mete as mans na terra e arrinca un libro e unha flor.

Esa coa que hoxe queremos agasallar ao mundo. #RosalíaTe!

(Leído por Ledicia Costas, no Día de Rosalía, no nome da Asociación de Escritores en Lingua Galega).
AELG: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
AELG: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES