Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No Día mundial da Radio

lunes, 13 de febrero de 2017
Con motivo da celebración do Día Mundial da Radio, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar o papel esencial que representa a radio como medio de proximidade na nosa contorna. O Día Mundial da Radio celébrase este ano baixo o lema "A radio es ti", co que se reivindica como o medio de comunicación más dinámico e reactivo, funcionando como elemento cohesionador das comunidades.

No ámbito galego é salientábel a súa función como medio de proximidade, que ofrece información inmediata adaptada ás características do poboamento do país e establece unha relación moi persoal cos e coas ouvintes daquelas zonas que non cubren outros modelos mediáticos. A isto cómpre sumar o seu valor como xerador de emprego en todo o territorio. De acordo co estudo A comunicación en Galicia 2015, case 350 radios están a emitir en Galicia na actualidade, e neste medio traballan un 17% dos membros da profesión, segundo o informe A situación laboral dos e das xornalistas galegos e o impacto da crise no sector.

Malia este valor, a radio continúa a ser un dos sectores máis castigados pola crise, con expedientes de regulación de emprego executados en varias canles e unha constante precarización do emprego. Resulta especialmente preocupante o feito de que, a máis de tres anos da última adxudicación de licenzas radiofónicas efectuada pola Xunta de Galicia, varias das concesionarias aínda non desenvolveran as emisións, polo que non están a cumprir a súa función nin como medios de comunicación local nin como xeradoras de emprego na zona. No caso dos medios públicos, asemade, xéranse cada certo tempo rumores e preocupación polo seu desmantelamento en zonas menos poboadas, o que deterioraría aínda máis a pluralidade e a calidade da información. O mantemento e a estabilidade das emisoras e delegacións radiofónicas, tanto públicas como privadas ou comunitarias, é un factor esencial para termos unha información máis libre, plural e próxima.

O Día Mundial da Radio foi establecido pola Conferencia Xeral de la Unesco en 2011, a proposta da Delegación Permanente de España. A data escollida, o 13 de febreiro, conmemora o día na que se creou a Radio das Nacións Unidas no 1946. Os obxectivos desta celebración son concienciar acerca da importancia da radio, alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio e mellorar a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión. En todo o mundo, realizanse actividades conmemorativas e programacións radiofónicas especiais.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES