Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As andanzas do deputado Freire Castrillón

jueves, 09 de febrero de 2017
Manuel Freire Castrillón(Santiago, 1751–1820) foi o que se coñecería agora como un político bailanacriba.Traémolo a esta palestra porque foi deputado pola provincia de Mondoñedo desde o 18 de xullo de 1810 ata setembro de 1813 nas constituíntes Cortes de Cádiz.

Na cidade natal foi comerciante de quincalla, copropietario da fábrica de curtidos de Vidán, pioneiro do xornalismo en Galicia e precursor no uso do galego na escrita. Tamén foi político virachaquetas, primeiro liberal e despois absolutista. Como escritor de certo éxito é autor de numerosas obras, a maioría en castelán, algunha en galego ou en castrapo, case todas de contido moral ou filosófico. Entre os títulos máis coñecidos “Derechos del hombre” e “Derechos de la Iglesia”, asinadas como Manuel Freyre de Castrillón, Diputado de Cortes por Mondoñedo, publicadas en 1813.

Na etapa liberal da súa biografía atacou con dureza os vicios dos eclesiásticos. Foi procesado, acusado de ler obras de Febronio. En 1778 foi expedientado pola publicación dun poema no que ridiculizaba as romarías e o culto das imaxes dos santos. En 1803 enviou ao goberno unha carta solicitando a reforma do tribunal da Inquisición, polo que foi amoestado. Xosé Ramón Barreiro Fernández apunta a posibilidade de que os dous textos coñecidos como “Diálogos de los Estercoleros” de 1807 poidan ser da súa autoría.

En 1808 muda radicalmente de bando ideolóxico. Coma se de un novo Paulo se tratase, de liberal pasa a profesar con belixerante entrega a causa absolutista; ataca a liberdade de prensa, reivindica os dereitos da igrexa e da monarquía, e a defensa do Santo Oficio. En 1809 publica “Remedio y preservativo contra el mal francés del que adolece parte de la nación española”. En 1813 na “Estafeta de Santiago”, xornal que fundou e dirixiu, publicouse unha carta en galego contra un liberal, cuxa autoría se lle atribúe, un dos escasos textos publicados en galego naquel entón. En “Gazeta marcial y política de Santiago” do 12 de agosto de 1813 dedícanlle este soneto:

De sus pecados Freyre arrepentido
con el buen Chantre así se confesaba:
“Me acuso, ó padre, de que siempre andaba
en inmundos pecados sumergido,
al próximo hice mal, y no me olvido,
de mis versos, papeles y letrillas:
Yo...! Yo eche á tierra aquellas cedulillas...!
La piligrina...!!! ¡Ay Dios! Perdon os pido...
La celeste piedad, Chantre, le dice.
es tanta, y es tan grande su clemencia,
que en un momento al pecador bendice:
Yo te absuelvo, y porque tu conciencia
con remedio eficaz se tranquilice,
escribe la estafeta en penitencia

Entre maio e xuño de 1814 celébranse en Compostela con gran solemnidade procesións e cerimonias relixiosas para festexar o regreso de Fernando VII e o restablecemento do Santo Oficio, actos que contribúe a costear o xa exdeputado, reconvertido neste período nun temido delator de liberais, fosen segrares, eclesiásticos ou profesores da universidade. Chegou a denunciar diante do santo tribunal ao bispo de Lugo, García Benito, por mor dunha pastoral publicada o ano antes. O bispo tivo sorte e resultou exculpado.

Tras o fracaso do pronunciamento de Porlier, a traición fora custeada con cartos do Cabido compostelán, Freire foi nomeado procurador síndico xeral e secretario da Inquisición.

O levantamento de Riego en febreiro de 1820 ten como consecuencia principal a volta dos liberais que obrigan ao rei a xurar a Constitución e a aceptar a supresión da Inquisición.

A persecución dos absolutistas durante o trienio liberal foi intensa, aínda que máis bravas serían as “purificacións” por parte dos absolutistas a partir de 1823. Freire Castrillón conseguiu fuxir a Portugal onde participou na creación da chamada “Junta Apostólica” que tiña por misión organizar a resistencia realista.

O goberno español solicitou a súa detención e entrega en xullo de 1820 mais nunca sucedeu. Suponse que morreu pouco tempo despois, uns din que en Portugal en 1820 e outros que foi por Italia á altura de 1823.

(Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo)
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES