Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pimentel e o crime das sacabeiras

miércoles, 01 de febrero de 2017
Collo a escada e subo por ela ata alcanzar o andel máis alto da biblioteca para, como Pimentel e o crime das sacabeirasacostumo, esquecerme do que en principio debera facer. Collo un libro que non visito hai moito e ábroo, ao chou. O título “Luis Pimentel. Obra inédita o no recopilada” (1980) da autoría da profesora Araceli Herrero Figueroa. Os primeiros versos que leo xa me sobrecollen pois tendo a pensar sen pensar: Sobre un puente de niebla, cuantos muertos de pié! A poesía de Pimentel é así, dardos avelaíños como a sombra do aire na herba.

Procuro, outro hábito que non consigo corrixir, a relación de Luis Benigno Vázquez Fernández-Pimentel con Mondoñedo. Di Araceli Herrero que a nai, que se chamaba Consuelo Fernández Díaz, era mindoniense. E tamén sei, non sei onde o lin, que sendo estudante de Medicina en Compostela, ano 1916, coñeceu a unha moza de familia mindoniense, aínda que ela nacida en Compostela, de nome María del Pilar Cayón Fernández. Pilar era unha das once criaturas que tiveron por fillos, 5 homes e 6 mulleres, Pedro Cayón e Vicenta Fernández, donos e residentes nunha casa de aires pacegos que aínda hoxe existe moi ben conservada no barrio de San Lázaro. Nesta mesma casa celebraron a súa voda Luis e Pilar un domingo, 12 de outubro de 1930, ás cinco da tarde. Tiveron unha filla, de nome Rula, e que —segundo uns versos do pai— chegou coa primavera, por un sendeiro xunto ao río, onde os chopos tremen.

Para o asunto que nos ocupa hai dous datos máis de interese no libro que nos ilustra. Un bosquexo literario titulado “Boceto para un retrato de Lence-Santar”, publicado en Faro de Vigo na primavera de 1945 e reproducido polo mesmo xornal cando se produciu o pasamento de Lence en xaneiro de 1960. Un texto profundamente poético no que Pimentel lle di ao noso primeiro cronista que vive onde mellor podían vivir as súas barbas e a súa alma.

O outro vínculo de Pimentel con Mondoñedo, ademais das moitas visitas que realizou coa súa esposa, cóntao el mesmo nun artigo asinado por V. P. (Vázquez Pimentel) en El Pueblo Gallego do 12 de xaneiro de 1951. Fala dunha obra titulada “El crimen de las sacaveiras”, un proxecto teatral da súa autoría, inspirado nun suceso acontecido en Mondoñedo. Describe o escenario como un “cartelón puerilmente espeluznante como los que sirven de ilustraciones gráficas a los romances que refieren crímenes famosos”. E fala da súa intención, con esta e outras obras, de crear un teatro de esencias populares pero de presenza artística moderna e renovadora, á maneira de García Lorca.

Uns días despois do pasamento de Pimentel, que se produciu o 13 de febreiro de 1958, Ánxel Fole publicaba en El Progreso un artigo no que revela que Pimentel lle lera un drama humorístico que escribira, inspirado nun crime de cartel de cego acontecido en Mondoñedo. Non se cita o título pero parece evidente que se trata da mesma obra. Un dos personaxes chamábase “O Fatigas”; segundo don Ánxel, Pimentel dicía que en Mondoñedo abundaban os personaxes curiosos.

Non sabemos cal puido ser ese suceso tráxico que inspirou a Pimentel pero, ao mencionarse as sacabeiras, animal ignífugo segundo as crenzas populares, sospeitamos que se trata dun crime a rebordar de paixón.

Lamentablemente, segundo nos di Araceli Herrero na obra citada máis arriba, non se deu con ese texto entre os papeis do escritor.

(Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo).
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES