Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Santuario da Virxe dos Milagres de Saavedra (3)

jueves, 12 de enero de 2017
III. A festividade e o territorio de Graza do Santuario.
A festividade da Virxe dos Milagres conmemorase anualmente o día 24 de maio mais poden acudir devotos ofrecidos ao longo de todo o ano Santuario da Virxe dos Milagres de Saavedra (3)(1). Tamén se celebra aquí a patroa da freguesía, Santa María, o día 8 de setembro (2), e maila Virxe das Angustias o terceiro e cuarto domingos deste mesmo mes. Como é lóxico, a maior concentración de xente, en número dunhas 10.000 persoas, dase na primeira das datas citadas. A festividade dos Milagres data tradicionalmente -segundo José Díaz Teijeiro- “do primeiro milagre levado a cabo na época da invasión francesa en España. Sen embargo a súa festividade non comezou a celebrarse ata os primeiros anos do século actual, sendo organizada por varios devotos da Virxe Milagrosa” (3). Nas miñas visitas a este santuario puiden comprobar a presenza de fieis dos seguintes municipios:

Provincia de Lugo: Abadín, Begonte, Bóveda, Burela, Castro de Rei, O Corgo, Friol, Guitiriz, Guntín, O Incio, Lourenzá, Mondoñedo, Monforte, Muras, Ourol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Portomarín, A Pastoriza, Quiroga, Ribadeo, Samos, Sarria, Sober, O Valadouro, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove.

Provincia da Coruña: Aranga, Betanzos, Cesuras, A Coruña, Curtis, Ferrol, Oza dos Ríos e Teixeiro.

A esa relación habería que engadir algúns romeiros do occidente de Asturias, o que pon de manifesto a importancia deste santuario mariano e o seu amplo territorio de graza.

De todos os xeitos, o núcleo que máis devotos aporta é a cidade de Lugo, feito razoable se temos en conta que na capital da provincia se concentra unha importante cantidade de persoas que teñen as súas raíces na Terra Chá. Aínda que moitos ofrecidos fan o camiño a Saavedra a pé, a abrumadora maioría chega o día 24, en autocares ou en vehículos particulares.

Por outra banda, este santuario foi moi visitado por moitos peregrins a Compostela, que seguindo a Ruta Norte e, logo de acceder a Vilalba, encamiñabanse a este recinto sacro onde encontraban cobixo e esmola. Posteriormente seguían o camiño en dirección a Sobrado por terras de Gaioso. Este feito queda reflectido nunha cabeza tocada cun gorro e vieira, colocada sobor da porta da sancristía (4).

IV. AS Peticións e promesas
Os devotos acoden, consonte é habitual, ao recinto sagrado para pregarlle á Virxe a concesión dalgunha petición ou como agradecemento por un favor recibido. Ás veces, tamén veñen para acadar algunha intercesión para outras persoas, que non poden vir por algunha doenza. Entre as peticións máis relevantes están as doenzas humanas de distinta índole e a encomendación para os nenos, que van a nacer, ou para os recén nacidos. Tamén tratan de buscar unha solución a diferentes problemas de carácter familiar e social.
Santuario da Virxe dos Milagres de Saavedra (3)
No que atinxe á promesa, esta pode consistir nun contacto directo e sagrado de forza moral entre a persoa e Deus por medio de advocacións cristolóxicas, marianas e de santos. “Para chegar con máis seguridade a ese Deus, non sempre persoal, o galego bota man dos santos e da Virxe…” (5). Sen embargo, o santo non sempre é un intermediario ante Deus , como o define a igrexa, senón que ten un poder inherente ao seu ser. “O Santo pode ser un ente con poder que lle son propios” (6). A promesa á divindade reproduce dunha maneira clara o sistema social vixente, no que a maioría das persoas actuan a cambio dunha posterior prestación, cando chegue o intre axeitado. “El inrtercambio de dones entre una persona y un ser sagrado es algo universal y fuertemente vinculante” (7). Neste santuario cómpre facer alusión a tres arquetipos de interacción entre os devotos e a advocación mariana: así, o máis habitual é que a promesa sexa “a posteriori”, é dicir, a entidade sacra outorga a petición ao devoto e, logo, este realiza a promesa. Esta modalidade recibe tamén o nome de “ofrenda condicionada” (8). Sen embargo, hai devotos que levan a cabo unha serie de rituais e ofrendas no intre de pregar a mediación da divindade ante un problema determinado; trátase dun cumprimento “a priori”, xa que os diferentes rituais e ofrendas teñen lugar denantes de que sexa concedida a petición. Esta forma de relación recibe o nome de “devoción peticionaria” (9). Finalmente, outro modo de interacción dos devotos coa entidade sacra e acudir todos os anos en gratitude ao don concedido antano. Sería, polo tanto, unha ofrenda de acción de gracias.

As promesas máis usuais, que se realizan neste santuario, están ligadas ao cumprimento de diferentes rituais e ofrendas.


NOTAS:
1. Cando o día 24, cae en venres, sábado, domingo e luns, o párroco adoita engadir un ou máis días de festividade.
2. En Saavedra houbo unha confraría adicada á patroa da freguesía: A Nosa Señora. Esta asociación foi administrada por un mordomo ata finais do primeiro cuarto do século vinte e logo polo párroco da freguesía. Ámbolos dous cumprían as seguintes funcións:
1ª. Recada-las tarxas dos confrades que pagaban ó comezo medio real. Nas décadas dos setenta e oitenta deste século os confrades pagaron aproximadamente quince pesetas. 2ª. Aluga-la cera a persoas que non pertencían a confraría. 3ª. Recolle-la esmola que os fregueses da parroquia deixaban no peto adicado a patroa da freguesía. 4ª. O importe das tarxas, o aluguer da cera e a esmola recollida empregábana en pagar a cera do enterro dos confrades defuntos, nalgúns actos litúrxicos e noutras cargas. 4.1. Actos litúrxicos. O administrador da confraría levaba a cabo seis misas de fundación ofrecidas ós confrades. Os cregos asistentes recibían unha remuneración pola súa tarefa. A partir do ano 1915 o administrador da confraría, ademais das seis misas de fundación, comezou a organizar unha función solemne a véspera da festividade da patroa. Asistían cinco ou seis cregos que recibían ó principio un estipendio de quince pesetas. Algunhas veces a función solemne pagábaa un devoto. Desde o ano 1937 o párroco da freguesía organizou só unha función solemne o día oito de setembro á que asistían seis cregos. Algúns devotos pagaban ás veces esta función relixiosa. No ano 1960 o párroco da freguesía comezou a planificar, ademais da función solemne de setembro, tres misas durante cinco anos consecutivos. Logo só organizaba a función de setembro dedicada á Virxe e ós confrades. 4.2. Outras Cargas. No ano 1924, o administrador da confraría mercou uns floreiros para ornamentar o altar da Virxe. O seu prezo foi de vintedúas pesetas. No ano 1925 mandou facer uns traxes de seda á Virxe, adornados e pintados polas monxas agustinas de Lugo. O seu prezo foi de cento trece pesetas. No mes de decembro ou xaneiro, o rector da asociación facía as contas da mesma referentes ó presente ano ou ó anterior. A maioría dos anos a confraría remataba con superávit, ficando este en poder do administrador que era o seu responsable. Na década dos cincuenta, o párroco da freguesía depositou o excedente da asociación no banco da Coruña, de Lugo. Na década dos sesenta e metade da dos setenta, o párroco ingresou o superávit na caixa diocesana. A partir do ano 1976 o párroco fíxose cargo do excedente da asociación.
Nesta freguesía houbo outras dúas asociacións de confrades: a do Santísimo e a das Ánimas
(Blanco Prado, José M.: “As confrarías relixiosas nas freguesías de Saavedra e Trobo nos séculos XiX-XX”).
3. DÍAZ TEIJEIRO, José.: Recuerdo del Santuario de Nuestra Señora de los Milagros de Saavedra (Lugo), Santiago : El Eco Franciscano, 1971, páx. 11.
4. ABEL EXPÓSITO, Xosé Manuel. Categoría: Linaxes. Saavedra-Begonte. www.xenealoxía.org.
5. MOREIRAS SANTISO, Xosé.: “A relixiosidade popular no sector rural”, en Rev. Encrucillada, nº 9. Ed. Sept, Vigo, 1978, páx. 64.
6. LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín.: “Paganismo e cristianismo na relixiosidade popular”, en Rev. Encrucillada, nº 9. Ed. Sept, Vigo, 1978, páx. 45.
7. MARIÑO FERRRO, X.R.: Ob. cit., 1987, páx.. 272.
8. GONDAR PORTASANY, Marcial.: Crítica da razón galega. Entre o nós-mesmos e nós-outros, Vigo: A Nosa Terra, 1993, páx. 153.
9. WILLIAM CRISTHIAN, A. Jr.: Religiosidad popular. Estudio antropológico en un valle español. Madrid: Tecnos, 1978, páx. 134.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES