Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De Chapela a Vigo andando vin

miércoles, 11 de enero de 2017
No coche de San Fernando volvín hai uns días dende Chapela a Vigo andando. Semella que algunha vez debeu de pescar Redondela con nocturnidade, na súa mareira rede, esta parroquia, pois máis semella estar irmandada co veciño Teis de Vigo. O coche de San Fernando (no que se vai “un pouco a pé e outro pouco andando”) levoume por un continuo e fermoso sucederse de veigas e pétreas casiñas do país, que algún día viñeron da aldea montesía e se namoraron do mar. E alí ficaron. Oxalá para sempre. Asegúrovos que vos é ben barato e cómodo o coche de San Fernando. Non me cobraron un céntimo para o ben que nel se vai. Nin tiven que esperar a que por fin chegase o enorme e ben aqueloutrado baúl con rodas de VITRASA, nin laiarme tiven tampouco de que por un tris o perdese. É tamén de por si ben ecolóxico o de San Fernando.

O maino vento, gratis tamén, que pola dereita dende a ría aloumiñaba a miña face fixo que me decatase de que ela –a nosa mansa e misteriosa ría- vive, respira e sobre todo sempre está aí, para nós. Para que a ollemos, pacificamente deitada ó pé dos montes que a protexen, igual sempre a si mesma. De momento aínda non pensaron os entendidos en colocar rañaceos ou esveltas torres no medio e medio dela para que golfiños e grandes peixes puidesen apulicar ata o máis alto e dende alí albiscar mellor os montes que arrodean a ría. Moi posiblemente pouca falta lles farían a eles eses miradoiros, mais o enxeño humano évos case infindo e sería quen de maxinar e construír cousas así. Ou incluso poderían pensar eses entendidos que non deixa de ser mágoa que un espazo tan amplo como o que ocupa esa inoportuna ría estea tan pouco aproveitado para nela podermos erguer senlleiras edificacións para os nobres humanos.

Tardei ata a porta da casa en Teis pouco menos dunha hora, a paso de boi calmo, o do coche de San Fernando. O corazón batía sen bater no peito ó seu ritmo natural. Saudei de camiño e aloumiñei floriñas cativas e humildes herbas que ó meu paso me ollaban entre húmidas regañas de vellas pedras de muros e valados que se erguían á beira mesma da beirarrúa. Faleilles baixiño en galego a elas porque sei que coñecen ben a nosa lingua. Somos elas e mais eu de aldea e saben coma min que, se non o facemos baixiño, berrarannos os cidadáns por falarmos entre nós nunha lingua da que eles (pobres!) apostataron.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES