Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un corazón en aluguer

lunes, 09 de enero de 2017
Os corazóns rotos sofren. Non hai ruptura que non produza dor e que non requira dun tempo máis ou menos longo de recuperación que permita á persoa saír a flote de novo e continuar a súa travesía. Durante ese proceso de dó, que consta de varias fases, a persoa debe lidiar con numerosos sentimentos de cariz negativo que fan difícil ver a luz ao final do túnel. A intensidade dese estado, o efecto que ten sobre a persoa, fainos crer que é algo exclusivo dos humanos, algo que nos fai únicos. Mais ás veces un ten a sensación, tímida e case inconfesable, de que no mundo da materia inerte existen tamén corazóns rotos, obxectos que, aínda carentes de vida, non son alleos ao sufrimento.

Pensen por exemplo nalgo tan común como os locais comerciais baleiros, sobre todo nos que levan tempo sen albergar negocio algún. En ocasións un pasa por diante dun deses establecementos e atópaos tristes, cun aire nostálxico, coma se fosen conscientes do estado de abandono no que se atopan. Por momentos mesmo parecen precisar de alguén que os escoite, alguén con quen compartir a súa historia. Se puidesen facelo, se puidesen contarnos a súa vida, pode que nos falasen de como pasaron de ser un espazo animado, epicentro dun negocio próspero que acollía numerosas conversas e chismes, a ser un espazo sen vida; sombra baleira do que un día foi que mira atrás melancólico coa única compaña dun triste cartel de inmobiliaria. Iso debe ser o máis parecido a un corazón roto. Os paralelismos non rematan aí. Se as persoas podemos chegar a tocar fondo en momentos de desamor, recurrindo á súplica e a outros mecanismos que poñen en entredito a nosa propia estima, os pobres locais comerciais non se quedan atrás cando teñen que ver como os carteis de aluguer comezan a multiplicarse no seu escaparate principal. Cada un deses anuncios é unha nova labazada para o local, que ten que presenciar como o seu propietario o ofrece desesperado a diferentes axencias co obxectivo de desfacerse del.

Ás veces eses locais vacíos conservan aínda o rótulo do último negocio que alí se estableceu, a última sinal de vida: Peluquería Loli, Panadería O Forno, carteis carentes de sentido xa que dentro desas catro paredes fai tempo que non se arregla flequillo ningún e dende logo o forno, se todavía se conserva, non está para bolos. Eses rótulos tamén han de sufrir o seu, sabedores de que tralo peche do negocio son tan inservibles coma o local, anuncios que non anuncian nada. Veñen actuar coma eses recordos de relacións pasadas que un todavía garda na memoria sen saber moi ben o motivo, capítulos anteriores da nosa vida que a mente se resiste a esquecer por completo, por que será?
Riera, Martiño
Riera, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES