Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Gardados no faiado

jueves, 05 de enero de 2017
Hai días nos que a tristura, a preguiza e o cansazo apertan e se fan sentir no vivir cotiá dos er humano.

Nunha tarde na que as pingas de auga quedaban presas nas fiestras da alcoba. Nunha desas tardes nas que ao mediodía xa se xunta coa noite, día gris, que convidaba a durmir para axudar a esquecer as preocupacións que andaban a pulular dentro da cabeza.

Rematado, había poucos días, o mes dos santos e dos defuntos, e a tristura do tempo aínda non nos marchara, dei voltas pola sala grande e volvín á porta da casa sen saber que facer. De súpeto veu á miña cabeza un forte desexo, o de subir ao faiado. Era bo momento para ir na busca das figuriñas do Belén, xa que o mes do Nadal estaba no seu comezo e as posibilidades de ter que compoñer algún brazo ou perna da lavandeira ou un corno da mula do presebe eran ben grandes.

Preto do caixón no que durmían os persoeiros do Nacemento, imaxe de onde Deus se fixo carne para salvar a humanidade, qué atopei? Dei alí cunha caixiña de cor ocre cuberta de po.

Abrina,pois xa non lembraba o que nela se gardaba e de sorpresa atopei libriños de cor laranxa, verde, violeta, marrón, amarelo, vermello e verde forte. Foi entón cando exclamei: ¡O arco da vella do Belén de Begonte!

Tratábase de atopar os libros titulados : “O Nadal”, onde se agachaban os escritos testemuñas dos certames de xornalismo e poesía, que ao longo dos anos foron facendo historia deste tesouro chairego que a cada tempo do Nadal se fai realidade na vida do noso pobo, en espírito co pobo de Belén de Xudá.

Comecei a ollalos. Entrei así no mundo máxico do Nadal de Begonte. Mentres ía lendo as poesías escritas con gran dozura e sentimento propios da alma e do corazón dun neno, as bágoas esvaraban polas miñas meixelas: “O neno dorme, María cántalle, Xosé vixía e agarda….”

Nos relatos lembraba, as historias que ao longo dos anos foron facendo acontecemento de gran importancia e de gran renome: aquel proxecto do ano 1972, cos apuntes recollidos do centro de Someso por aqueles emprendedores chamados Xosé, un Domínguez e outro Varela, que cada ano dende o lugar onde vive o verdadeiro artífice do Nadal, eles vixían cada detalle mandando raios de luz para iluminar a todos aqueles que continúan con este fermoso labor.

Ao pasar as páxinas ía lembrando as persoas, que ao longo destes anos foron plasmando as súas vivencias deste marabilloso belén.

Ao ollar cada un dos artigos recollidos neste tesouro escrito, lembro as visitas ao recinto do belén, a música das panxoliñas, e de súpeto aparece o pobo a rexurdir: acéndense as pequenas luces das casas que mostran a vida de cada día, a convivencia, e veciñanza, as xentes nas súas faenas cotiás, os oficios tradicionais da nosa terra, algúns xa esquecidos no tempo. As figuriñas parece que permanecen alleas ás miradas dos visitantes.

A auga corre paseniño, pode ser as do Parga ou mesmo do Ladra. O que importa é que son as augas dos ríos que se unen na amizade veciñal.

Os zoqueiros poñen os remates nas súas pezas nas que están a traballar, mentres a lavandeira retorce e pousa no tendal a roupa que cheira a frescura.

Os lóstregos alumean no medio da noite e a neve déixase pousar suavemente bicando os penedos das montañas, namentres as estrelas conversan coa lúa no ceo chairego e xudeu ao mesmo tempo. O pescador, o que cada ano pon a punto a súa cana, mira para o río que está a xogar coas pedriñas que se atopan na beira. Os reis, como cada ano, camiñan porque queren chegar ao portal para adorar o neno. Herodes segue a pensar no poder, no odio e no desamor.

No portal un pote bota fume. María e Xosé comparten os valores máis fermosos: a bondade, a entrega, o amor, a solidariedade, o respecto.

O neno dorme e o gando dálle á paisaxe un aire fermoso como parte da obra creada por Deus.

A noite, vai facéndose presente, vou recollendo as caixas máxicas dos libros e das figuras da casa.

Mañá comezarei a obra, quero dicir, a montar o belén familiar. Dende estas terras do mar, comezarei a faena: o musgo, as serraduras, as figuriñas… irán facendo posible o milagre do Nadal, do misterio da presenza de Deus no mundo.

Este ano, xunto ás imaxes de barro porei os libros que recollen a experiencia vivida na escrita de tantas persoas que viviron o gozo do Nadal. Será un xeito de unir a Terra Cha coa Mariña. No meu belén estarán presentes o Belén de Begonte que é unha lumieira, no medio de Galicia, da Terra Cha e do mundo.
Escourido Basanta, Xosé Román
Escourido Basanta, Xosé Román


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES