Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pelexas

viernes, 28 de octubre de 2016
Vin o video da pelexa de dous menores duns colexios de Lugo rodeados de compañeiros que observaban o espectáculo. Fixeime que de cando en vez alguén un pouco maior entraba na liza para separalos e logo volta a empezar, o que daba a impresión de que era unha liorta dentro dunha orde, é dicir debía estar regulamentada dalgún xeito, cousa que era de agradecer porque fai nada menos que uns 60 anos eu era un menor que estudaba o bacharelato nos Salesianos de Ourense e istas pelexas rodeadas de espectadores a saída de clases estaban a orde do día e ocorrían sen regulamentación ningunha.

Pola discrepancia que fose ou polo desafío de medir forzas o “espérote a saída” era unha frase abondosamente recurrente entre os colexiais daqueles tempos. Corríase a voz e á saída, no lugar elexido e coa concorrencia avisada presente, iniciaban o seu duelo ata que algún deles pedía “papas” e rematábase a función, a veces ata había empate. Pero daquelo non se enteraban nin os curas, nin os país, nin a policía e por suposto non había móviles nin internet, así que ao día seguinte ata podíase ver aos rivais de onte xogando ao futbol xuntos no recreo.

O curioso disto é que en xeral as cousas solucionábanse por si soas sen ter que intervir nin profesores, nin país, nin psicólogos, nin policías nin administración de menores. Os que se pelexaban adoitaban ser compañeiros de curso e polo tanto amigos, rifaban por algo, pero tiñan que seguir sendo compañeiros de curso, de xeito que ao final remataban sendo tamén amigos. A rivalidade solucionábase per se.

O que non existía entón era o bulling, nin o abuso de número, é dicir que varios alumnos golpeasen a un só compañeiro, incluso o abuso unipersoal era rexeitado maioritariamente polos rapaces. O chamar a unha persoa “abusón” era denígralo e a ninguén gostáballe selo, incluso en casos de intentos de abuso sempre aparecía alguén máis forte a defender ao débil con aquel “por que non abusas de min e non do rapaz". Por iso as pelexas sempre eran entre iguais e resultaban inherentes ao carácter duns nenos que estabamos nunha etapa indefinida da nosa vida e tamén constituían un feito de reafirmarnos coma homes.

O certo é que os rapaces daquelas pelexas das que ninguén se enteraba salvo eles e quen lles rodeaban remataron sendo médicos, abogados, profesores, funcionarios, empresarios, hosteleiros, etc... Algúns, xa xubilados, reunímonos anualmente para falar dos vellos e novos tempos pero nunca das nosas pelexas.

A cuestión, entón, atópase cando a pelexa polos avances tecnolóxicos actuais deixa de ser un feito humano natural privado para converterse nun espectáculo masivo público que incentivado polos medios de comunicación rematan penetrando no abraio social que obriga a porse en movemento incluso a policías e xuíces de menores, nunha tolemia colectiva e inculpatoria dos rapaces, penso que aínda máis prexudicial para eles que as propias pelexas. Ao fin de contas, eles e as súas obras non son outra cousa que a consecuencia dos productos tecnolóxicos que crearon os seus maiores.
Muñiz, Ramón
Muñiz, Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES