Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Visita reais a Mondoñedo

jueves, 20 de octubre de 2016
O día 4 de outubro de 2016 achegouse a raíña Letizia a Mondoñedo para saudar o comezo de curso dos ciclos formativos deste 2016-2017. Parabéns ao IES San Rosendo, que foi o meuinstituto e é o público de referencia para unha ampla comarca, e agradecemento á S. A. R. e ás autoridades intermedias, por lembrarse de que Mondoñedo existe.

Desexamos que avisita fose pracenteira e que as persoas que ven os telexornais descubrisen que Mondoñedo pode deixar de ser unha “perfeita e descoñecida illa” para transparentarse en “unha sombra noviña recénnascida e núa, terra adentro”.

Logo desta visita é momento de lembrar que antes dela visitaron Mondoñedo representantes da realeza como a duquesa de Lugo, a infanta Elena, e o seu entón esposo, Jaime de Marichalar. Foi en maio do ano 2000. Nos discursos mencionáronse os solemnes e fermosos monumentos, o patrimonio material e humano, e o desexo compartido de construír un espazo vivo de convivencia e progreso en Mondoñedo. Cóntame Fran Bouso que se habilitou unha das aulas da Granxa por se a duquesa se puña de parto, pero non fixo falta; Victoria
Federica non naceu ata o 9 de setembro.

Cando en España non había monarquía, recibimos en 1949 a Carlos Pío de Habsburgo-Lorena y Borbón, o requeté cruzadista carlista que pretendía reinar en España como Carlos VIII, e a Carlos Hugo de Borbón Parma y Borbón Busset, carlista tamén pretendente ao trono de España que se faría chamar Carlos Hugo I, recibido con toda solemnidade polas autoridades civís e relixiosas locais o 13 de xuño de 1964.

E en xullo de 1976 pasaron por Mondoñedo Balduíno e Fabiola, reis de Bélxica.

Pero antes, moito antes,o 2 de xullo de 1914, a infanta e princesa de Asturias Isabel Francisca de Asís de Borbón y Borbón, filla primoxénita de Isabel II e de Francisco de Asís, parou en Mondoñedo.

O día non viña de cara. O coche da infanta pinchara a roda esquerda baixando Sasdónigas. A entrada en Mondoñedo fíxoa baixo unha choiva torrencial. O alcalde, Francisco Díaz Portas, tivo que ausentarse dos actos por encontrarse mal. Morrería ás doce e media daquela noite.

Despois da recepción, o bispo Solís convidou á S. A. S. a xantar pero ela rexeitou o ofrecemento xa que estaba de loito polos Arquiduques de Austria, Francisco Fernando e Sofía von Chotek, que foran asasinados había tan só catro días. O que si aceptou, xa que se consideraba que era a primeira persoa real que chegaba a Mondoñedo, foi que o Orfeón Veiga interpretara na súa honra a “Alborada” do mestre. Aínda que este dato de ser a primeira persoa da realeza que visitaba Mondoñedo está discutido pola memoria e pola tradición, pois o rei Pedro V de Portugal cando andaba en amores coa nosa malograda actriz Manuela Rey, puido estar (sábese en que casa) polos mediados do s. XIX.

En conmemoración desta visita, a corporación mindoniense púxolle o nome de Infanta Isabel á Avenida dos Remedios, denominación que se mantivo ata a década de 1930 do século XX. A infanta Isabel morrería en París, no mes de abril, poucos días despois de proclamarse a segunda República en España.

Abandonou Mondoñedo con destino a Viveiro, despois de deixar nas mans do tenente alcalde, Alejo Ferreiro, unha doazón por valor de cen pesetas con destino aos pobres.

Mais como a fame sempre acorda, a comitiva fixo a parada para comer na “casilla” dos peóns camiñeiros que había e hai no Alto de Arroxo, xa en dominios do concello de Lourenzá.

A infanta bebeu en cazolas de barro do país e comeu pan de Mondoñedo, e antes de partir deixou 50 pesetas para cada un dos dous peóns camiñeiros que alí residían, en atención ás incomodidades causadas.

Uns días despois, o avogado Abelardo Goás e o historiador e futuro cronista, Eduardo Lence, que é quen o conta, foron buscar as cazolas polas que tan alta damabebera. Mais, a onde foron parar aqueles cazolos? Quen os ten agora?
Non sei se dona Letizia tomou algo en Mondoñedo. Non me importa o lugar onde o fixese; tanto ten, hai moitas e boas casas de comidas. O que si lle pido a quen andase ao seu arredor é que se tivo ocasión de pillar un prato, un garfo ou unha culler que ela usase, que mas reserve, que é de cronistas, desde o primeiro, E. Lence, procurar eses utensilios como proba dunha, doutra máis, visita real a Mondoñedo.

(Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo).
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES