Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As San Lucas, oito séculos en oito días

viernes, 14 de octubre de 2016
Este sábado arrancan As San Lucas, as feiras máis antigas de Galiza e farano co pregón da triatleta paralímpica Susana Rodríguez Gacio, todo un exemplo de superación persoal.

Teremos por diante oito días para celebrar oito séculos de historia que comezou cando Afonso Raimúndez, O Emperador, que fora rei de Galiza, León e Castela rubricou o documento no que reza: “…Celébrese alí un mercado o primeiro día de cada mes e unha feira de oito días. E quen queira que impida, o mercado ou a feira, será perseguido por min e polo meu fillo e pola nosa descendencia…..”

O programa de festexos vén cargado de propostas ben atractivas e diversas, con novidades tan destacadas como o Premio Mondoñedo10 que nesta primeira edición elixirá a mellor obra de narrativa publicada en Galicia e en Galego nos dez últimos anos ou concertos como o de Susana Seivane e Cristina Pato que por primeira vez actuarán xuntas nun espazo singular como é a catedral.

A isto hai que sumarlle espectáculos únicos como a chegada das greas de cabalos que baixan dos montes que rodean o val ou a feira tradicional do 18.

Verbenas coas mellores orquestras de Galiza, exhibicións hípicas, teatro, músicas de tódolos estilos, maxia, monicreques, monólogos, deportes tradicionais, conferencias, exposicións e espectáculos como o encontro folclórico ou Voces da Paula completan a oferta de actividades lúdicas e culturais que desde o sábado, 15 ata o domingo, 23 (oito días e oito noites) atraerán xentes chegadas desde os máis diversos lugares.

Comeremos polbo e callos, pasearemos por entre os postos na procura dos obxectos máis insospeitados, atoparémonos con amigos e coñecidos cos que cadramos de ano en ano, falaremos, cantaremos, bailaremos e sentirémonos orgullosos de ser como somos e de compartir cos demais o mellor da nosa terra. Se non están de ánimo ou se lles parecen excesivos os días de festa non digan nada, non vaia ser que apareza Afonso VII ou algún dos seus descendentes.

O esforzo e traballo realizado pola comisión organizadora, con Miguel Souto á cabeza, debe ser agradecido por tódolos mindonienses e desde aquí vai o meu particular.

Vémonos nas San Lucas!!!
Bouso, Fran
Bouso, Fran


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES