Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Susana Rodríguez Gacio, a pregoeira das San Lucas 2016, exemplo de superación

sábado, 08 de octubre de 2016
Do 7 ao 18 de setembro deste ano celebráronse en Rio de Janeiro os XV Xogos Paralímpicos. Esta foi a primeira ocasión na que o paratriatlón estivo presente no programa oficial dunhas Paraolimpíadas. Entre os seleccionados para participar nesta modalidade deportiva que combina natación e carreira a pé e en bicicleta figuraba a galega Susana Rodríguez Gacio (Vigo, 4 de marzo de 1988).
Susana Rodríguez Gacio, a pregoeira das San Lucas 2016, exemplo de superación
Susana preséntase no seu blog (susanarg.com) dicindo que naceu en Vigo “porque os meu pais tiñan o seu traballo nesta cidade, a pesar de que toda a miña familia é dunha vila chamada Mondoñedo”. Efectivamente, a parentela da paratriatleta procede de Argomoso, lugar co que nunca perderon vinculación e que visitan con moita frecuencia.

A deportista naceu, segundo as súas palabras, cunha “característica distinta que me fai especial”, trátase de albinismo oculocutáneo, unha condición xenética hereditaria que provoca ausencia de pigmento no pelo, pel e ollos, así como importantes problemas de visión, Susana ten dito que “eu vexo como unha cámara de fotos de moi mala calidade”. Por esta razón, a campioa de Europa e do Mundo de paratriatlón, competiu na clase PT5 xunto con outras deportistas que presentan deficiencia visual total ou parcial, todas elas foron acompañadas dunha guía e disputaron en tándem o tramo en bicicleta.

Susana Rodríguez, que acaba de rematar os estudos de Medicina na Universidade de Santiago e que posúe, desde hai uns anos, o título de Fisioterapeuta, é un exemplo de superación persoal, ela entende que “todos somos diferentes dalgún xeito e esas diferencias pode que nos pechen algunhas portas pero tamén abren outras”. Na actualidade estase formando na especialidade de Medicina Física e Rehabilitación.

As finais de paratriatlón das Paraolimpíadas de Brasil celebráronse no Forte de Copacabana o domingo, 11 de setembro polo que cadrou coas festas dos Remedios, pero ese non foi impedimento para que todo Mondoñedo e contorna estivera pendente dos resultados.

A de Supena acadou un estupendo 5º posto (diploma olímpico), cunha diferenza de +3:11 sobre a primeira clasificada, a australiana Katie Kelly que completou a proba nun tempo de 1:12:18. As británicas Alinson Patrick (1:13:20) e Melissa Reid (1:14:07) acadaron a prata e o bronce respectivamente, polo que Susana estivo a menos de minuto medio de traer medalla.
Susana Rodríguez Gacio, a pregoeira das San Lucas 2016, exemplo de superación
Nos días previos á proba, en Mondoñedo, respirábase un ambiente de apoio cara a triatleta e de recoñecemento polo esforzo e a capacidade de superación. A nova do quinto posto foi moi ben acollida entre a veciñanza.

Antes de marchar cara Río, a campioa do mundo, anunciou que aceptaba o ofrecemento da Asociación As San Lucas para pronunciar o pregón das feiras e festas máis antigas de Galicia na súa edición 860. O acto que dará inicio aos oito días de feiras e festas terá lugar o sábado, 15 de outubro ás nove menos cuarto da noite no auditorio “Pascual Veiga” de Mondoñedo.
Bouso, Fran
Bouso, Fran


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES