Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Avelino Díaz

jueves, 06 de octubre de 2016
Aquí, no Pedregal de Irimia, a carón desta fonte, berce e nai do Pai da Nosa Terra, quero dicirvos que é para min un honra dirixirme a todos vós neste día de afirmación patriótica, en nome e representación da Asociación Cultural AVELINO DÍAZ, nesta IV FESTA DA AFIRMACIÓN E DIGNIDADE.

Somos, como ben sabedes, un colectivo que ten como obxectivo divulgar a vida e a obra de Avelino Díaz, poeta da diáspora, nacido na Órrea, no concello de Riotorto, vai xa para 120 anos, e finado en Buenos Aires hai tamén xa preto doutros 40 anos.

Cando todos os que xa imos canosos, estudabamos naquelas escolas franquistas de exhaltacíon nacional catolicista, que procuraban a uniformidade cultural e nas que nos obrigaban a estudar e aprender nunha fala estraña –xa que logo, o uso do galego estaba vetado e proscrito–; recitabamos de memoria, aquel parágrafo que rezaba: “el río Miño nace en Fuenmiñana, en la sierra de Meira, provincia de Lugo”. Avelino, coñecido no mundo literario da emigración, como o Poeta de Meira, terra que cantou e gabou como nunca o fixo ninguén, escribía dende o seu desterro porteño: “Río Miño, río Miño / quen dixo que naces en Fonmiñá / se cando pasas polo Monterredondo / xa vas feito un rapaz”. Esta terra meirega estivo sempre na retina e no corazón do Avelino, quen xemía dende a lonxanía: “andiven moito polo mundo/ tiven moito medo a me perder/ cando me atope en Meira/ non hei ter medo a morrer.

Deixou a Terra Avelino por primeira vez con tan són doce anos, contra a súa vontade, por certo, xa que el mesmo di: “ levado pola cobiza dunha familiar. Foi un acto de obedencia, como se me mandaran ir sachar as patacas ó horto ou ir coas ovellas ó monte”.

A emigración foi, amigos e amigas, unha constante da nosa Galiza, unha sangría, contra que clamaba Rosalía: “este vaise e aquel vaise/ e todos, todos, se van/ Galicia sen homes quedas/ que te poidan traballar/. O propio Avelino escribeu: “Erguede muros nas praias/ pechade as portas do lar/ pra que non poidan fuxir por elas/ os que queiran emigrar!

Desgrazadamente, aínda hoxe, os nosos mozos e as nosas mozas teñen que seguir collendo o vieiro da emigración, na procura dunha oportunidade, que, por desventura, aquí non atopan.

Estamos na IV Festa da afirmación e dignidade, e estámola celebrando galegos e galegas que vivimos de cote na Terra. Poderíamos facer o esforzo mental de nos situar na cabeza dun dos milleiros dos emigrantes da década de 1920? Homes e mulleres que partían de Galiza sen, tan sequera, moitas veces, ter visto o mar nunca, e descoñecendo, por suposto cal sería o destino ó que os levaría o vapor no que embarcaban nos portos de Ribadeo, de Vigo ou da Coruña… e que sorte habían de correr as súas vidas en Terra estraña.

Imaxinemos tamén, pois, a percepción do seu propio mundo e como interiorizarían dous sentimentos ben encontrados: por unha banda, a ansia de procura dunha vida mellor, e por outra, o fondo desacougo que lle suporía a separación, na maior parte dos casos, para sempre, dos seus seres queridos e da Terra que os vira nacer.

A necesidade de afirmación identitaria e de percepción da propia dignidade, individualmente, pero tamén como grupo social diferenciado, debeu ser unha constante no Buenos Aires da época, no que lle tocou vivir a Avelino. Ó analizar a súa poesía decatámonos de que, en realidade, na súa obra conviven dúas almas distintas, dous poetas case que antagónicos. A súa poesía en castelán amosa un poeta declaradamente lírico e intimista e, se me apurades, profundamente relixioso. Pero na súa poesía en galego que, con diferenza, é a máis importante en volumen e tamén a máis profunda e penetrante, atopamos un poeta social, reivindicativo e mesmo político, se o queredes así… e incluso aparentemente afastado das crenzas relixiosas. Na súa faceta de xornalista é este Avelino o que aparece tamén.

Todos os Avelinos nos importan, pero é precisamente o Avelino combatente o que mellor acae nesta Festa reivindicativa que celebramos hoxe porque el, precisamente, pasou medio século en Buenos Aires tratando de autoafirmarse como cidadán galego, ao tempo que contribuía dun xeito absolutamente protagonista e máis alá do que as súas forzas e a súa situación llo permitían, á autoafirmación e á dignidade da colectividade galega.

Foi Avelino, como todos ben sabedes, un gran poeta, un recoñecido conferenciante e xornalista; pero foi por enriba de todo un gran humanista, un home de ben, feito a si mesmo, un galego cabal, un gran patriota que traballou arreo por manter vivas na colectividade emigrante a nosa Fala e a nosa Cultura, a memoria de Galiza en suma; loitando dende o desterro contra a ditadura e soñando cunha patria libre de caciques e lubicáns.

Este ano chamamos á porta dal Real Academia Galega, solicitando para Avelino o Día das Letras do ano 2017; tamén, como ben sabedes todos, non fomos escoitados. Pero quero proclamar hoxe aquí que somos contumaces e teimudos e que ficaremos na soleira da porta da Academia, reclamando ano tras ano o enxalzamento do noso poeta, porque entendemos que os tempos son chegados nos que esta Galiza, que se di próspera e moderna, recoñeza como se merece a un dos seus fillos que, aínda sendo de barrelo humilde, foi nobre de corazón e de cerna egrexia.

Avelino pertence a ese selecto grupo de “bos e xenerosos” que fixeron da defensa da Patria, da Fala e da Cultura, unha razón e un xeito de vivir. Consideramos de xustiza, logo, que a máxima institución das nosas Letras, dedique todo un ano a honrar a súa memoria, propiciando de paso, que o seu enorme legado sexa estudado por especialistas, como se merece, e coñecido e valorado polas novas xeracións.

Daquela, na persoa de Avelino, estaremos honrando todos e todas a moitas persoas anónimas e sinxelas coma el, que fixeron que milleiros de emigrantes non esquenceran a Terra nin a Fala e sentiran fachenda da súa orixe.

Permitideme para rematar, que en nome da Asociación a que pertenzo, vos pida a todos e todas, apoio para que a Academia faga xustiza cun ilustre esquencido e teña a ben adicar AS LETRAS DO ANO 2018 á figura de AVELINO DÍAZ.
Moitas grazas.

(palabras de Carlos Veiga, en representación da Asociación Avelino Díaz, na IV FESTA DA AFIRMACIÓN E DIGNIDADE, celebrada o domingo, 2 de setembro de 2016, no Pedregal de Irimia, primeira fonte do Río Miño).
Veiga, Carlos
Veiga, Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES