Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mans de Irimia

jueves, 06 de octubre de 2016
Cando hai poucos días recibín a chamada de Alfonso Blanco, estaba no hospital tratando de arrincar a miña mai das gadoupas da morte.

Non estaba para festas. Mais el faloume de AFIRMACIÓN, de DIGNIDADE. Da conveniencia de se rearmar en momentos de fonda melancolía.

Eran valores que inevitablemente teñen que me remitir agora a miña MAI falecida hai unha semana e cuxo funeral foi onte mesmo.

Representa (relativo a ela non conxugarei nunca o pasado perfecto nin imperfecto) a muller total, confundida coa terra (a que a un tempo fía, ama e ora, en palabras de Curros Enríquez; a que Erika Jong aseguraba que tiña dereito a estar eternamente cansada). MONOLINGÜE, por tanto natural, auténtica, sen polución; sufrida, laboriosa, discreta, exhaustiva no relato, de prodixiosa memoria, coherente, con precisión no falar, mestra da oralidade, testemuña da tradición, con experiencia infinita e identificación cunha terra, un lugar, un modo de vivir adecuado ao ritmo do tempo, acompasado coa Natureza, mesmo na vestimenta, na alimentación, nos costumes...

É o valor inconmensurable do AUTÉNTICO.
O apoio firme, seguro, o alimento moral que agora me falta
Ela representa a DIGNIDADE, porque coa súa actitude vital construíu a miña PATRIA, a miña NACIÓN.
E hoxe permitídesme reafirmarme coa lembranza en quente do seu tránsito, porque me nego a falar de pasamento. Aquí onde abrolla a vida do interior da TERRA. Aquí de onde parte a arteria maior do meu reino. O pastor dos ríos, que como diría o poeta, vai chamando a súa numerosa prole de unha a outra beira do país, esa raza de nomes perdidos na noite dos tempos: Anllo, Azúmara, Magdalena, Ladra, Lea, Parga, Támoga...

Fermosas palabras para xuntar unha tribo. E déstesme a oportunidade de acompañar na lembranza a un dos intelectuais galegos que máis teño admirado. Pepe Chao Rego, con quen compartín tarefas docentes e investigadoras, a quen teño por referente perpetuo, de quen tiven como obra de cabeceira o seu Libro da auga, para quen eu mesmo recollín como agasallo un frasquiño con auga de todos e cada un dos ríos da Terra Chá. Douvos as grazas por elo.

Sen me decatar, ao longo dos anos coido que fun contribuíndo modestamente a acoutar pola súa periferia esa matria literaria que ficaba condenada a se perder na indixencia, aquí por detrás da Corda: tratei de librar das garras do esquecemento os versos secuestrados de Crecente Vega, e con eles a expresión máxima da cultura campesiña e das súas xentes; negueime a aceptar que a memoria de Francisco de Fientosa ficase tirada nunha anónima cuneta do barrio madrileño de Aravaca, e reafirmo aquí que o seu sangue luxado polo rancor alleo non é quen de enmudecer unha das voces senlleiras do 36 e o máis fiel discípulo de Lorca, a quen acompañou na vida e mais na morte. (Quizá a Fundación Manuel María, na súa xenerosidade, nos poida axudar a tirar do prelo a monografía dos seus contos, verdadeiras xoias da nosa prosa máis singular). Logo quedaba traer de volta á terra o traballo xornalístico e literario de Manuel María González, nado das augas miñotas que corren ceibes polos prados de San Cosme de Piñeiro e sepultado medio século atrás polas areas quentes que o tiraron dunha moto en Tetuán.

Sen me decatar, eu seguía sempre o ronsel do Miño que ía labrando en min o devezo polas voces que fixeron da PAISAXE a súa razón suprema, de xeito tal que quen procure a mensaxe máis certa, verdadeira e segura, a voz da NATUREZA, ten que vir aquí ao norte do país e percorrer como eu o fixen os sendeiros trillados por Noriega Varela entre as chorimas dos toxos, e sentir a pena escrava do labrego da Corda aló por Lamanide como outrora fixo o Señor das Palabras, Alvariño de Seivane.

Eles foron prendendo en min ese gosto pola palabra xusta, ben medida, a mesma que sempre admirei na miña querida mai. Mais para iso hai que ter raíces fondas e hai que aprender a mirar atrás e respectar.

Foi así como aprendín, seguindo o reclamo da NATUREZA (a miña ideoloxía pura e certeira), a buscar pola Chaira a pegada dos habitantes máis lonxevos, das árbores vetustas e singulares, símbolo da grandeza do noso país. Mais nesa viaxe eu non procuba simplemente madeira, nin grandes edificios naturais, non, o meu foi sempre un combate contra o tempo que me tocou vivir, unha loita entregada por facer visible o que agora lle chaman a “paisaxe cultural”, a cuarta dimensión, o pouso da experiencia, o que verdadeiramente importa, conceptos que agora cobran aínda máis forza nestes días que empeza o outono, a plenitude, cando como a nosa vella dicía, “mesmo os pobres teñen que comer”.

Cada árbore que eu recollín no noso catálogo era unha ligazón coa terra, a simbiose que proxecta a vida das árbores no ser humano e viceversa, a metáfora da construción nacional, da identidade máis nosa. O poder das raíces, o símil da inmortalidade. (E algunha relevancia debía ter o noso traballo, que ás poucas horas xa alguén se tiña apropiado del na internet).

E nesta paisaxe cultural que hoxe nos acolle para renacer galegos, como quería Pepe Chao, propoño substituír esa perífrase innecesariamente descritiva que fai referencia ao nacemento do Pai Miño, simplesmente polo nome propio do lugar: O Pedregal de Irimia, para non matar as palabras, para conservar a vida. E ao seu carón ese xeito fermoso que tivo o noso pobo de interpretar a mensaxe destas curiosas pedras: brincando dunha para outra entre o rumor da auga que fai camiño por entre elas, escoitaredes que foron os páxaros ao servizo de unha bruxa vella e fea quen sepultaron aquí ao marido co que rifaba a cotío, mais tamén vos dirán os meiregos que o que realmente aconteceu é que en tempos moi antigos houbo neste lugar un pequeno mosteiro ocupado polos frades do Císter aos que o demo lles tiña unha grande envexa, motivo polo cal acudiu cos seus secuaces para chimpar as pedras enriba do mosteiro baixo unha enorme treboada, de non ser porque os frades se tiraron a rezar propiciando a aparición de grandes claros, entre os cales se puido ver a imaxe mesma de San Bernardo, facendo recuar os demos que na súa precipitada fuxida deixaron as pedras amoreadas neste Pedregal de Irimia.

A mesma lenda que seica algúns fregueses de Meira aínda recordan ter visto no antigo coro do mosteiro dos bernardos sobre unha cadeira decorada co milagre.

Ese é o mundo que nos pretenden negar, a distinción, a semente. Levamos un tempo esforzándonos porque non morra a memoria do camiño medieval que aproveitaba a cunca do Eo para vir ao encontro do Miño desde o mar e alcanzar a fin do mundo polas chairas de Meira, Pastoriza e Castro de Rei. Prolongo así un esforzo inxente de moitos anos para mostrar que nos camiños vellos está todo e que xa non hai respecto pola memoria das xentes que por eles transitaron. Un tecido viario no que humildemente teño afondado meticulosamente con esa visión multidisciplinar que está na esencia do labor de Chao Rego. Agora, funcionarios con corazón de ferro están a converter o tesouro dos nosos camiños históricos nunha mercadoría, nun comercio depredador das esencias, están zugándolles o sangue e o seu espírito. Disfrazan a destrución coa bandeira fraudulenta da falsa progresía.

Cando tirei do camiño primitivo, da primeira vía xacobea documentada; cando ao longo de dez anos recuperei os cen últimos documentos literarios galegos perdidos polo mundo para mostrar que o galego estaba aí, no outono medieval, da mao da escola de Macías O Namorado e o Marqués de Santillana; cando despois de numerosas pescudas din coas actas da Galicia Literaria que Vesteiro Torres doara á Universidade de Santiago pouco antes do seu triste suicidio e onde se proxectaba a publicación de Os galegos pintados por si mesmos, que logo eu fun dando á luz en tres luxosos volumes para que non morrese aquel fermoso retrato dos homes, das mulleres e mais do noso ciclo de costumes a través dos gravados e artigos de época; en fin, cada vez que eu sufridamente emprendía un maratoniano proxecto, decátome agora que sempre ollaba atrás, buscando osixenarme, procurando o ar que beberon os meus, a miña raza, o meu pobo, o máis grande que teño, o que explica canto de pequena cousa podo ter.

É ben curioso que nesas leas domésticas sobre o lugar exacto no que nace o Miño, vénme á memoria a explicación lúcida da miña vella sobre a discusión paralela que a polémica cuestión ten desatado verbo do río Azúmara e esa teima oficialista por reducilo todo a fríos números. Así, mentres a súa tribo de pastores polas Veigas de Feás daba nome preciso á Fonte do Azúmara na pequena e fermosa charca formada entre os carballos da aldea de Sarceda, ao pé do seu castro e do último pozo de caza de lobos, o denominado Rego do Ouro baixaba da miña parroquia nativa desde medio quilómetro máis arriba; en tanto, a administración allea ao valor cultural e sentimental da paisaxe levaba o nacemento a un brazo distante que se tiraba desde as estribacións da Serra da Ferradura. Reclamo sentidiño e respecto para o modo en que a tradición soubo resolver, mesmo na toponimia, o poder simbólico das fontes e do berce dos ríos, tamén deses ollos que abrollan desde a fondura das augas tanto nun caso coma no outro, sexan os ollos do Miño ou do seu fillo Azúmara. Os localismos non son máis que a expresión da miseria mental e intelectual.

Coa forza renovada do noso espírito, aquí onde o silencio e a pureza da auga non poden encher de vafo o valor das palabras, dígovos que temos que ser quen de liberar de eucaliptos a serra de Meira, porque nun proxecto serio de reconstrución dun país maltratado pola historia non hai cabida para axentes colonizadores traídos de Australia para acabar coas augas mozas do pai dos ríos galegos.

Amigos e amigas que tanto agarimo me mostrastes neste día, estouvos eternamente agradecido e agardo que nos sigamos encontrando no territorio dos soños e que ese soño se asemelle cada vez máis á realidade. Moita felicidade e saúde para contármolo. Obrigado por nos seguir nesta procelosa andaina e cando voltedes ao Pedregal, só vos pido como un favor persoal que vos lembredes de ofrendar unha pedra máis en recordo de quen máis quixen.

Até sempre, compañeiros! Firmeza e dignidade!

(Palabras de Ricardo Polín, despois da entrega da MAN como homenaxe ao seu labor, na IV Festa de Afirmación e Dignidade, celebrada o 2 de outubro de 2016 no Pedregal de Irimia).
Polín, Ricardo
Polín, Ricardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES