Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Consideracións sobre o plano de Xestión do Lobo en Galiza

miércoles, 24 de enero de 2007
Consideracins sobre o plano de Xestin do Lobo en Galiza Estando finalizado xa o período de exposición pública do denominado Plano de Xestión do Lobo en Galiza, as persoas e colectivos asinantes desexan facer algunhas consideracións en relación ao seu contido, co ánimo de contribuir á reformulación do citado documento.

O pertinaz sostemento da idea da 'caza do lobo' como alternativa integrabel na política de conservación da especie evidencia a 'inercia' coa que se traballou na elaboración do plan de xestión. As directrices que ao respeito defendía o anterior governo acomodáronse sen esforzo á acción política do novo executivo, convertíndose nunha 'eiva' que lastra o proprio documento. A 'obsolescencia' e probabilidade de 'fracaso' que arrastra o modelo do 'aproveitamento cinexético' desvirtúa a imaxe pretendidamente progresista que se quere transmitir e invalida parcialmente o proprio plan ao ser 'inviábel técnicamente' a sua aplicación.

A 'cicatería' coa que actuou a anterior Xunta en materia de acumulación de información sobre o lobo non pode respaldar a apresentación dun plan de xestión. A información dispoñíbel é 'fragmentaria no tempo' e limitada na interpretación e dimensionamento
dos factores que inciden na conservación do lobo. Aliás, é patente a 'superficialidade' na descrición da realidade ecolóxica que rodea o mundo desta especie no noso país e que opera tensionando a sua relación coa povoación humana. O tratamento destes aspectos pon en cuestión a validez do conxunto do documento apresentado.

Case 36 anos despois da apresentación da tese de doutoramento do veterinario Pedro Iglesia Hernandez 'Los caballos en régimen de semilibertad o caballos salvajes de Galicia', onde se apontaba o "papel fundamental dos cabalos bravos galegos na ecoloxía do futuro" de Galiza, seguimos sen dar pasos no avance cara á 'integración efectiva' destes animais no noso 'patrimonio natural', e aínda máis, percébese nalgunhas
zonas un acusado 'descenso' no número de exemplares, debido a que os proprietarios se están a desfacer das suas greas. Considerando a importancia que teñen estes animais na conservación do lobo, sorprende comprobar cómo nun documento da trascendencia do Plano de Xestión a aportación ao respeito sexa tan escasa, o cal reforza a afirmación efectuada no epígrafe anterior.

Con unha experiencia diversa, contrastada e enfrontada através dos anos coa máis variada realidade rural na Península Ibérica, resulta frustrante dispoñer dun 'sistema compensatorio limitado' á pecuaria menor ou á gandería guardada e vixilada. Semella perentorio establecer un sistema flexíbel que 'extensifique os beneficios' que a compensación de danos representa para a conservación do lobo.

Apesar da facilidade para apreciar a transversalidade con que a realidade da problemática do lobo impregna a acción de governo, o plano de xestión non contempla o establecimento de mecanismos que persigan dotar de 'coerencia' as políticas de conservación da biodiversidade e de desenvolvimento do medio rural.

Por todo o anterior, cremos que resulta de obrigada consideración reformular ou re-elaborar o citado documento, de maneira que se contemple:

1. A 'invalidación' de todos os aspectos do plan nos que se contempla o 'aproveitamento cinexético' do lobo.

2. O 'reforzamento' dos aspectos descritivos do plan, tanto no referido á dispoñibilidade de 'información demográfica' actualizada e homoxénea no tempo, como ao manexo de 'datos detallados' que permitan analisar e interpretar adecuadamente os aspectos ecolóxicos nos que se integra a existéncia do lobo en Galiza. Será en base a estes datos que se determinarán as medidas de control da especie.

3. En relación co anterior, abordar con carácter urxente a realización dun estudio descritivo detallado do 'estado actual da cabana equina' que pasta libre nos montes do país, aprofundando nos aspectos demográficos, morfolóxicos, sanitarios, ecolóxicos e de propriedade, coa fin de posibilitar o 'ordenamento non traumático' deste aproveitamento e a exploración das posibilidades e aplicacións que a raza galega de poni apresenta, alén dos aspectos estritamente económicos, tanto para a política de conservación do lobo como para a de prevención de incendios.

4. Coa fin de orientar e favorecer a correcta toma de decisións en materia de información e xestión, criar un 'comité asesor de expertos', que concite a aceptación maioritaria dos sectores implicados na conservación da espécie.

5. Establecer, de xeito transitorio, un 'sistema de compensacións flexíbel' e múltiple, que pivote tanto sobre o pagamento de indemnizacións por danos, como sobre a implementación de subsidios condicionados para o desenvolvimento gandeiro ou a protección da gandería, mentres non se deseñe o modelo adecuado de gandería extensiva que se pretende para o país.

6. En relación co anterior, impulsar o establecimento de 'liñas transversais', tanto de coordenación como de actuación conxunta, coa Consellería de Medio Rural, coa fin de enfrontar de maneira coerente as políticas concretas que competen a cada consellería e que son necesarias para 'garantir o éxito da conservación' na xestión do lobo.
ADEGA, ERVA, CEMMA, Ecoloxistas en Acción e outras 10 organizacións e expertos/as.
ADEGA, ERVA, CEMMA, Ecoloxistas en Acción e outras 10 organizacións e expertos/as.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES