Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Referencias viveiresas nun libro memorialístico de Marino Dónega

jueves, 29 de septiembre de 2016
De xeito póstumo e para inaugurar unha colección denominada significativamente “Memoria”, a editorial Galaxia publicou en 2003 un volume do intelectual galeguista Marino Dónega Rozas (Huelva, 1916 - A Coruña, 2001) titulado 'De min pra vós. Lembranza epistolar'.

Precedido dun atinado e non por iso menos fermoso limiar do teólogo Andrés Torres Queiruga e presentado ao lector con fórmulas epistolares, como avanza o seu subtítulo, o libro déixase ler ben e contribúe desde logo a botar algunha luz, desde a persoal e intransferíbel visión e posición do seu autor, é claro, sobre algúns períodos e episodios interesantes da historia do galeguismo do século XX.

Non en van, Marino Dónega foi, após militar nas Mocidades Galeguistas da Coruña durante o período republicano, un dos máis cualificados representantes diso que algúns chaman “xeración Galaxia” e outros “piñeirismo”, quere dicir, o grupo de galeguistas (Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Ricardo Carballo Calero, Celestino Fernández de la Vega, Domingo García-Sabell...) que resistiu como puido o trebón bélico do 36 e que se lanzou nos difíciles anos 50 a unha potente xeira de corte cultural e galeguizador que tivo na editorial Galaxia o seu buque insignia.

Como é ben sabido, esa xeira, se ben rendeu froitos ben valiosos e indiscutíbeis, tamén non deixou de provocar a insatisfacción do exilio republicano galego, con Castelao á fronte (que botou en falta un activismo político clandestino e anti-franquista máis decidido) e, ben axiña tamén e por parecidas razóns, das novas xeracións galeguistas (Xosé Manuel Beiras, Méndez Ferrín, etc.), que acabarían rompendo co “culturalismo galaxiano” e retomarían a loita política a través do PSG (Partido Socialista Galego, que convén non confundir co posterior PsdeG-PSOE) e da UPG (Unión do Pobo Galego) a comezos dos anos 60.

O volume de Dónega contén algunhas referencias a figuras viveirenses de maior ou menor relevo que tiveron trato con el ou que, nun momento dado e como explicaremos a seguir, chegaron a exercer unha influencia innegábel e afortunada sobre o discorrer da súa vida.

De familia luguesa, Marino Dónega pasou a súa infancia e adolescencia a cabalo entre Valladolid, a aldea de Pías e a cidade de Lugo. En 1928 instalouse na Coruña e nesta cidade, durante os días do fervor republicanista con que se inaugurou a década dos 30, afiliouse ás Mocidades Galeguistas e tratou os irmáns Villar Ponte. Canda eles acudiu frecuentemente á tertulia do café “Galicia”, na que brillaban figuras como Suárez Picallo ou Luís Seoane, e con eles tamén traballou nas campañas pró-estatutistas. Así o evoca nun dos fragmentos do seu 'De min pra vós. Lembranza epistolar':

“Chegamos xá á campaña plebiscitaria do Estatuto de autonomía galega do fatídico 36. Ó se iniciar a propaganda política, Luís Seoane, que batera comigo no Cantón –sempre no Cantón- fíxome gabear por un poste da luz para atar no alto do mesmo unha cordiña que, suxeita no outro extremo a un balcón, termaba dunha pancarta de lenzo na que se lía ‘Autonomía, si’. Esta foi a máis arriscada, perigosa e comprometida intervención que tiven durante a campaña. Polo demais, participei nalgúns mítins celebrados en pequenas vilas da provincia. Recordo especialmente un deles no concello de Arteixo, no que participaba en calidade de ‘telonero’. Presentounos o alcalde – en castelán, naturalmente - afirmando que non nos coñecía de nada. Aínda así parecíalle – e dixéranllo - que eramos boas persoas; e xeneroso, pregáballe aos seus conveciños que educada e civicamente nos prestasen a debida atención. Deixándome fóra, as boas persoas eran Xenaro Mariñas, Víctor Casas, Plácido Castro e Ramón Villar Ponte. Xa en vésperas do referendo tamén recordo unha intervención miña nos estudios da entón Radio Coruña EAJ41 (...) Interviña na emisión radiofónica unha manchea de oradores, empregando quince minutos cada un deles. A min cadroume falar ás dez da noite. Precedeume don Manuel Insua, pola Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), e seguiume Ramón Villar Ponte, polo Partido Galeguista. Eu, claro, polas Mocedades”.

Comentando, así mesmo, o falecemento de Antón Villar Ponte en marzo de 1936, escrebe Dónega:

“A emoción e mais o sentimento da cidade fixéronse visibles ó longo das rúas e prazas ó paso dos restos mortais do ilustre patricio, levados camiño do camposanto a ombros de militantes dos diversos partidos políticos integrados na Fronte Popular. E tamén dos rapaces das Mocedades, que fixeramos garda, alternándonos, ó cadaleito depositado en capela ardente nun salón baixo da Casa Consistorial. Xuntáronse no sepelio galeguistas que viñeran de todo o país. Teño presente a don Ramón Otero Pedrayo subido no cemiterio a unha estada dirixindo á multitude presente unha emocionadísima oración fúnebre no medio dun impresionante silencio que só deixaba escoitar ó lonxe un levísimo murmurio deixado polo ir e vir das ondas lonxanas do mar do Orzán naquel serán quedo, trasnparente e azul”.

A editorial Galaxia, de Vigo, puxo en marcha en 1976 unha colección denominada “Conciencia de Galicia” destinada a acoller as biografías de sobranceiros intelectuais, políticos e escritores galegos. Na contracapa do primeiro volume desta colección, unha biografía de Murguía escrita por Vicente Risco, aparecían un total de vinte e catro nomes, entre eles o de Antón Villar Ponte, como figuras que ían ser obxecto de atención, e na lapela interior desa mesma contracapa anunciábase entre os volumes “de próxima aparición” un dedicado ao xornalista viveirés e da autoría, precisamente, de Marino Dónega.

Mais, por razóns que ignoramos, a colección “Conciencia de Galicia” da editorial Galaxia morreu cando ía polo seu sexto volume, despois de pór nos andeis as biografías de Murguía, Curros Enríquez, Florentino López Cuevillas, Eduardo Pondal, Vicente Risco e Alfredo Brañas. O volume sobre Antón Villar Ponte ficou no tinteiro e aquel a quen lle fora encarregada a súa elaboración inseriu no libro 'De min pra vós. Lembranza epistolar' a seguinte explicación, a xeito de desculpa:

“Esta lembranza do fundador das Irmandades da Fala e o coñecemento da súa peripecia humana e política, e mesmo da súa obra xornalística e literaria, leváronme a aceptar un encargo que aínda hoxe non cumprín. Refírome á redacción dunha biografía de tan insigne galeguista. Encetei o labor logo de tomar notas e de argallar nos xornais da época, tanto galegos coma cubanos, españois coma portugueses, pero ata o de agora non fun quen de levar adiante o meu compromiso. E, contricto, confésome pecador. Si, pero ¿e o propósito de emenda? Fareino”.

A morte truncou infelizmente esta promesa.

Volvéndomos ao volume 'De min pra vós. Lembranza epistolar', cómpre dicir que outros dous viveirenses, Alfredo Bermúdez de Castro Rebellón e Néstor Michelena Rebellón, xogaron un papel fundamental cando Marino Dónega se viu envolto na treboada bélica do 36 e quixo salvar a súa vida das ansias sanguinarias que contra el dirixiron algúns pistoleiros da Falange.

Na Coruña, a diferenza doutros mozos galeguistas como Xenaro Ruano ou Pedro Galán Calvete, vilmente asasinados, Dónega zafou relativamente ben porque as “escuadras del amanecer” procurábano por nome e apelidos trabucados (“Mariano Dorrego Rojas”, en vez de Marino Dónega Rozas). Mais en Lugo, para onde fuxiu cando tivo ocasión, non lle quedou outra que procurar o acubillo dos dous viveirenses citados e alistarse axiña na tropa ‘nacional’ para evitar ser ‘paseado”... Así refire o propio Dónega a súa amizade con Bermúdez de Castro e o papel que este e mais Michelena xogaron na súa provisoria ‘salvación’:

“Outro compañeiro tamén moi achegado, Alfredo Bermúdez de Castro e Rebellón, era así mesmo un forofo da literatura. E da mesma maneira que [Teodoro] Morgade nos veráns, desde Baio, Bermúdez de Castro, desde Viveiro, correspondíase epistolarmente comigo, en Lugo. Pero do Alfredo non conservo carta ningunha. E ben que o sinto. Porque, creo recordar, viñan escritas nun disparatado galego diferencialista e patriótico. A súa relectura sería hoxe para min unha verdadeira festa. E poida que tamén o fose para o filólogo amigo, profesor doutor García (don Constantino). Pero ó Alfredo débolle un favor impagable: polo simple feito de sermos amigos e ser el fillo do gobernador civil da provincia de Lugo no mes de agosto do 1936 fun quen de me salvar da queima (...).
Na cidade facíame ver, principalmente, en compañía do meu entrañable amigo, compañeiro de bacharelato e fillo do novo gobernador civil da provincia de Lugo, Alfredo Bermúdez de Castro, e dun curmán seu, médico asimilado á brigada de Sanidade Militar, Néstor Michelena Rebellón”.


Unha derradeira referencia viveirense no libro memorialístico de Marino Dónega atopámola nos parágrafos que dedica a relatar sucintamente o proceso de escolla en 1960 dun novo numerario da Academia Galega, en substitución do falecido Florentino L. Cuevillas.

Nesa ocasión, a candidatura do escritor e xornalista de Viveiro Francisco Leal Ínsua, apoiada por elementos do sector máis pró-franquista e ideoloxicamente conservador da institución, resultou claramente derrotada pola do intelectual Francisco Fernández del Riego, sostida por un cada vez máis nutrido sector galeguista dentro da entidade. O traballo de captación de votos realizado nesa altura por Sebastián Martínez Risco e polo propio Marino Dónega resultou decisivo e, se ben puidese doernos hoxe como viveirenses esta preterición, non cabe senón recoñecer que a índole e os fins da entidade académica acaían moitísimo máis ao escritor lourenzao, auténtica figura clave, desde a editorial Galaxia, a revista Grial ou a Fundación Penzol, por citarmos algúns ámbitos da súa actividade, na cultura galega dos últimos cincuenta anos.
Ínsua, Emilio Xosé
Ínsua, Emilio Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES