Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cuba e o flotador chinés

martes, 27 de septiembre de 2016
Cuba e o flotador chins O primeiro ministro chinés Li Keqiang visita Cuba. Ambos países exhibiron nos últimos lustros unha clara proximidade política pasando páxina dos diferendos ideolóxicos que lles distanciaron durante a guerra fría. En China sempre existiu certa admiración pola Revolución Cubana e os seus líderes, manifestada desde o primeiro momento do triunfo co recoñecemento diplomático da República Popular, o primeiro dun país de América Latina, e a histórica visita do Che a Beijing. Hoxe, con ambos países gobernados por partidos comunistas, o respecto ás especificidades mutuas e á libre elección do camiño de desenvolvemento representa o núcleo dunha relación baseada no dereito ao exercicio dunha heterodoxia con desiguais signos de pragmatismo.

Li Keqiang chega a Cuba á fronte dunha numerosa delegación, máis de cen persoas. É a primeira vez que un primeiro ministro chinés pisa Cuba, un país cun 1 por cento de poboación con ascendencia no xigante asiático, descendentes dos culíes chegados á illa no século XIX. China é o segundo socio comercial de Cuba pero o volume dos intercambios non alcanza os 2 mil millóns de dólares. Nos últimos anos rexistráronse altibaixos. Os investimentos chineses, que crecen a gran velocidade en todo o mundo, pasan de longo por Cuba, aínda que siga sendo o maior receptor no Caribe. China, no entanto, apoiou con préstamos e adiamentos varios do pago da débeda o desafogo da precaria economía cubana pero sen implicarse de cheo en poñer á boia e bo recado a “actualización” do modelo de desenvolvemento cubano.

No plano bilateral, no que vai de século, as visitas de presidentes chineses (Jiang Zemin en 2001, Hu Jintao en 2004 e 2008 ou Xi Jinping en 2014) é fiel reflexo desa querenza xa que poucos países poden mostrar un palmarés similar pero, pese á pompa que as rodeou, non se traduciron nun salto cualitativo no plano económico e comercial. Li asinará numerosos acordos durante a visita pero o realmente importante é dar o paso a un novo modelo de relacións bilaterais que ata agora se centrou nas exportacións de níquel ou azucre ou o establecemento dalgunhas empresas mixtas pero quedando moi por baixo do seu potencial. A zona especial de desenvolvemento de Mariel ben puidese acaparar boa parte da atención. Téñase en conta que Li chegará á Habana tras visitar Canadá, país con importantes intereses en Cuba. A cooperación en capacidade produtiva en mercados terceiros (que España igualmente podería explorar) facilitaría triangulacións de especial impacto no desenvolvemento da illa. Para iso, Cuba debe mellorar a maior ritmo a súa experiencia empresarial e China renunciar á procura de privilexios.

Cos cambios que se rexistran en Brasil, Arxentina, etc., ou a precaria estabilidade de Venezuela, a significación política de Cuba na estratexia chinesa de gañar presenza e influencia no hemisferio gaña enteiros. A mellora do ambiente inversor na illa pode introducir matices na axenda dos seus intereses, ata agora centrados prioritariamente na enerxía, materias primas ou I D. As infraestruturas poden sinalar un punto de encontro.

A nivel global, a mellora das relacións entre La Habana e Washington pero tamén a renovada presenza rusa (Putin visitou Cuba en 2014), o interese de competidores estratéxicos como Xapón (Abe acaba de visitar a illa) ou o cambio de política da UE en relación a Cuba, son elementos que Beijing non pode ignorar. Por todo iso, esta visita de Li Keqiang gana relevancia por canto pode significar o fin do titubeo do xigante asiático con Cuba e deixar entrever que chegou o momento de poñer números en serio aos afectos que tradicionalmente marcaron as simpatías mutuas.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES