Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un futuro de renda básica e lingua franca...?

lunes, 12 de septiembre de 2016
Confésolles que xa vou curado de espantos, e débollo máis aos anos de idade que a miña competencia para descubrir, racionalmente, compoñentes estraños nas condutas e propósitos dalgunhas persoas consideradas socialmente relevantes.

Sempre se me ocorre pensar que esta nosa era científico-técnica adoita ser bastante opaca para as utopías, e, non obstante, en moitos ámbitos da vida, como o político, por exemplo, talvez teñan funcións importantes e sexa necesario introducir algún ingrediente utópico: Van Parijs (de seguido faremos referencia a el) di que certos fracasos de Marx pódense atribuír máis ao escaso uso da utopía que ao exceso.

Cando nos informamos do curriculum dalgúns intelectuais, con presuntas e non poucas vivencias subministradas pola experiencia, quedamos atónitos e os nosos xuízos acerca deles teñen que ser, cando menos, revisados para que resulten ponderados. Este élles o caso, ao menos comigo, de PHILIPPE VAN PARIJS, filósofo e economista belga, que non só estudou estas disciplinas, senón tamén dereito, socioloxía e lingüística, doutorándose en Ciencias Sociais en Lovaina e en Filosofía en Oxford. É profesor na Facultade de Ciencias Económicas, Sociais e Políticas da Universidade Católica de Lovaina, e participa en coloquios con intelectuais relevantes, o que evidencia o seu prestixio profesional.

Pois ben. Deste intelectual quero traer aquí a entusiasta promoción da RENDA BÁSICA e da coñecida como XUSTIZA LINGÜÍSTICA. Non son conceptos que nos soen estraños; pero penso que tanto os que se opoñen a pretensión de levalos a práctica como os que fan uso deles como algo orixinal en política, danlles un tratamento, ou ben lixeiro, ou ben propagandístico, que segundo parece non é o máis apropiado, e dubido que os saiban presentar nin tan sequera con mediano acerto. Vou tratalos nos respectivos epígrafes, apoiándome, fundamentalmente, no autor citado.

RENDA BÁSICA. Van Parijs preséntaa como unha vía capitalista a un comunismo contemporáneo, precisamente nunha entrevista para a revista Mouvements. Nela di que chegou a esta idea da renda básica por dous camiños: Comprobando que, en Bélxica, o paro non se reducía nin cando a conxuntura era boa, e a solución que se daba, pola dereita e a esquerda, era un crecemento sen freos, que entraba en contradición coas medidas ecolóxicas; e, por outro lado, concibindo unha alternativa que non se limita a esas medidas, que entusiasma: A creación dunha sociedade na que se tivera presente aquilo de que se espera a achega “de cada cal (voluntariamente) segundo as súas capacidades”, e darlle “a cada cal (incondicionalmente) segundo as súas necesidades”.

Xa se poden imaxinar a que se armou. Sae ao paso John Rawls, que lle replica co exemplo dos “surfistas” de Malibú, para os que, se pregunta, se non sería demasiado xusto (eu, máis bruto, diría necio) pedir á sociedade que satisfaga a súas necesidades, se non fan outra cousa en todo o día máis que prácticas deportivas. Matiza Van Parijs que o xusto é repartir as posibilidades de forma equitativa, non os resultados, posto que o que cadaquén faga coas súas posibilidades é cousa del, e para iso é mester establecer a renda básica e os “surfistas” que a utilicen como queiran. Por suposto, se queren pasarse nos gastos, terán que traballar para gañar máis diñeiro. E insiste en que non considera admisible a desculpa de índole económica, porque cando as cousas van ben se di que esa renda non é necesaria e cando van mal que non hai cartos para financiala.

O estudoso filósofo tampouco conta coa simpatía dunha parte dos sindicatos, aínda que houbo algúns que defenderon esta renda, principalmente en Holanda, como o do sector da alimentación. A razón é económica, porque os sindicatos teñen unha porcentaxe dos seus ingresos nos subsidios de paro, que se vería reducida. Van Parijs comprende estas posturas, porque a renda básica emancipa ao traballador, ou traballadora, con respecto ao patrón, á administración, aos mesmos sindicatos e, incluso, ao seu cónxuxe. Todo isto fai que ese estudoso sexa pesimista en canto a introdución a medio prazo; pero non se lle ocorre outra solución, porque, nunha economía global, as empresas públicas non funcionan de modo distinto a como o fan as privadas, e, ademais, é moi difícil negar a superioridade intrínseca do capitalismo en termos de eficacia estática e dinámica, como sosteñen Hayek e Schumpeter, e, incluso, Nancy Fraser, en Nova York, e Anne Astott, en Yale, ven na renda básica un importante instrumento de emancipación. Subliña que en América do Sur o debate feminista acerca da renda básica está vivo.

Invita a que se teña en conta que é algo que poderá asumirse desde o capitalismo, como ocorre co estado de benestar, e di: HAI QUE TER UNHA VISIÓN DE FUTURO QUE DEBUXE O CAMIÑO DENDE TODOS OS ÁNGULOS, TANTO OS DO SOSTIBLE COMO OS DO DESEXABLE...E engade: AS REGRAS DA DEMOCRACIA, COMO AS DO MERCADO, NECESITAN SER MODELADAS CON INTELIXENCIA CO OBXECTIVO PRIORITARIO NON DA DEMOCRACIA MÁXIMA, SENÓN DA INXUSTIZA MÍNIMA.

XUSTIZA LINGÜÍSTICAS. Tamén Van Parijs abordou a cuestión da “lingua franca” global. Parece que dentro do liberalismo político de esquerdas é o único pensador europeo que se ocupou dela, da que di que facilitaría a distribución da riqueza.

Propón o inglés, xa que se converteu en lingua comercial. Pero necesítase crear institucións internacionais, para que serva de comunicación entre as diferentes linguas maternais. Pensa nunha especie de goberno mundial, non de índole xurídica, como Kant, senón ética, suprimindo os Estados-Nacións, todo un obstáculo para fomentar o proxecto cosmopolita. Pero aquí permítanme que eu meta baza: Creo que está Van Parijs facendo un uso da utopía en descrédito da súa función onde sería necesaria. Pero sigamos, que a miña opinión non ten cartas nesta bancada.

El recoñece que esta “lingua franca” prexudica ás outras linguas e no caso do inglés fala incluso dun imposto lingüístico sobre os países de fala inglesa, prohibición de dobraxe de películas e aplicación dun principio de territorialidade lingüístico que protexa ás linguas débiles. E aínda que isto semella, de novo, abondo utópico, eu acabo de ler un artigo escrito por BAYIBAYI MOLONGWA, na revista “Estudios Filosóficos”, publicada polo Instituto Superior de Filosofía de Valladolid, nº 189, en cuxo resumen inicial se di: “No presente artigo presentaremos en primeiro lugar a proposta de Van Parijs sobre a xustiza lingüística e as inxustizas que leva consigo; logo veremos a postura dalgúns filósofos africanos en relación a utilización das linguas extra–africanas...”. Na Introdución pregúntase o autor, con residencia en Barcelona, se sería beneficiosa para os africanos unha lingua común europea para facilitar a xustiza en África. Dedica o artigo a explicalo e conclúe así:

“Sobrevivir é unha cuestión de xustiza, e a lingua é parte integrante desta supervivencia. Manter vivas linguas africanas e as súas tradicións é manter unha herdanza histórica e espiritual do mundo. Nesto estamos de acordo con Van Parijs...O difícil é aceptar, como propón el, unha lingua mundial – o inglés – como lingua de comunicación para os africanos entre eles...O liberalismo político, teoría na que están enmarcadas as propostas filosóficas de Van Parijs, dificulta a comprensión do individuo en África..., porque o individuo non pode entenderse sen a comunidade a que pertence...Esta lectura africana da xustiza lingüística de Philippe Van Parijs levounos a repensar o tema. É unha tarefa nada fácil no contexto africano...É o que chaman o renacer africano nun mundo globalizado, no sentido de que África debe lanzarse ao mundo dende a propia especificidade africana... Se non se teñen en conta todos estes factores non pode renacer África”. Polo tanto, a proposta do filósofo belga, consideran pensadores africanos que desemboca, irremisiblemente, nun neocolonialismo lingüístico.

Quen desexe profundar nestas temáticas, pode utilizar a revista citada, e para a renda básica entrar na versión francesa en http//www.uclouvain.be/cps/ucl/doc/etes/documents/pvp5.pdf.

Penso que estas non son cuestións que non interesen, e moito, os españois, aínda que non sexa máis que por saber de que nos están falando os políticos que propoñen esta renda, e os “micronacionalistas”, para ponderar o que teñen de positivo e de negativo os seus empeños lingüísticos. En todo caso, isto é o que hai e, por utópico que nos pareza canto acabamos de ofrecerlles aquí, debemos saber que se ocupan diso mentes prestixiosas, que abordan os pros e os contras cun interese verdadeiramente realista, espertando a nosa atención nun estado de desacougo e inseguridade conceptual. Sírvanos, pois, ao menos, para xulgar con certa documentación algunhas propostas dos nosos políticos, como os ecos dunha problemática que está en marcha e, antes ou despois, teremos que afrontar.

A modo de coda, ¿non lles parece que esa lingua franca non garante entenderse a nivel mundial, se os nosos políticos, en castelán, non se entenden a nivel parroquial?. Ou é que aquí, como estamos en presenza dunha esixencia racional e razoable, avaliada polo sentido común, acaso hai unha interferencia nesta linguaxe da xestual dos sentimentos, que tan ben están entendendo os cidadáns?. E enténdena ata tal extremo que xa non están tan seguros de que a democracia non estea en perigo, porque os esforzos de seducir polo recurso á demagoxia, levada a mesma ágora polos sofistas, en Grecia, arruinou a democracia ateniense (Georg. F. Nicolai, en “La Miseria de la Dialéctica”). Podería dicirse hoxe o mesmo, comezando por a Grecia destes tempos e arribando a España ...?.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES