Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A nosa música: A Gaita

domingo, 20 de mayo de 2001
A nosa msica: A Gaita ORIXENES
A orixe da gaita non se sabe con certeza, aínda que a súa área de expansión é amplisima o que rebate a crenza de que a orixe e difusión deste instrumento e exclusivo dos chamados paises celtas.
Segundo parece indicase como o seu lugar de procedencia Mesopotamia de onde se espallou cara o Este , India e Persia e cara o Oeste a Galia e Bretania.
Na Península Ibérica entrou polo Noroeste e por mor das peregrinacións a Santiago de Compostela os peregrinos levarona de volta ó seu pais de xeito que a zona galaica convirtiuse nun importante punto de espallamento da gaita.
A gaita adquiriu desde os seus inicios un caráter pastoril, estando formadas as primeiras por dous tubos xunguidos como se dun clarinete dobre se tratase, na que o aire se introducía soprando. Posteriormente engadiuselle un reservatorio de aire feito de pelexo de animal, que tamén podía estar fabricado cunha cabaza de modo que recibise o aire directamente do executante. Tamén hai referencia dunha gaita cun odre hinchado de aire, pintado coa faciana dun home que sona ó petar nel.
Destes xermolos da gaita non se teñen referencia ata moitos séculos despois, o que indica que se extinguiu nos últimos tempos da dominación romana. Polo que pode dicirse que a gaita reinventouse na Idade Media polos povos nórdicos que se extendían pola zona septentrional de Europa e arraizou nas zonas costeiras do Atlántico. Non obstante considérase o AULO, de dobre caño e son agudo tradicionalmente o instrumento antecesor da gaita galega, que nacerá no momento en que o proceso de regulación do aire sexa reemprazado polo pelexo dun animal.
En principio ata finais da segunda mitade do século X a gaita non tiña bordón, e non se lle acoplou ata o último tercio do século XIII que foi habitual un modelo con único e longo bordón lixeiramente cónico e rematado en pronunciado campaneo. Posteriormente engadiuselle aínda que con pouca frecuencia un segundo bordón, continuando a tendencia de aumentar o número de roncóns ata quedar fixado en tres.

DESCRICIÓN DA GAITA
A gaita consta dunha serie de pezas que se engastoan nuna bolsa de pel de cabuxa denominada FOL con catro aberturas para outras tantas BUXAS onde se uen os tubos polos que entra ou sae o aire segundo se tercie. O tubo por onde se introduce o aire chamase SOPRETE, o tubo maior recibe o nome de RONCÓN, situado perto do anterior duns oitenta centimétros de longo, que descansa sobre a ombreira do gaiteiro. O tubo componse de tres pezas chamadas BORDÓNS a primeira recibe o nome de PRIMA a segunda TERCIO e a última COPA. As tres pezas forman a VARA do roncón da que pendura unha banda de fios chamada FARRAPO, da mitade da vara vai colgada unha borla a PERILLA.

O SOPRETE outro dos tubos ten interiormente unha válvula que se denomina ZAPÓN, esta deixa pasar o aire pero impide a sída do mesmo, así desta maneira o aire ó sair polos roncóns da lugar a esa música tan característica.
O tubo principal, o PUNTEIRO sorte de chirimia cae debaixo do soprete manexao o gaiteiro con ambolas mans e nel achanse os buratos para os dedos. No extremo que encaixa co fol leva unha boquilla ou palleta formada de canutos delgados para vibrar e producir o son correspondente, este canuto chamase PALLETA ou PALLÓN.
O punteiro vai taladrado por once buratos, dos que oito son melódicos, sete colocanse na parte dianteira e o outro que da a nota máis alta na parte traseira. O burato que emite o son máis grave, dos sete dianteiros e que se tapa co dedo meñique das man direita, está lixeiramente desviado cara este lado para permitir dun modo máis doado a súa dixitación. O SOPRETE, outro dos tubos, ten no interior unha válvula que se denomina ZAPÓN, a que deixa pasar o aire pero impide que salga, así o aire ó sair polos roncóns da lugar a esa música tan característica.
Os derradeiros tubos RONQUETA e RONQUILLA que tamén se coñece co nome de CHILLÓN caen debaixo do punteiro e levan candaseus pallóns.
As pezas que como dixemos están formadas polos bordóns que se unen uns cos outros por medio duns espigos que posuen. A unión dos mesmos a hora de tañer o instrumento deberá ser perfecta, xa que de non ser así perderíase o aire o que trairía como consecuencia que non se poidese temperar a gaita.
A GAITA GALEGA responde a descrición que vimos de facer, si ben soe adoptar as veces un só roncón quedando suprimidos a ronqueta e a ronquilla ou chillón. Hai tres tipos que se denominan GAITA GRILEIRA (en re) gaita chilladora. GAITA REDONDA (en do) de maior tamaño que a grileira. GAITA TUMBAL (en si bemol) que ten a particulariedade de que ten ronquilla cun parafuso para abrir e pechar, pero que si se abre, da saída ó aire que ó pasar pola lengüeta, que leva dentro, aumenta o ruído do roncon longo. Esta última gaita e a maior das tres.

O MATERIAL DA GAITA
O fol é de pelica de cabuxa, por eso en algúns sitios como en Francia, usabase para nomeala a palabra “chevrette“ que era ata hai uns anos o pelexo utilizado, por dar uns resultados bastante aceptables, malia tiña a dificultade que non era doado o seu mantenemento ademais da dificultade que as veces entrañaba buscar o máis axeitado. Polo que empezouse a empregar o fol de goma. Sen embargo debido a cantidade de humidade que retiña rexeitouse e na actualidade está aser beneficioso o coiro de cuxa cosido a man e barruntado interiormente cunha graxa especial que mantén a súa flexibidade o mesmo tempo que cerra os poros da pel o que impide a perda de aire. As pezas están feitas polo xeral de madeira de buxo aínda que tamén se poden usar pau de roseira almendro oliveira e tamén de ébano e granadillo. En canto a palleta e o pallón o mellor material é a cana curada, tamén se poden confecionar de plástico, corno ou marfil pero non dan tan bos rtesultados como as que se fan de cana.
A gaita revistese cun pano de terciopelo de cor negro, vermello ou azul escuro con costuras que levan un cordón acadrelado.

EVOLUCIÓN DA GAITA
A gaita o ir dos anos evolucionou e foise renovando e desto os gaiteiros tiveron boa parte, entre eles hai que destacar “O CAFڔ o gaiteiro de Coirós Betanzos (Coruña) Ricardo Portela, o gaiteiro de Viascón (Pontevedra) Xan Miguez “O VENTOSELA” e o popular gaiteiro de Soutelo de Montes, Avelino Cachafeiro. Eles convertiron o son da gaita na popular alborada e nas alegres muiñeiras e ribeiranas. As veces a gaita evolucionou por enfrontamento entre os propios gaiteiros, nos que un apegábanse a tradición e outros entroducían importantes cambios. Entre os últimos está o xa mencionado Xan Miguez que acoplou ó instrumento da gaita a outros clásicos como o requinto e ademais implantou o bombo como acompañamento, e tamén introduxo melodias non tradicionais entre o repertorio da gaita como mazurcas, polcas e pasodobres. Ademais engadiu chaves o punteiro para así dar semitóns.

Pero de entre tódolos gaiteiros debemos destacar a figura senlleira de AVELINO CACHAFEIRO BUGALLO, convertido pola súa sona en gaiteiro que entra na lenda por ser o que mellor representa as características do noroeste peninsular. O autor da “Muiñeira de Chantada“ naceu o 26 de maio de 1899 na pequena vila de Soutelo de Montes (Forcarei- Pontevedra) neto e fillo de gaiteiro axiña amosou o seu amor pola gaita así cando aínda era un rapaciño, collíalle a gaita o pai e escondíase para tocala no monte xa que o pai non la deixaba por medo a que lla estragase. Percorreo o mundo formando grupo cos seus irmáns Bautista e Castor, e non só chegou a dominar coma ninguén este instrumento senón que cultivou outros xéneros como a pintura e a poesía sendo autor de “Voando coas as da vida“ na que fai un fermoso canto a natureza.
Como momentos importantes da súa vida debemos salientar que no ano 1921, nomearono gaiteiro da Sociedade Artística de Pontevedra, e gaña en 1924 o título de mellor gaiteiro de Galicia nun concurso ó que se presentou na cidade do Apóstol.
En 1930 presenta, xa en terras de América, concretamente no teatro avenida de Buenos Aires, o espectáculo “O Gaiteiro de Sotelo“ con decorados de Castelao. Estando en varias ciudades do continente: Rosario, Córdoba, Montivideo e tamén algúns estados do Brasil.
Continuando a súa triunfal carreira toca en Madrid para Alfonso XIII e despois en Barcelona, Valencia, Sevilla... A morte da súa muller no ano 1946 coa que casara 17 anos antes, entra nunha etapa na que esquece a gaita dedicándose a outros oficios ata que morre na propía vila que o viu nacer o 13 de abril de 1972.

Así a gaita que se tiña como algo de categoría inferior, tan só acta para celebracións populares o considerarse que non afinaba cos demais instrumentos, estaba condenada a que o gaiteiro solitario de camiños e congostas fose o destinado a tocala de festa en festa, estando sometido a vértola das xentes. Actualmente superada aquela época a gaita forma parte de grupos de danza e actua en concertos en igualdade cos demais instumentos de orquestra acadando grande beleza nas interpretacións musicais de prestixio que se celebran tanto no pais como mundialmente.

ICONOGRAFÍA DA GAITA
As representacións iconográficas da gaita abundan en Galicia en sobexo o que demostra o arraizo que este instrumento acadou na nosa terra. Así aparece en capiteis, nervaduras de absides, ménsulas, canos, retábulos, dovelas... En canto ós tañedores da gaita hai que salientar os anxes, animais, entre os que están cans, raposos e mesmo parrulos, ademais de homes. Figuras de anxeles tocando a gaita atopámolas na bóbeda e abside da igrexa de San Francisco de Betanzos (Coruña), na igrexa de San Martín Pinario en Santiago de Compostela e nunha dovela que se conserva no museo arqueolóxico da Coruña. Homes gaiteiros temolos nas igrexas de San Francisco de Ourense, Santo Domingo de Ribadavia e Santo Domingo de Esposende (Ourense) no museo de Pontevedra achase nun capitel un home como gaiteiro, o devandito capitel procede de Melide (Coruña). E para rematar un bufón metido a gaiteiro podémolo ollar no museo de Celanova en Ourense.
Con relación ós animais metidos a gaiteito temolos nun canecillo da igrexa de Santa Maria de Esposende aínda que non aparece claro de que animal se trata. No coro da catedral de Lugo o gaiteiro é un raposo e un can na igrexa de Santiago de Betanzos, por último na igrexa de San Estebo de Sil en Lugo un parrulo è o gaiteiro. Estas son as representacións iconográficas da gaita entre outras que poida haber.

LITERATURA POPULAR SOBRE A GAITA
Vencellados a gaita hai un importante caudal de refráns, contos e adiviñas, caudal ata de agora inéditos na súa maioría, así como ditos.

Os refráns fan referencia nuns casos o instrumento e noutros o gaiteiro e as súas relacións sociais, vexamos unha retafia deles.

- O pan nace na artesa e a gaita na devesa
- Cada pan quere o seu panadeiro e cada voda o seu gaiteiro
- Non hai mellor casamenteiro que o gaiteiro
- A moza diante do altar o gaiteiro ha de levar
- O can baila polo caldo quente e pola gaita baila a xente
- A morte fuxe da gaita porque ela sempre trae alegría
- O gaiteiro que toca de balde un ichavo para o que empeza e dez para o que acabe.
- A gaita na romería eche sagrada como a miña María
- Para a gaita non hai perna coxa
- A gaita quere ó gaiteiro
- O ruído da gaita era eu casamenteiro
- O gaiteiro leva a gaita a cabalo do ombreiro
- A gaita no rueiro saca notas co punteiro
- O final dun día ventureiro volve a gaita do ombreiro do gaiteiro
- O toque da gaita na praza agarda o novio a súa rapaza
- O son da gaita na carballeira bailase unha muiñeira
- A gaita na alborada saca notas para a enamorada
- A gaita vai detrás da xente na procesión que acompaña o santo da súa devoción.

DITOS DA GAITA
Entre os ditos sobre a gaita amosamos os seguintes co seu correspondente significado.

- ANDA A GAITA POLO LUGAR
Indica que se olla sin enterese aquelo que pouco importa.

- A GAITA QUERE Ó GAITEIRO
Este dito ven a dicir que cada un necesita acoplarse as situacións para as que se está preparado e por tanto pode desenrolar con eficacia.

- ¡CON QUE GAITA ME VES!
Cando se amosa o enoxo que produce algo que disturba.

- ESTAR UN DE GAITA
Andar de troula

- ESTAR UN DE MALA GAITA
Este dito ven a ser contrario do anterior, quere dicir que un se atopa de mal xorne.

- E UNHA GAITA
Algo que ten atrancos para ser levado a cabo

- ...NIN FARRAPOS DE GAITA
Cando se quere negar a autenticidade de algo

- E MÁIS COÑECIDO QUE A GAITA NA ROMERÍA
Dícese do que anda sobro por tódalas partes

- SE A VELLA É GAITEIRA ¿QUE FARÁ A MOZA SOLTEIRA?
Este dito vai contra aqueles que se apegan os cargos, deixando sin oportunidades á mocedade.

ADIVIÑAS
En canto as adiviñas velaquí algunhas:

- Na propia terra Folecho cheo de aire
ó seu carón que cando suspira
bailase de alegría cofa ó vento.
en terra allea
moitas bágoas acarrea.


- Ronca e non dorme
pero na romería
alegra a tía María.
A toque de badal
A campá chama a xente
ó son do punteiro
baila o mundo inteiro
Zarrancalludo andaba na festa
no medio hinchaba
no rabo roncaba
tiña orellas e zangoneaba

CONTOS SOBRE A GAITA E O GAITEIRO

Con relación ós contos amosamos os seguintes, relacionados entre si.

Un gaiteiro despois de tocar nunha festa tornaba a casa atravesando carballeiras e soutos e tan enviso ía nos seus pensamentos que non se decatou que a carón del camiñaba un lobo, ata que este fíxose notar ó darlle un cotifón co lombo. O gaiteiro entón viuse perdido e non se lle ocurriu outra cousa que guindarse no chan e quedar estarricado como se estivese morto. O lobo así o creeu afastándose ata un outeiro onde comezou a dar aulidos, que arripiaban, chamando a culimalla dos seus compañeiros, momentos que aproveitou o gaiteiro para gabear a un castiñeiro e deste xeito poñerse a salvo da fera.
Os lobos acudiron o lugar, malia non atoparon nin trazas do gaiteiro e ó considerarse burlados, ó ver que perdían o festín, emprenderona con quen lles avisara dandolle trabadas en sobexo, ata o punto que o gaiteiro se amerceou do lobo que tan tremendo castigo estaba a recibir, esgutiando desde o caruto da árbore.
- ¡Eis amigos estou eiquí!
A recua de lobos deixou a presa e comenzaron a escarabellar con tales azos que o castiñeiro deseguida comezou a bambearse de tal maneira que amenazabacaerse dun momento a outro . Entón o gaiteiro viuse perdido e dixo:
- Voume a despedir da miña gaitiña botando a miña derradeira tocata.
O caso foi que puxo tales folgos a soprar que sairon polo roncón da gaita uns sons que fixeron que os lobos escapasen amedrentados.

-Esta historia amosanos que os lobos fuxen ante o son do roncón ó non ser quen de resistilo. Non obstante non se pode dicir que esto sexa de todo certo xa que as veces ocurre todo o contrario, e dicir lobos que acuden polo melodioso son da gaita.

Tal como sucede neste novo conto no que un gaiteiro cando tamén regresaba de tocar nunha festa e seguindo o seu costume, tocando a gaita para escorrentar o medo xa que os lugares por onde debía pasar eran isolados. O son da gaita acudiu un lobo plantándose diante do gaiteiro o que fixo que este deixase de tocar ante a situación o que contrariou ó lobo en grande maneira amosando a súa disconformidade richando os dentes. O gaiteiro decatouse delo e continuou a tocar armandose de valor. Fose quizais polo nervioso que estaba ou por calquera outra cousa repetiu unha das pezas, esto deu lugar que o lobo volvese de novo amosar a súa intranquilidade. O gaiteiro deuse conta e axiña cambiou de tocata pero segundo o tempo pasaba a súa inquidanza cada vez era máis pois estaba seguro que cando se lle acabase o repertorio o lobo comería sin lugar a dúvidas.
Quixo a sorte que cando alborexaba pasaran polo lugar uns ramistas que viñan de mercar foguetes co gallo da festa da súa freguesía e para anunciar a chegada, guindaron varios foguetes ó aire. O lobo ante semellante estronicio fuxiu como se di a lume de carozo. O gaiteiro cheo de ledicia acudiu xunto ós ramistas e díxolles:
- Sorte que chegastes pois xa se me estaba acambando o repertorio.
- Segundo se conta este mesmo gaiteiro, que ó parecer non gañaba para sustos como se di, viuse sorprendido nunha ocasión por unha cudrilla de ladróns que lle deron o alto dicindolle:
- ¡Veña danos todo o que leves enriba!
O gaiteiro entón moi pereno amosoulles a gaita, esto enrabexou a un dos ladróns que parecía o xefe quen dixo:
- Mira non che temos ganas de lerias, eso deixamoscho para ti na romería por tanto deixate de andrómenas e solta os cartos.
O pobre do home como aínda ía para a festa non cobrara e por tanto non levaba cartos na faldriqueira o que encheo de xenreira ós ladrón cara o gaiteiro, falando de novo o xefe.
- ¡Vaites ! ¡Vaites! de maneira que non levas cartos pois vas a tocar a gaita ata que reventes.
Unha vez que dixo esto tódolos ladróns berraron a coro:
-¡Sopra!, ¡Sopra!
Ante o son da gaita acudiu un lobo, entón os bandoleiros ó velo emprenderon unha tola carreira esquecendose do gaiteiro.
Sin embargo a situación do gaiteiro non mellorou, xa que si antes podían reventarlle os pulmóns agora podía ser esnaquizado polo lobo dun momento a outro. ¿Que foi o que salvou de novo ó gaiteiro?
Pois non foi outra cousa que a repetición das pezas, esta vez si, xa que o lobo era o mesmo que xa atopara noutra ocasión e ó non estaba disposto a escoitar o mesmo repertorio, por tanto preferiu ir tras dos ladróns.

TRADICIÓN SOBRE A GAITA
A gaita conta tamén cunha tradición, segundo a mesma un ánxel que levaba na cunca das mans un poucode leite coa que a Virxe María alimentaría o Neno Deus, o pasar sobre o ceo de Galicia escoitou o son dunha gaita, e tal foi a súa sorpresa que o distraerse tropezou cunha nube o que trouxo como consecuencia que verquese o leite, que o caer trazou o Camiño de Santiago.

CONSIDERACIÓNS FINAIS
Digamos como final que o son da gaita penetrante e chillón, ten un tinte de melancolía que rabuña o corazón dos galegos. Así a gaita para os que aman as cousas fondas e entrañables, poderáse escoitar durante séculos polas xentes de Galicia porque é un símbolo senlleiro dun povo que como di o poeta na voz da gaita ri, na voz da gaita chora, e na voz da gaita canta.
Ripalda, Xosé Lois
Ripalda, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES