Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cinguidos por unha arela común

jueves, 22 de marzo de 2001
HOMENAXE Ó PROFESOR XESÚS ALONSO MONTERO

UN CORRESPONSAL GALEGO DO CUESTIONARIO DO ATENEO DE MADRID DE 1901-1902
-Sobre Alonso Montero, Leiras Pulpeiro e a Etnografía
-Cando recibín a invitación para participar nesta homenaxe a Xesús Alonso Montero considerei que era deber para mín, e tamén pracer, o sumarme á iniciativa, pois Don Xesús foi un destecado catedrático dos meus tempos de de bacharelato na cidade de Lugo, sempre modelo do que debe de ser un auténtico profesor que abre camiños e acende luces, e non un mero reproductor que repite mecanicamente os contidos previstos no que, en triste terminoloxía dos nosos días, se vén chamando un 'deseño curricular'. Hai que sinalar que fago esta afirmación non dende a identificación absoluta cos criterios e presupostos ideolóxicos deste gran docente e ivestigador, senón dende a discrepancia con respecto a varios deles –e tamén dende unha desilusión intelectual e profesional que contrasta co seu ben coñecido entusiasmo-. Mais esta discrepancia non impide o recoñecemento de que Alonso Montero deixou en min, e penso que en todos os seus alumnos, unha pegada inesquecible.

-A miña intención é contribuír a esta homenaxe a partir da miña actividade como etnógrafo, pero intentando adaptarme a formas ou inquedanzas do homenaxeado. Dende a súa condición, como el repite adoito, de 'furón de biblioteca', Don Xesús tennos facilitado numerosos datos puntuais sobre personaxes e temas relacionados coa literatura, coa tradición popular e tamén coa historia do folklore, do que é boa mostra o artigo que lle dedicou a Machado y Álvarez, fundador de El Folklore Español e natural de Compostela (Alonso Montero 1979) –recentemente publicouse a súa partida de bautismo nunha homenaxe ó tamén ilustre profesor, xa falecido, Don Xosé Filgueira Valverde (González Reboredo 1998)-. É de advertir así mesmo, a súa preocupación pola obra do eminente mèdico e poeta mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro (Alonso Montero s/a, e 1983). Pois ben, xuntando estes dous aspectos documentados na súa obra, achegarémonos a Leiras Pulpeiro con ollos de cronista da Etnografía, tratando de destacar o seu labor como correspondente do interrogatorio ou cuestionario distribuído polo Ateneo de Madrid en 1901 sobre costumes de nacemento, casamento e morte en España.

-É xa sabido polos estudiosos dos materiais conservados deste importante inquérito que Manuel Leiras Pulpeiro foi un dos que responderon ó mesmo, pero distintas circunstancias provocaron que soamente fose coñecida ata o presente unha única resposta das que el debeu remitir no seu día, e que se corresponde co apartado dedicado a nacemento. Recentemente, o investigador Ramón Reimunde Noreña publicou un manuscrito inédito sobre esta temática, elaborado polo propio Leiras e copiado por un irmán seu, que se conserva no arquivo da Real Academio Galega (Leiras Pulpeiro 1998). Aínda que o Sr. Reimunde, a quen temos que agradecer este decubrimento, non indica nada na súa introducción, un sinxelo contraste entre a estructura do mesmo e o mentado interrogatorio, así como unha comparación entre a única resposta conservada en Madrid e un parágrafo do manuscrito, non deixa lugar a dúbidas, como veremos, de que estamos ante unha copia do que elaborou Leiras para este fin nunha data que habería que situar en 1902. Coa finalidade de contextualizar axeitadamente o feito, e tamén coa intención de amosar os contidos da súa resposta, dedicaremos o resto do presente escrito a estes asuntos.

--O Cuestionario do Ateneo
-Na segunda metade do século XIX e comenzos do actual proliferaron en España e Europa as Enquisas, Cuestionarios e Interrogatorios encamiñados a procurar datos sobre aspectos relacionados coa cultura popular ou o Folklore. Aínda non se puxera de moda neses tempos a chamada 'observación participante', que implica a necesidade de que o propio etnógrafo conviva coa comunidade estudiada para xuntar datos 'de campo', mais si comezaba a medrar o desexo de contrastar as teorías con datos recollidos do propio pobo. Os cuestionarios serviron así de ponte entre o estudioso de gabinete e a tradición popular xenuína gracias ó labor de correspondentes/intermediarios, que recompilaban os datos directamente dos homes e mulleres do seu contorno, cubrindo así os distintos items nos que aqueles se dividen. O feito de que aparezcan estes intermediarios entre os actores da tradición e o estudioso provoca máis dunha distorsión da realidade, mais hai que recoñecer que a calidade e cantidade da información mellora notablemente con esta prática, permitindo que a teoría concorde de maneira máis precisa coas pautas socio-culturais cotiás. Sería improcedente citar todos os cuestionarios redactados no período que nos interesa aquí, pero non deixamos de mencionar que a Sociedade El Folklore Gallego xa elaborou un adaptado ó noso país, que viu a luz no ano 1885 no establecemento tipográfico de Fernando Fe, Madrid (González Reboredo 1990: 9).

-Dentro desta moda hai que situar a 'Información promovida por la Sección de Ciencias Morales y Políticas del Ateneo de Madrid en el campo de las costumbres populares y en los tres hechos más característicos de la vida: el nacimiento, el matrimonio y la muerte', publicada pola Imprenta de La Real Casa, Madrid, 1901. Da elaboración deste cuestionario foron responsables os membros do Ateneo Sres. Salillas, Puyol, Bernaldo de Quirós, García Herreros, Pedregal e Camarón. O inquérito está dividido en tres principales apartados:
I- Nacemento; II- Casamento e III- Morte. As distintas preguntas de cada un deles divídense en dous, tres ou catro niveis, segundo os asuntos que se pretenden coñecer. As grandes subdivisións dos apartados antes citados contan con cunha primeira organización da maneira seguinte:

I Nacemento II Casamento III Morte

A- Concepción A- Noivado A- Prevencións da morte

B- Xestación B- Capitulacións matrimoniais B- Defunción

C- Parto C- Amonestacións C- Enterro

D- Bautizo D- Voda D- Prácticas despois do enterro

E- Fillos ilexítimos E- Sociedade familiar E- Culto dos mortos

F- Refráns e contos F- Adopción F- Cemiterios

G- Adulterio G- Refráns e contos

H- Separación dos cónxuxes

I- Unións ilexítimas

J- Asociacións de casados

K- Refráns e contos

-Cada un destes subapartados está desglosado nunha variada serie de items. Así, por exemplo, o II- G, sobre adulterio, comprende as seguintes preguntas: II. G. a: 'se é frecuente este feito'; II. G. b: 'consideración social dos adúlteros', e II. G.c: 'se existe algunha forma de sanción popular para os mesmos'. Outros teñen unha división aínda máis complexa, renunciando neste escrito a detallalos polo miúdo, pois o total das preguntas está recollido en diversos estudios sobre este documento (Lisón Tolosana 1971: 160 e ss. Limón Delgado/ Castellote Herrero 1990: VI e ss. González Reboredo 1990: passim). En conxunto, podemos dicir que se trata dun moi detallado interrogatorio, que persoalmente cualificamos algunha vez de 'rixído', pero que, en realidade, aspira a ofrecer unha ampla gama de posibilidades para lograr unhas respostas o máis minuciosas posibles, quedando nas mans do correspondente a posibilidade de contestar a todas ou a parte delas en función dos datos de que dispón, ou dos que ofrece a área xeográfica da que ten coñecemento.

-O total de respostas recibidas polo Ateneo foi, ó parecer, de 289, que corresponden, segundo Pilar Romero de Tejada, a un total de 357 localidades repartidas por todo o Estado Español (Romero de Tejada 1986:11). Destas respostas, das que non conservamos os orixinais por desaparición durante a Guerra Civil, fíxoxe unha transcrición a fichas de tamaño medio cuarto que se gardaron nun ficheiro entregado no ano 1922 á Sociedad Española de Antropología, Etnografía y Prehistoria, quedando finalmente depositadas no Museo Nacional de Etnología de Madrid, onde poden ser consultadas na actualidade. O número de fichas conservadas estímase en 18.713, e as extraviadas ascenden, nos cálculos máis realistas, a unha cifra que oscilaría entre as 2000 e as 5000 (Limón Delgado/ Castellote Herrero 1990: XIV e ss.). Entre estas últimas probablemente estarían todas as respostas, agás unha, das facilitadas por Leiras Pulpeiro, e que hoxe podemos recuperar mediante o manuscrito que xa mencionamos e no que nos deteremos máis adiante.

-As respostas de Galicia, que foron publicadas en versión galega (González Reboredo 1990), non son moi abondosas. Galicia identifícase no ficheiro co número 1, indicando cun subíndice a respectiva provincia; así 1/1 corresponde a entidades do poboación da provincia da Coruña, 1/2 a Pontevedra, 1/3 a Ourense e 1/4 a Lugo. En total contamos con 654 fichas da nosa terra, que se centran nas seguintes localidades:

a) A Coruña: Mariña de Betanzos, Noia e A Coruña.
b) Pontevedra: Setados, Carbia, Sta. María de Oia e 'Varios'.
c) Ourense: Penalba, Xunqueira de Ambía e 'Varios'.
d) Lugo: Vilar do Monte, Vilameá e Mondoñedo (só unha ficha neste último caso).

-No que se refire ós correspondentes que responderon dende toda España, hai que sinalar que xa Don Luis de Hoyos Saínz deixou indicado que eran maioritariamente notarios e profesionais do dereito, escritores, costumistas rexionais, algúns profesores e estudiosos da historia, xunto con médicos e boticarios ( Limón Delgado / Castellote Herrero 1990: V). Nun recente estudio dedicado ós correspondentes de Andalucía e Extremadura identificouse a un total de 4 avogados, 3 profesores, 2 escritores, 1 boticario e 5 médicos, cifra esta última que revela que a clase médica participou de maneira destacable nesta tarefa (Rodríguez Becerra / Marcos Arévalo 1997: 176). Gracias a un traballo de Salinas, que aproveitou estes materiais moi cedo (Salinas 1905: 7), coñecemos os nomes de algúns correspondentes de Galicia, e, por unha referencia contida nas propias fichas, tamén a profesión dun, a de notario en Carbia (Pontevedra); por outra banda, o informante ouresán que facilitou os datos para as fichas do apartado Varios foi Don Benito Fernández Alonso (1848- 1922), nado en Entrimo e residente en Ourense durante gran parte da súa vida, cidade da que chegou a ser Cronista Oficial.


--Achegamento ó texto manuscrito de Leiras Pulpeiro
-O esforzo investigador do señor Reimunde Noreña libéranos de publicar o texto completo de Leiras Pulpeiro neste artigo, o que resultaría excesivamente longo e reiterativo. Pero non deixaremos de amosar algúns exemplos para confirmar que se trata dun escrito inspirado no inquérito do Ateneo de Madrid, e tampouco renunciaremos a facer algún pasaxeiro comentario sobre os datos nel compilados.

-Unha primeira obriga que temos é a de confirmar que estamos ante unha información destinada ó fin concreto que lle asignamos. E para iso nada mellor que contrastar a única ficha que se conserva en Madrid co manuscrito publicado en facsímile por Reimunde Noreña.

A) Ficha conservada en Madrid:
I.C.d.- Supersticiones respecto del mal de ojo, quiénes pueden hacerlo y sus consecuencias. Protección contra este y otros maleficios.

'El mal de ojo, por lo común temido de mujeres miradas con prevención por sus cativas condiciones morales, y particularmente si además reunen las de estar entradas en años y ser de figura defectuosa o poco simpática, puede volver encrenque (enfermizo) o de malas aveas (mal genio) al crío más robusto y de mejor pasta, y aún ocasionarle la muerte; pero basta afortunadamente para neutralizarlo una figa (higa), una cuenta de azabache, un ollo man (ombligo marino), un cuernecito de escornabois (ciervo volante) o una medalla bendita, atados a la muñeca derecha, libres o metidos en una bolsa, o una migaja de pan o unas hojas de ruda colocadas sobre el lado del corazón entre la camisa y las envolturas más exteriores' (Limón Delgado / Castellote Herrero 1990: 459; para versión galega ver: González Reboredo 1990: 43)

B) Manuscrito conservado na RAG:
-'El mal de ojo, por lo común temido de mujeres miradas con prevención por sus cativas condiciones morales, y particularmente si además reunen las de estar entradas en años y de ser figura defectuosa o poco simpática, puede volver encrenque (enfermizo) ó de malas aveas (mal genio) al crío mas robusto y de mejor pasta, y aun ocasionarle la muerte; pero bastan afortunadamente á neutralizarlo una figa (higa) una cuenta de azabache, un ollo mau (ombligo marino), un cuernecillo de escornabois (ciervo volante) ó una medalla bendita atados a la muñeca derecha, libres o metidos en una bolsa, ó una migaja de pan, ó unas hojas de ruda colocadas sobre el lado del corazón entre la camisa y las enbolturas -mas exteriores' (Leiras Pulpeiro 1998: 11).

-Como se pode apreciar, a identidade dos textos é absoluta, agás algunhas mínimas diferencias de acentuación, ortografía ou uso dunha preposición. Segundo antes anunciamos, este clarificador testemuño mostra con rotundidade que Leiras Pulpeiro concibiu a súa redacción como resposta ó inquérito do Ateneo, e que o actualmente conservado na RAG debe ser copia di remesado no seu día a Madrid.

-Pero aínda carecendo deste fundamental referente, un sinxelo percorrido selectivo polo texto permítenos comprobar con facilidade que o seu ordenamento e a intencionalidade dos distintos parágrafos están en función do tantas veces citado interrogatorio. Comezaremos indicando que o ordenamento xeral do manuscrito conservado na RAG ten unha secuencia que coincide en liñas xerais co esquema do cuestionario do Ateneo anteriormente exposto. Así, o escrito divídese nos tres grandes apartados de I- Nacemento, II- Matrimonio, e III- Defunción, pero cada apartado ten unhas subdivisións tamén coincidintes coa proposta ateneísta; por exemplo, o referente a nacemento divídese en: A- Concepción; B- Xestación; C- Parto; D- Bautizo; E- Fillos ilexítimos e f- Refráns e contos. Como era de esperar –así sucedeu con outros correspondentes- non redacta Leiras as respostas en coincidencia con todas as demais preguntas do cuestionario, mais resulta evidente que o seguiu con detalle, do que son confirmación uns contados parágrafos que incluímos a seguir, neste caso en versión galega do Sr. Reimunde Noreña, encabezándoos coas correspondentes preguntas do cuestionario, tamén en versión galega. Velaquí estas confirmadoras mostras.

-A) A pregunta que se numera con I.D.b. á .3 no inquérito leva por título 'Nomes; costume de poñer un ou varios; regra que se segue para poñelos e a quen pentence a iniciativa: nomes preferidos na localidade ou na comarca'. E a resposta atopámola no parágrafo seis do apartado dedicado a bautizo do manuscrito aludido, onde se nos dí que 'é pouco común pór máis dun nome, que fica invariabelmente á aleición dos que apadriñan, a non ser que se fixese algun voto relacionado con este particular. E os preferidos son: Antonio, Carme, Francisco, Isabel, Xosé, Xoán, Manuel, María, Pedro, Ramón, Remedios e Rosa' (Leiras Pulpeiro 1998: 43).
-B) O item de casamento sinalado con II. A. b.4 enúnciase no inquérito da maneira seguinte: 'Se existe a chamada feira das noivas ou calquera outro costume análogo>>. No quinto parágrafo do manuscrito da RAG respóndese así: 'Non hai feira de noivas. E só na de Gontán e nalgunha outra das importantes vese algo parecido no ponto en que soen reunirse as da peneira como chaman ás mozas que están a merecer e gostan de ensinarse, á beira das que acoden sempre numerosos galanteadores que máis de catro veces saen de alí enredados para ir ao altar' (Leiras Pulpeiro 1998: 45).
-C) Citaremos como terceiro exemplo, entre tantos outros, o que se refire á pregunta III.E.a.2, formulada desta maneira: 'Crenzas relativas ós mortos con violencia; conmemoración; sitio no que morreron; sinais que se empregan para indicalo (cruceiros, milladoiros, etc.) e mostras de respeto dos que pasan por tales lugares'. No parágrafo quinto do apartado dedicado a culto ós mortos no manuscrito dise que 'os lugares onde acontecen mortes violentas sinálanse con cruces, en cuxos brazos ou bases se inscreben os nomes dos interfectos e as datas dos sucesos. E o xeral é que a xente descubra a cabeza ante elas e murmure algunha plegaria (Leiras Pulpeiro 1998: 57).

-As anteriores mostras, que se poderían multiplicar ata abranguer o total do texto de Leiras, veñen confirmar, de novo, que este poeta mindoniense foi un importante correspondente do Ateneo de Madrid no que se refire a este tamén importante cuestionario. A perda da inmensa maioría dos seus datos, por extravío das fichas, ou mesmo por non seren todas elas pasadas o ficheiro, resulta sobradamente compensada co feliz descubrimento do texto inédito dada recentemente a coñecer. Non pretendemos nestas páxinas facer un estudio polo miúdo dos seus contidos, limitándonos a demostrar inequivocamente a razón orixinaria da súa existencia. Pero no queremos rematar sen apuntar que estas liñas de Leiras enchen algunhas lagoas, no que a Galicia respecta, sobre as respostas ó inquérito. Así, por citar un caso, en todos os apartados –nacemento, casamento e morte- Leiras Pulpeiro responde á pregunta de 'refráns e contos', da que non dispoñemos de datos procedentes dos outros correspondentes galegos. Non é isto de extrañar, pois o noso personaxe manisfestou en máis dunha ocasión o seu interés pola literatura popular con achegas que se publicaron na revista Galicia e tamén no Boletín da Real Academia Galega (Leiras Pulpeiro 1893; 1913 a e 1913 b).

Consideración final
-Os estudiosos da figura e obra de Manuel Leiras Pulpeiro teñen aludido reiteradamente ó seu carácter de poeta civil que coñecía ben a lingua falada polos homes e mulleres mindonienses. Como di Franco Grande: 'poucos escritores galegos souperon afondar tanto no conocemento da fala cotián e moi poucos tamén arrincar dela tanta beleza e recursos' (Franco Grande 1970: 14). Insistiuse tamén no seu carácter de home anticlerical, republicano e médico de pobres, algo que, como é notorio ó longo da súa producción, sempre entusiasma ó querido Xesús Alonso Montero, e que se manifesta en frases súas sobre Leiras como a seguinte:
'Poeta anteclerical, musa solidaria, cidadán pouco convencional, médico dos pobres, republicano avanzado, o seu vivir foi un 'test' constantemente proposto a un medio humano gobernado polos ricos, influído polo clero e convencional dabondo' (Alonso Montero 1983: 77).

-Non negaremos esta encomiable dimensión solidaria co progresismo e cos máis débiles do noso personaxe, aínda que non deixemos de apuntar que existen indicios de que el, como bo galego, sabía en ocasiones moverse nese ambiguo universo conceptual, tan galaico, que se resume na socorrida frase de "polo si ou polo non… ¡quen sabe!", presente posiblemente na actitude de encomendar os seus fillos a Deus no seu testamento (Reimunde Noreña 1984: 43). En calquera caso, a nosa intención foi a de facer público o destino orixinario dun escrito seu, aproveitando a oportunidade para lembrar que Leiras foi tamén un circunstancial folclorista e informante etnográfico, achegando datos merecentes dun estudio máis demorado no futuro.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
- Alonso Montero, X. (1979): 'Antonio Machado y Álvarez (Demófilo) e a cultura popular galega'. Senara. Revista de Filoloxía. Vigo, Colexio Universitario, nº I, 127 e ss.
- (s. / a). 'Leiras Pulpeiro, M.'. Gran Enciclopedia Gallega. Gijón, Silverio Cañada.
- (1983): 'Manuel Leiras Pulpeiro: o cidadán e o poeta'. En : M. Leiras Pulpeiro: Poesía completa. A Coruña, Sálvora, 15 e ss.
- Franco Grande,XL (1970):'Lengua e poesía de Leiras'.En:M.Leiras Pulpeiro:Obra completa.Vigo,Galaxia.
- González Reboredo, X. M. (ed.). (1990): 'Introducción'. En: Nacemento, casamento e morte en Galicia. Respostas á enquisa do Ateneo de Madrid (1901-1902). Notas de X. R. Mariño Ferro, trascrición e versión galega de C. Hermida, M. Lado e G. Rei. Santiago, Consello da Cultura Galega, 5 e ss.
- (1998): 'A partida de bautismo de Antonio Machado y Álvarez, fundador do Folklore Español'. El Museo de Pontevedra, LII. Pontevedra, páxs. 123 e ss.
- Leiras Pulpeiro, M. (1993): 'Refranes gallegos no comprendidos en la colección del Señor Saco y Arce, ni en la publicada en la revista 'Galicia' por el señor Valladares'. Galicia, nº 9-10-12, 565-636-773.
- (1913a): 'De Folk-Lore. Cantares populares'. Boletín de la Real Academia Gallega, nº 68, 200 ess.
- (1913b):'De Folk-Lore.Adagios populares'.Boletín Real Academia Galega,nº69-70-71-72,227-255-275-290.
- (1998): Costumes antigos de Galiza. Edición e versión Galega de R. Reimunde Noreña, Mondoñedo.
- Limón Delgado, A/ Castellote Herrero, E. (eds.) (1990): El ciclo vital en España. Encuesta del Ateneo de Madrid (1901-1902). Madrid, Museo del Pueblo Español.
- Lisón Tolosana,C. (1971): 'Una gran encuesta de 1901-1902'. En Antropología social en España. Madrid, SigloXXI.
- Reimunde Noreña, R. (1984): 'Estudo preliminar'. En M. Leiras Pulpeiro: Poesía galega completa. Barcelona, Sotelo Blanco, 13 e ss.
- Rodríguez Becerra, S. / Marcos Arévalo, J. (1997): 'La encuesta del Ateneo de Madrid en Andalucía y Extremadura. Metodología y perfil sociológico de los informantes'. Actas do III Congreso de Historia da Antropoloxía e Antropoloxía Aplicada. Santiago, Instituto de Estudios Gallegos, I,165 e ss.
- Romero de Tejada, P. (1986): 'Introducción a la encuesta de Ateneo de 1901'.En:J.Francisco Blanco: Usos y costumbres de nacimiento,matrimonio y muerte en Salamanca. Salamanca,Diputación Provincial.
- Salillas, R. (1905): La fascinación en España (brujas-brujerías-amuletos). Madrid, Imp. Eduardo Arias.
Gzlez. Reboredo, Xosé Manuel
Gzlez. Reboredo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES