Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A dicotomía Galicia-España desde a perspectiva actual

jueves, 21 de diciembre de 2006
¿É o Reino de España un Estado residual?
Na Europa do século XXI o modelo do Estado-Nación clásico -xurdido no século XIX-, que detentaba a soberanía absoluta sobre un determinado territorio, xa non é máis que unha utopía romántica contaminada á que se aferran ós extremos ideolóxicos nun, tan desesperado como retrógrado, intento de mover con fins puramente electoralistas as sensibilidades patrioteiras máis elementais do ser humano. O devandito, ó meu modo de ver, é aplicable tanto ós Estados-Nación con cadeira nas mesas de decisión internacional -por exemplo: o Reino das Españas- e, tamén, para aqueles territorios que teñen un carácter nacional histórico pero que están privados, polo de agora, de capacidade de actuación internacional -Galicia, Catalunya e Euskadi serían tres bós exemplos dos moitos que na Europa hai-. Centrar esta situación é esencial para delimitar a utilidade pública dos proxectos e discursos dos partidos políticos xa que, de non existir ese proceso de aproximación á realidade, o risco de converter en demagoxia as boas intencións partidarias é tan importante que debería preocupar pola influencia que ten na creación de sensibilidades sociais nas que o patrioteirismo, en calquera das versións que un poda imaxinar, sexa o único argumento que sostén a irracionalidade e a división en bloques antagónicos da opinión pública e do electorado.

O Reino das Españas é un microcosmos especialmente útil para estuda-lo devandito. Padecemos un concepto social e intelectual de Estado que non é máis que o herdeiro democrático do modelo ditatorial xurdido da Guerra Civil e que, ademais, está profundamente desfasado e moi lonxe da realidade tanto exterior como interior. Obxectivamente falando, a idea e definición decimonónica de España como estado centralista, unitario e xacobino, tense derrogado mediante accións lexislativas, políticas, culturais, sociais e económicas, ata tal extremo que xa non está en vigor nin é aplicable. Esta situación de perda de soberanía de facto da España é o resultado natural da aplicación tanto das políticas da Unión Europea como, por outra parte, da instauración dun sistema de Autonomías en permanente colisión cos intereses de centralización que, por esencia e natureza, ten calquera Estado. ¿Exemplos?, moitos e moi claros pola repercusión que teñen na cidadanía. A nivel internacional: a substitución da Peseta polo Euro pola que España perdeu a soberanía para emitir moeda propia, a submisión as liñas de política produtiva e comercial da Unión Europea, as obrigas que conleva a pertenza a OTAN que limitan o papel do Exército Español en moitos e substanciais aspectos, etc., etc. Por outra parte, a nivel interno, temos datos tan significativos como o son as porcentaxes que asume a Administración que podemos definir como propiamente Estatal no gasto global do sector público –en 1.975 era practicamente un 100%, en 1.987 pasou o 70% e, na actualidade, a Administración Central asume menos do 40% dese gasto global do sector público fronte o 60% que asumen as distintas Administracións Autonómicas-; outro dato moi significativo está nos preto de 2,5 millóns de funcionarios e empregados do sector público, dos que a Administración Central asume pouco máis de medio millón –en 1.975 asumía o 100%, agora non pasa do 23%-; e, para rematar, a identificación subconsciente da cidadanía con aqueles servizos que lles afectan máis directamente, por exemplo: a sanidade e a educación, sufriu unha variación tan significativa por mor das transferencias as Autonomías –todos están transferidos practicamente ó 100%- que, agora mesmo, non representan nin constitúen vínculo “afectivo” algún entre a sociedade e o concepto unitarista de Estado, herdeiro democrático do modelo ditatorial xurdido da Guerra Civil, que algúns sectores pretenden ver modelado, delimitado e enmarcado na vixente Constitución.

A pregunta xurde por si soia. ¿É, desde a obxectividade, o Reino de España un estado residual? Eu diría que non, porque dicir que si sería tanto como recoñecer que, nestes tempos do presente que suceden a pasados profundamente imperfectos, o Estado Español non é máis que unha andamiaxe deseñada para soster, cara o exterior, a realidade interior dunha estrutura ou vertebración en ruínas e, polo mesmo, en proceso de demolición. Como Estado plurinacional, España ten razón de ser e existir; só fai falla unha clase política con valentía abondo para asumir esa tarefa de vertebración pendente que algúns sitúan en 1.812 pero que, na miña modesta opinión, ven de moito antes. Rematarían así estas historias interminables de marcos estatutarios deseñados para laminar cada vez máis o poder do Estado en beneficio das nacións e rexións que o compoñen; estaríamos entón diante da posibilidade de que, cada un de eles, asumira con toda naturalidade que o obxectivo último do autogoberno nacional e rexional non é DESTRUÍR España senón CONSTRUIR un Estado Español eficaz e duradeiro.

Consonte co devandito, é arriscado pero non é faltar a verdade dicir que a maioría dos individuos que, desde a súa pertenza e permanencia nas clases dirixentes políticas e económicas, defenden o concepto continuista da España son, por acción ou omisión, inmobilistas pola deformación profesional que producen os intereses creados, e particulares, que administran. Fronte a eles están as necesidades da inmensa maioría da cidadanía que, por moito que por algúns sectores se tilden -case sempre de xeito pexorativo e con mais ou menos disimulo- de básicas ou tan elementais que teñen que considerarse como colaterais á alta política, eu insistirei sempre que non perden, nin perderán ata que se solucionen, a súa condición de lexítimas, urxentes e necesarias.

O xogo político non é un xogo nin unha partida de mús, é un asunto moi serio que afecta a millóns de cidadáns. Non é de recibo que a cidadanía teña que pagar, co consabido retraso económico e social, os devaneos e as ansias de protagonismo daqueles que, de xeito puntual e transitorio, ocupan responsabilidades de representación e goberno. Pode que sexa o momento de que cada elector que depositou o seu voto, a favor de uns ou de outros, faga valer a súa condición e esixa que se deixen de xogar as bonecas en San Caetano ou no Hórreo, que convoquen unha consulta popular se teñen dúbidas no termo que deben empregar para definir unha Identidade Galega que non é patrimonio ou invento de ninguén porque ten xurdido, século a século, do pobo desta Galicia que existe e permanece o longo da historia a pesar de quen a goberna. E, sobre todo, que pensen que non teñen o patrimonio exclusivo da verdade e, xa que logo, non teñen porque ter tanto medo de escoitar ós que nin intentamos destruír o Estado empregando subterfuxios estatutarios, nin toleramos que Galicia teña que resignarse a interpretar un papel de actor secundario que non pinta nada no conxunto da España.

CONSTRUIR é a palabra que define máis claramente a praxe, a teoría e a vontade política dos Galeguistas; Construir unha Galicia soberán desde a que podamos axudar a Construir entornos tan próximos e tan vencellados a nós como os son a Unión Europea e España. Todo o que non sexa conxugar o verbo Construir ten que ver con ese nacionalismo a ultranza que tantos conflitos, tantas mortes e tanto atraso, ten xerado; da o mesmo que en algúns casos teña cores españois e noutros os propios das nacións sen Estado, a vítima é sempre a mesma: o conxunto dunha cidadanía que traballa arreo para vivir e soña, porque soñar aínda é gratis, cun futuro mellor que, xeración a xeración, ve como a alta política e os asuntos de estado fan que se lle vaia das mans.
González, Xabier
González, Xabier


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES