Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O cazador de microbios

jueves, 07 de julio de 2016
Hai cen anos, na primavera de 1916, o tifo tomou Mondoñedo. Entre os meses de maio e xuño un gran número de alumnos do Seminario sofren febres e indisposicións intestinais polo que se adiantan os exames de fin de curso e tamén o regreso forzado ás casas da maioría dos internos.

Esténdese a alarma entre o resto da poboación; en poucos días pasa de cen o número de afectados. Ademais de moitos enfermos, prodúcense varias mortes, entre elas a do notario e arquiveiro xeral de protocolos Basilio VerdíaTovía (ou Tobía), que falece o 20 de xuño. Deixa viúva a Sofía Torrado Atocha e orfos catro fillos.

Basilio Verdía chegara a Mondoñedo desde A Coruña, onde residía, en 1901 para facerse cargo da notaría. Á marxe diremos aquí como “El Cruzado”, semanario tradicionalista de Mondoñedo, se sorprende de que o señor Verdía, sendo católico, formase parte do duelo no enterro de Manuel Leiras Pulpeiro en novembro de 1912. E é que Leiras, por riba da súa ideoloxía ou crenzas relixiosas, era moi querido por os e as mindonienses de ben.

Desde o xornal “Mondoñedo” difúndese a sospeita de que a causa destas febres poida ter que ver coas augas da Fonte Vella. Augas moi ben consideradas, as da antes chamada Fonte da Vila, mandada construír polo bispo Diego de Soto en 1548.

Segundo este xornal, os doentes son case todos residentes nas rúas de arredor da fonte, e lembra que xa se veñen dando casos de febres pola mesma altura en anos anteriores, como na primavera de 1914,e moito antes, en 1884, cando outro xornal local, “El Hermandino”, facía referencia a un trancazo ou constipado que “desde la Plazuela de la FuenteVieja hasta el Puente de Ruzos pone enfermas á cincuenta y una personas”. Organizáronse entón solemnísimos cultos para “desvanecer esas enfermidades”.

Logo de analizar as augas da fonte que cando chovía moito recibían filtracións das cortes das casas veciñas, o médico inspector de sanidade da provincia califícaas de impotables e propón a inmediata clausura. Mais como en xullo remite a epidemia, aí queda a cousa e non será ata a primavera do ano seguinte cando se tomen medidas.

Un longo ano foi o que tardaron en resolver en Madrid, no Instituto Nacional de Hixiene, que a augas portaban bacilos de Ebhert e, como consecuencia, en xuño de 1917, clausúrase a fonte.

O 3 de decembro deste 1917, sobre as dúas da tarde, un grupo de veciños da Fonte Vella, ante a falta de auga e, polo que parece, pouco ou nada temerosos dos perigos que supoñen as bacterias, asaltan e abren o paso á fonte. Logo de encher os cántaros, organizouse espontaneamente unha manifestación que marchou polas rúas de Mondoñedo en busca do alcalde.

Di un xornal que “el pueblo sensato permaneció inactivo y en expectativa durante los sucesos”, e que os protagonistas da revolta foron nenos instigados por mulleres, mais capitaneados polo campaneiro José Antonio Blanco.

A anécdota final é que un individuo que quixo “agazapar” os microbios que contaminaban aquelas augas só foi quen de capturar dúas ou tres anguías; iso si, de dimensións máis ben cativas.

(Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo).
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES