Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cada día suicídase polo menos unha persoa na Galiza

miércoles, 06 de julio de 2016
O xoves pasado non me foi posíbel ir á Praza de Armas de Ferrol a unirme a esas “Badaladas pola prevención do suicidio”.

Como traballador da sanidade pública tocoume ben veces achegarme a ese triste e real escenario e ser testemuña directa deste drama persoal, familiar, social e comunitario. Logo, todo se sume no silencio e o tempo aparentemente segue coma se nada. E diso xa está prohibido falar.

Na miña condición de sacerdote e experto en relación de axuda nos grandes intres de dor tamén tiven que acompañar persoas e familias que sufriron a perda de seres moi queridos nesas circunstancias.

Que difícil sandar esas feridas fondas no máis profundo da alma e da vida! Non ter xa nunca unha resposta minimamente explicativa para esa pregunta que aló no íntimo de cadaquén estará continuamente martelando nos miolos e, ademais, non se quere ou non se pode falar: Por que? Por que? Por que? Que nunca che toque na familia!

Engádese ademais a maldita autoculpabilización da que tan difícil é liberarse: En que fallei? Que fixen de malo? E se non dixese aquela frase aquel día, ou fixese aquilo outro. Se non a deixase soa ou só. Se eu fose menos esixente, ... , cambiaría a situación? E se, ou se, etc.? Os infinitos “e se”, que me rebentan a cabeza e non me deixan acougar na conciencia por máis que me aconsellen ou me intente autoconvencer que non fun eu quen determinou esa decisión.

E non digamos se algún imprudente fala, deixa caer ou mesmo insinúa: “Xa se vía vir”.

O problema do suicidio non se aborda en serio fóra das consabidas frases fatalistas, que repetimos como diagnósticos dogmáticos, aforrándonos así o traballo de confrontármonos con algo eminentemente doloroso e desagradábel. A verdade é que lle temos medo.

O medo. Outro sentimento ou emoción que non queremos verbalizar. Preferimos sumir todo na escura sombra junguiana onde nese subconsciente persoal ou colectivo afogamos xa para sempre ese problema. Pero por ese camiño iremos sempre a ningures.

Velaquí un chamamento a todos nós que nos interpela para apoiar unha causa e ir na procura de solucións estruturais nas que ninguén está da parte de fóra, nin persoal, nin familiar, nin socialmente. Abrangue a persoas e institucións, a grupos e colectividades.
“As recomendacións da OMS afirman que o suicidio pode previrse eficazmente e, por iso, apostan polo obxectivo de reducir en cada país nun 10% para o ano 2020 o número de mortes por esta causa. Imperativamente chama aos Gobernos a liderar e a desenvolver Plans de Prevención do Suicidio”

Os datos seguintes están recollidos literalmente de diversos xornais destes días pasados:
"Galiza padeceu desde sempre elevadas taxas de suicidio e sitúa o noso país no marco dun "grave problema de saúde pública".

“Cada día suicídase polo menos unha persoa na comunidade autónoma, rexistrándose 394 mortes deste tipo no 2014”. Unha cifra que non deixou de medrar desde 2010 pasando de 275 a 371 en apenas catro anos. A taxa de suicidios na Galiza sitúase en 11,85 por cada 100 mil habitantes”.

“Lugo está á cabeza do ránking de suicidios cunha taxa en 2015 de 17,08 por cada 100 mil habitantes, fronte aos 11,85 da media galega”.

O MGSM advirte: "as políticas desenvolvidas polo Goberno Central e a Xunta de Galiza fronte á crise desprotexeron a sectores sociais vulnerábeis incrementando o risco de suicidio na sociedade"

" Son especialmente importantes:
• a carencia de políticas activas de emprego,
• un elevadísimo paro prolongado,
• a redución da protección social,
• o deterioro da sanidade pública,
• o debilitamento da Atención Primaria de Saúde en particular,
• a tolerancia gobernamental coa banca,
• a súa agresividade respecto ao cobro dos préstamos hipotecarios
• a conseguinte vaga de desafiuzamentos".
• Etc.

“O Movemento Galego da Saúde Mental, (MGSM), iniciou o pasado 3 de maio a campaña Badaladas pola prevención do suicidio, coa finalidade de sensibilizar á sociedade fronte a esta cuestión, e para reclamar o cumprimento das obrigas que os gobernantes teñen coa protección da saúde e da vida da poboación”.

Badaladas pola prevención do suicidio concluíu esta quinta feira con concentracións simultáneas en Ferrol, A Coruña, Lugo, Compostela, Ribeira, Pontevedra, Cangas, Vigo e Ourense onde se escoitou unha badalada coa que lembrar as persoas mortas. Urxe un Plan de prevención.

Cáritas, Pastoral da Saúde e Pastoral Penitenciaria de forma moi documentada, seria e axeitadamente véñense achegando desde hai moitos anos a esta problemática. Pero fican certamente desbordados porque atinxe globalmente a todos os sistemas implicados.

O Papa Francisco falou varias veces deste asunto co gallo do Ano Santo da Misericordia. E
mesmo actuou con moita empatía nalgún caso do persoal do mesmo Vaticano.

Se este problema é grave na sociedade, no cárcere, nos cárceres do mundo, estes berros traspasan todos os aramados e concertinas. Non os estás a escoitar? O 80 % dos reclusos, din as estatísticas, sofren trastornos psíquicos e ese non é o lugar para tratalos adecuadamente. Son enfermos e non delincuentes, por máis que cometesen actos delituosos. Disto falarei máis especificamente noutra ocasión

Como dixo Castelao: Ninguén sobra. Vinde todos traballar á obra. O xoves pasado non me foi posíbel ir á Praza de Armas de Ferrol a unirme a esas Badaladas pola prevención do suicidio. Esta é a miña badalada de adhesión persoal á causa que tan fortemente nos está urxindo a todos.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania