Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A esperanza nunca defrauda

jueves, 30 de junio de 2016
A persistencia do labrador, independentemente das circunstancias, dá lugar á producción de alimentos para toda humnidade.

A fidelidade á paternidade e á maternidade responsables produce filos e fillas xeitosos deverdade.

A incansable labor do profesorado fai posible que as persoas adquiran coñecementos e a sociedade avance cultural, social e económicamente.

A colaboración de toda a sociedade produce persoas de gran valía persoal e social como é o caso do rapaz: Antonio González López que fixo a seguinte crónica do colexio da súa infancia co gallo do cuadráxésimo aniversario do mesmo, que se adxunta a continuación:

En nome da institución que representaba, falou tamén das súas vivencias como alumno e dos bos recordos que do Colexio puido levar.

Interveu xunto a eles tamén don Indalecio Cabana Leira, xefe territorial da delegación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na Coruña, e que destacou no seu discurso o gran traballo da dirección do centro e do profesorado no desenvolvemento de diversos e interesantes proxectos educativos, nos que ademais están implicados membros das tres universidades galegas -A Coruña, Vigo e Santiago-, e entre os cales figuran iniciativas orixinais que presentan experiencias educativas moi enriquecedoras como, no eido da comunicación lingüística, o Laboratorio de Radio que coordinan Sergio Pascual e Lucía Abarrategui. Foron as palabras de don Indalecio Cabana moi gratificantes para o profesorado, posto que el mesmo sinalou que estaba garantida a continuidade desta empresa educativa integral que é o CPI «Virxe da Cela», e asegurou o apoio da Consellería para poder seguir adiante coas diferentes actividades que nel se desenvolven, logrando excelentes resultados na formación do alumnado.

A última intervención da primeira rolda foi a de don Jorge Pena Barbeito, presidente da Asociación de Nais e Pais de Alumnos -ANPA-, que incidiu nos sentimentos de comunidade e de pertenza ao Colexio como aspectos intimamente ligados á vida social de Monfero, Irixoa e arredores, é dicir, incidiu na función do Colexio como centro de socialización, idóneo para coñecerse e compartir experiencias enriquecedoras, aprender uns dos outros, facer amizades e, co paso do tempo, afianzar esas relacións mediante o recordo común do que era a vida nas aulas do Xestal.

Tras esta intervención, produciuse o cambio dos integrantes da mesa, que pasaron a ser dona Mercedes Cachaza Platas, profesora xubilada, o alumno presentador Sergio García Coira, e os ex alumnos dona Catuxa Lage Gómez, avogada, e don Antonio González López, estudante de Historia en Santiago. Trala debida presentación de Sergio, procedeu dona Mercedes Cachaza a ler o discurso onde fixo un resumo -invitada a resumir por dona Pilar Castro Arias, a profesora secretaria do centro, que nesta ocasión miraba por optimizar o tempo- do que foi a vida escolar durante tantos anos no Xestal, dende os claustros e consellos escolares ata as aulas, e tamén fóra, en diversas excursións que se foron facendo. Despois de dona Mercedes, foi a ex alumna Catuxa Lage Gómez quen pronunciou unhas palabras sobre a súa experiencia no Xestal, e quen se viu embargada pola emoción do recordo, cousa que fixo que lle faltasen as palabras, pois as palabras moitas veces non nos asisten cando se trata de expresar sentimentos fondos e verdadeiros. Seguidamente, Antonio González López presentou unhas breves notas sobre cultura e educación, pretendendo invitar á reflexión, e sobre a concentración escolar de Monfero no Colexio do Xestal, así como algunhas palabras de encomio ó labor educativo como fermosa dedicación e unha apelación ás autoridades para coidar o bo funcionamento do sistema e para garantir a continuidade de empresas educativas de recoñecido éxito como a do «Virxe da Cela» de Monfero.

Finalizadas as intervencións, pasouse a proxectar o vídeo elaborado polas profesoras Verónica Dopico e Yolanda Castro coas fotos de corenta anos de escola, imaxes capaces de refrescar a memoria e de espertar a emoción de quen revive os tempos gozosos da infancia e da vida escolar. Axudaron a que afloraran os sentimentos as cancións que como banda sonora acompañaron a sucesión de fotografías ben seleccionadas para a ocasión.

Rematou con ese vídeo o acto conmemorativo propiamente dito, dándose paso ao tempo dos aperitivos e da conversación, que puideron manter entre si os asistentes, antes de facer a fotografía conxunta final diante do edificio de Secundaria.

Asistiron ao acto conmemorativo do cuadraxésimo aniversario o alumnado de Primaria e Secundaria, o profesorado actual, varios ex alumnos e antigos profesores do centro: o citado don Manuel Couce, dona María José Otero, don José Manuel Lagares, don José Dopico, don José García, don Gonzalo Tizón, dona Mercedes Cachaza, dona Elvira Castro, dona Carolina Herranz, don Pedro García, dona Teresa López e don Carlos -profesor de inglés de Primaria hai algúns anos-. Asistiron entre as autoridades, os citados don Indalecio Cabana e don Alberto Cortizas, don Antonio Deibe, alcalde de Irixoa, e os concelleiros don José Otero e don José Roca. Asistiron entre o histórico persoal laboral do Colexio dona Marisa Cachaza, dona Purificación Sanjuán e don Álvaro Calvo acompañado pola súa dona, ademais do persoal que estaba neses momentos traballando, como dona Elvira Carpente. Asistiron tamén pais e nais de alumnos, como dona María José Ramos, que presidiu a ANPA moitos anos. Contáronse entre os asistentes cinco dos once directores que tivo o Colexio, estando presente o primeiro, don Manuel Couce García; o sexto, don Gonzalo Tizón Sánchez; a sétima, dona Elvira Castro Otero; a décima, dona Míriam Seoane Míguez, e a undécima, dona Camino Pereiro González.

Houbo que lamentar, así mesmo, a ausencia de quen non puido vir por verse suxeito a responsabilidades -varios ex profesores do Colexio que actualmente dirixen outros centros-, a imprevistos e sobre todo, a aqueles que non puideron asistir por enfermidade, a quen lle transmitimos desexos de recuperación, e á vez, o noso pesar por non nos poder acompañar neste día.

Para rematar co acto, fixéronse fotografías do conxunto dos asistentes -excepto os profesores Pepe Dopico, Pepe García e José Manuel Lagares, que tiveron que marchar antes- diante do edificio de Secundaria, e o alumnado da ESO realizou unha coreografía que foi gravada en vídeo para facer o que se chama lipdub. Entre tanto, a prensa escrita -o Diario de Ferrol e La Voz de Galicia- fixéronse eco do acontecemento, que saíu publicado o día seguinte nas páxinas destes diarios. Houbo unha boa reportaxe fotográfica do acto, que recaeu nas profesoras Yolanda e Verónica, coma sempre, por seren elas as mellores no tema, e despois un grupo de profesoras e un ex alumno -don Alfonso tivo que marchar- foron tomar uns refrixerios ao bar de dona Cristina García Caínzos no Xestal, deixando o centro ao bo recado de dona Pilar Castro, dona Marta Novo e demais profesorado.


Foron convidados a xantar no comedor escolar dona Mercedes Cachaza e Antonio González, modestos conferenciantes no acto, que foron os últimos en visitar a exposición temporal da escola histórica concedida polo Museo Pedagóxico de Galicia -MUPEGA- ao centro co gallo da devandita conmemoración, exposición que antes puideron visitar os asistentes ao acto. Durante o transcurso do acto solemne de conmemoración, o alumnado de Infantil gozou dunha xornada amenizada por uns contacontos que actuaron na Biblioteca.

***

Resultou este acto un acontecemento de celebración da vida convivida, dos anos compartidos de traballo docente e de aprendizaxe, un acto da lembranza, antídoto contra o esquecemento, ocasión para o reencontro, do que se pode tirar un sentimento de alegría por ter noticia das persoas coas que se viviu parte da vida, ás que se lles puido dar o mellor dun -no caso dos mestres- ou das que se recibiu un ben prezado -no caso do alumnado- como a boa educación, nutritivos xantares, sorrisos e traballos ben feitos como a pulcritude das instalacións, o arranxo de avarías e a administración de material, méritos debidos ao persoal de cociña, ao de limpeza e ao conserxe -Purita, Marisa, Carmen, Marcelino, Iago, Elvira, etc...; Loli e Victoria, e Álvaro-.

En definitiva, un reconfortante e fermoso acto de absoluta humanidade, que agranda o orgullo e o sentimento de privilexio de quen se ve indisolublemente ligado ao Colexio «Virxe da Cela» do Xestal, Monfero, dende tenra idade e xa para sempre no tempo que quede por vivir. A todos, o máis sincero agradecemento.

Atentamente, a 20 de xuño de 2016:
Antonio González López

Véxanse os vídeos, as fotografías e os recortes da prensa, así como os demais traballos realizados ex profeso, no blog elaborado e actualizado pola profesora Verónica Dopico: https://40anosvivindoaescola.blogspot.com.es
Cachaza Platas, Mercedes
Cachaza Platas, Mercedes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES