Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Teorema de Tebas

martes, 29 de mayo de 2001
De entre as grandes obras de arte que nos mobilizan polo labirinto da natureza humana: Edipo, Hamlet, Fausto, Drácula..., nengunha como Hamlet e Moby Dick nos forzan a inquirir cal é, de certo, a ferida que atormenta aos seus protagonistas, quer dicir, a nós, os seres humanos. E a resposta é fascinante: Hamlet e Acab son a mesma criatura; a vida e a moral, a mesma ferida.
Se lembramos a obra de Shakespeare, Hamlet sabe desde o comezo cal é o seu drama, e a revelación que lle fai o Espectro a respecto do crime é só o detonante que precipita a cadea destructiva do Príncipe. Igualmente, ao ler o conto de Melville constatamos que a mutilación que Moby Dick lle inflixira ao Capitán non abonda para explicar a amargura da súa alma. Nin a complexa trama de Hamlet nin a profusión narrativa de Moby Dick nos impiden descubrir que os seus protagonistas padecen unha mutilación esencial que lles fai vivir e morrer intentando destruir o monstro que llela causara. O tal monstro non é a Coroa de Dinamarca nin a Balea Branca, senón a propia vida, quer dicir, a incompatibilidade entre as vítimas e o mundo, simbolizado este por unha torre e por un barco: lugares pechados, aillados do exterior, metáforas, enfin, dos cranios do Príncipe e do Capitán, que é onde se desenvolve o verdadeiro drama, e onde non poden morar cortesáns nin mariñeiros, senón fantasmas. O horror de Hamlet e de Acab consiste, xa que logo, en teren que destruir as súas fantasmas, sabendo que eles propios han sucumbir, pois os incertos moradores da alma son a fonte dos seus dramas, das súas vidas.
Agora ben, a fonte das vidas é sempre a Nai e, con efecto, ao ler o drama de Hamlet comprobamos que o impulso que leva ao Príncipe ata a morte, o que explica a súa arbitrariedade, a súa loucura e, especialmente, o sadismo da súa relación con Ofelia, é o desexo de posuir a nai. Da mesma forma, Acab, marcado non por unha cicatriz, senón polo estigma de nacemento que é a orfandade materna, tampouco dubida en arrastrar canda el a tripulación do Pequod, pois ela é composta de sombras secundarias, e o Capitán vive e morre en procura da sombra primordial: o Enorme Mamífero, a Grande Amamantadora que non tivo.
Hamlet e Acab, logo, en procura da Nai: lugar pechado tamén, ao abrigo da vida. Se eles somos nós, se Elsinor e o Pequod son o mundo, se a Nai é a morte, entón a vida é a moral, pòis ela é a que lle veda a Hamlet o camiño da nai e a que resolve en naufraxio a ruta trazada pola man de Acab. Por iso ambos, non podendo aceptar unha vida trazada por outra man, deben morrer. E así, igual que o Hamlet de Cunqueiro penetra o ventre materno co puñal e despois se suicida, Acab arponea a branca pel do monstro, fundíndose con el na morte, pois na vida nin o Capitán nin o Príncipe teñen lugar. ¿Témolo nós?
Pisón, Xesús
Pisón, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES