Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pequena historia do Ferreiro (I)

miércoles, 13 de diciembre de 2006
Pequena historia do Ferreiro (I) Pequena historia do Ferreiro (I) PEQUENA HISTORIA DO FERREIRO E PRIMEIROS TRABALLOS COÑECIDOS DESTE OFICIO
O ferro, a diferenza dos metais que se traballaron con anterioridade como o cobre e o bronce cuxa redución a estado líquido era moi doada para podelo verquer en recipientes e así podelos adaptar a forma que quixese cada un, necesitou moito máis tempo para ser fundido non conseguíndose no vello continente de Europa ata o ano setecentos antes de Cristo, mentras en China a mesma laboura facíase dende tempos ancentrais. O ferreiro tivo na Nosa Terra unha longa tradicións nos castros onde dotaron ao oficio de grande persoalidade. Sendo os ferreiros galegos os herdeiros dos fundidores do bronce. En Galicia a aparición dos primeiros instrumentos de ferro coinciden coa época castrexa, polo que os xacementos atopados nos devanditos lugares acadan a maior antiguedade. A pezas achadas indican as claras os primeiros traballos atopados en diferentes lugares principalmente no castro de Troña en Santa María de Pias no concello de Ponteareas (Pontevedra) entre eles: cravos, fouces, ferraduras… máis tarde coa aparición de escorias dabondo amosan que a forxa do ferro debeu de ser unha tarefa a cotío en moitos destes poboados. A medida que o home foi cada vez facéndose máis sedentario e co avance da agricultura tivo a necesidade de fabricar apeiros de labranza como legóns, rodos ou sachos. Pouco a pouco a forxa do ferro, malia as súas dificultades, acabou por ter en Galicia grande relevancia sobre todo en Lugo tanto nas montañas como na súa propia costa. Durante o periodo da romanización que sucedeu a época castrexa moitos castros situáronse preto dos xacementos de ferro que existían nestas montañas orientais, o que deu lugar a pequenas poboacións que se adicaron a extracción do metal. Pero foi no medievo cando o traballo do ferro acadou en Galicia o seu pulo definitivo grazas a que se aplicou a forza hidráulica conseguindo deste xeito amaciar o esforzo de non poucos brazos humans, dando lugar a que se emprazasen as ferrerias no fondo dos vales galegos, a carón dos ríos onde a auga adquiriu case a mesma importancia que o propio ferro e o carbón. Estas ferrerías mantivéronse en Galicia ata o século XIX, na maioría dos casos eran propiedade dos mosteiros. Os ferreiros galego foron os primeiros fornedores de todo tipo de apeiros non tan só para o rural galego senón para boa parte da Península Ibérica, sobre todo para Castela onde había moita demanda das fouces de Ferreiravella en Riotorto (Lugo). No medio rural hai máis de medio século calquera núcleo de poboación tiña o seu ferreiro que remendaba ou arranxaba o máis diversos obxetos métalicos, sobre todo no noroeste da provincia de Lugo preto da cunca do río Eo a ámbolas beiras da divisoria entre Galicia e Asturias. Hai que salientar que a maioría das ferramentas desta zona soían ir enmangadas polos mesmos ferreiros en pezas de madeira. Sendo as árbores máis apreciadas para esta laboura, o bidueiro, choupo ou queiroa. Curiosamente os ferreiros da Idade Media colleron como fonte de inspiración para facer as armas de man estas ferramentas, usadas para a labranza, así fabricaron: alabardas, espadas, puñais ou lanzas.

A FORXA E OS SEUS ELEMENTOS. EVOLUCIÓN DOS MESMOS ATA A ACTUALIDADE. MATERIAIS E FERRAMENTAS DO FERREIRO. AS FERRERÍAS HIDRÁULICAS
A forxa indica o lugar de traballa o ferreiro onde quenta e lle da forma ao metal, pode atoparse integrado como unha dependencia máis da casa ou ocupando un espazo ao seu carón. Teñen pouca iluminación por mor da necesidade do ferreiro de distinguir a temperatura a que se debe de poñer o metal para o que se necesita sempre a mesma luz. Entre as pezas que a compoñen están as seguintes, o Barquín ou Fol cuxa misión é a de producir aire para que arda o carbón, componse de dúas tapas de madeira xunguidas por unha peza de coiro, movida mediante o emprego dunha Panca que vai pendurada dun Armazón de madeira ou ferro. O barquín na parte final estreitase nun Bico para inserirse no burato dunha Lousa, situada verticalmente a carón da Fornalla, outra das pezas polo xeral de pedra, situada sobre unha base do mesmo material. Enriba dela nun oco chamado Regazal bótase o carbón que porá vermello ao ferro dando lugar a que amoleza o que permitirá poida ser estricado para traballalo dunha maneira máis doada na Zafra ou Ingre nome co que tamén se coñece na localidade de Riotorto concello da Pontenova en Lugo.
Na actualidade hai varias modalidades para a introdución do aire e así conseguir que arda o carbón na forxa. Un mediante un xenerador eléctrico acoplado au ventoiro que produce unha corrente de aire cara o exterior da forxa por un sistema de tubos, corrente que se regula mediante os correspondentes tiros.
Outra modalidade é utilizando a tromba de auga, así se coñece o tubo que se debe ao cientifico Venturi, basease en que a presión da auga que corre través da tromba, merma cando pasa por un esganamento desta. A merma da presión, fai que a presión atmosférica sexa superior a que hai no esganamento da tromba, dando lugar a circulación do aire do exterior ao interior da tromba que pasa a misturarse coa auga .Na parte inferiorda tromba hai unha cámara, de xeito que o chorro de auga co aire tropeza nunca lousa situada baixo el o que fai separar aos dous compoñentes. Entón a auga por medio dun chifrón verquese cara o exterior e o aire queda pillado na cámara. Dela parte un conduto que transporta o aire acumulado a forxa que se utiliza para avivecer o lume.
O carbón e o material que emprega o ferreiro é que pode ser de dous tipos de orixe animal, coñecido co nome de carbón de pedra e de orixe vexetal chamado carbón de cepa, este foi o que se usou de maneira tradicional polo feito do abondo da materia prima nos montes de Galicia e tamén pola súa doada elaboración, por ser ser máis rentabel pois tarda máis tempo en apagarse e precisa tamén menor cantidade de aire para arder. Ademais de non causar tanto fume e ser máis limpo. Hai que dicir que o carbón vexetal reservase hoxe para as fases de traballo de ferro máis delicadas.
En canto as ferramentas utilizadas polo ferreiro están as que siguen. Para cortar e dar forma as planchas ten as Tenaces de Corte as Talleiras e o Cortafrío, para voltear as pezas as Tenaces de Volta, as Tenaces de Lume usanse para recoller o ferro da fornalla, as Tenaces de Gancho levan unhas puntas para suxetar a peza, os Tufos e as Sufrideiras dan forma ao ferro. Coa fin de remexer nas moxenas e avivecer o lume votase man do Atizador así como das Limas, que pulen o metal e os Martelos para batelo, todos moi semellantes entre si pois tan só se diferenzan no peso e na superficie da súa boca. Por último co Mazo e máis o Esteixador pétase o ferro na Zafra ou Ingre.
Como elementos de fura están os Punzóns e Bancos de Barrenar o Escantillón traza liñas e fixa dimensións, non poden faltar no obradoiro doferreiro As Pedras de Afiar de forma circular en posición vertical que dan voltas mediante un movimento de rotación por medio dun eixe, teñen que manterse molladas a cotío coa fin de que non se queime aquilo que se deba afiar.
Outras pezas son os Trades, Compresores ou Soldadores Electrónicos.
A aplicación da auga afectou a transformación do ferro, permitindo foncionamento de grandes Mazos cos que se estricaba o metal despois de quentalo, dunha maneira máis lixeira e tamén efectiva no canto de facelo a man. En Galicia estas ferrerías hidráulicas situábanse ao carón dos regatos e dos ríos co gallo de aproveitar a súa auga que se levaba mediante unha canle ata unha presa coñecida co nome de Banzado onde se encoraba, debaixo da mesma ia colocada unha roda con aspas, as Pelas en posición vertical de xeito que ao abrir o paso da auga conseguise xirar. Da roda saía un longo eixe a Árbore no que no extremo daban voltas catro saintes os Malugreiros onde tropeza dunha maneira alternativa outra peza o Mango que se une mediante a Boga a un armazón de madeira. O mango remata nun Mazo que bate no ingre. A vista destas partes o seu funcionamento resulta doado de explicar, así a roda xira pola forza da auga ao caer nas pelas este mesmo movimento transmitello a árbore, que mediante choutos alternativos dos malugreiros, obriga a xirar ao mango que ao mesmo tempo fai subir e baixar o mazo para así poida petar na ingre.
A chegada da electricidade trifásica impuxo unha mellora na calidade de vida dos ferreiros que pasaron a dispoñer de ferramentas que enriqueceron a súa forza motriz mediante a aparición do Mazo Eléctrico que permitiu un estricamento moi cómodo dos vergallóns de ferro. Outro tanto podiamos dicir das prensas movidas por vapor de auga que operan sobre as barras de ferro alongandoas nunha determinada dirección o que permite abaixar a súa sección, laboura que tamén realiza o Martelo Pilón quen a diferenza da prensa, que traballa por aplicación progresiva da carga, opera por golpes continuados.

OBRAS EMBLEMÁTICAS DAS FORXAS EN GALICIA
En tódalas culturas do mundo o ferreiro tívose como un personaxe emblemático con certo prestixio o que as veces o situaban por enriba do resto da sociedade en que vivía. Na propia mitoloxía grega, Hefesto, fillo de Zeus, deus do lume e das ferrerías, forxador de armas e alfaias cuxo obradoiro se creía que estaba debaixo do volcán Etna, considerouse coma unha das divinidades principais do panteón helénico e capaz de realizar grandes obras artísticas. Por iso non debe de estrañar que do obradoiro do ferreiro, presidido pola espectacular fornalla co seu inseparabel barquín saisen cantidade de traballos uns como elementos de peche das casas: balustradas, enreixados, varandas. Relacionados coas portas e ventás fixeron, petadores, caravillas, pechadoras, gonces, fiadores, chaves, enreixados, bisagras. Para as cociñas de lareira: filloeiros, trasfugueiros, potes, trespés, caldeiros, tixolas, cazolas, mesmo obxetos como coitelos, olas… Entre os mobles: cadeiras, camas, mesas, almofías, lámpadas, espellos de pechadora. Surtiron a moitos oficios con ferramentas entre elas, cravos, machados, picos, punzóns, serras, fouciños cinceles, fauces, aixolas, escuadros, gubias, ferros de punta curvada, martelos, alicates, limas, tenaces, romanas, tirafornas, troguesas, subelas. Fabricaron apeiros de labranza: arados, dentes de grades, baldóns dos carros, raño, picaña, colmeiro, anciño, forqueta, garfo, sachos, non faltando os utensilos de mariñeiro como, arpóns, áncoras, ou anzós. mesmo obxetos de igrexa como crucesse hostiarios e naturalmente cataventos, estatuas, farois. Hai que dicir que os ferreiros aínda que non eran eles os que fabricaban as pezas do muiño por mercalas xa feitas os muiñeiros, poñamos por exemplo o rodicio, si amañaban cando se rompían algunha das súas partes como as culleres ou penas. Tamén ao beo, peza de ferro en que remataba o eixo do muiño, a partir dunha barra cadrangular, dábanlle a forma unha veces circular e outras veces cilíndrica. Moitos destes traballos forman parte con todo merecemento da arte popular.
Ripalda, Xosé Lois
Ripalda, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES