Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Farruquiño poida que sexa un humorista

jueves, 09 de junio de 2016
Os que asomen de vez en cando a estas argalladiñas que escribo, lembrarán, se lles coincidiu de lelo, que con motivo do chamado día das letras galegas, falaba dun tal Farruquiño que non puido ir á festa, porque nin o convidaron nin podería ir, xa que lle cadrou de ter que andar ensilando. Vou dicir hoxe algo máis del, aínda que sexan poucos os que desexen coñecelo algo máis.

Coido que o primeiro que debo dicir do Farruquiño é que poida que sexa un home dotado de profundo humus, humidade, sentido do humor. Si, poida que sexa un bo herdeiro daqueles devanceiros que puideron sobrevivir ós problemas que os esmagaban grazas a esa humidade interna, que lles permitía dobrar ou dobregarse moito sen chegar a quebrar de todo. Trátase dun humor máis práctico ca teórico, que lles axudaba a relativizar tantas e tantas cousas, poñéndose, por exemplo, a comer coa navalla un pique cun cachiño pequeno de pan sobre outro non moito máis grande, e cando o señorito lles preguntaba: ¿Que comes, lacaio? Respondían: Pan e carne, señor, entóxaselle a proba?

Non é que o Farruquiño teña asimilado ningún tratado de formulacións teóricas sobre o humor. El non leu: “O segredo do humor” do noso xenial Celestino Fernández de la Vega, nin víu o humor gráfico de Fraguas, nin de Mingote, nin do Carrabouxo nin de Quesada. Non. A súa postura é máis visceral ca cerebral.

E, non obstante, é toda unha filosofía de vida. A pesar do seu humor, é un home serio; que non debe confundirse bo humor con falta de seriedade. Así o dixo un home, tamén dos nosos, que sabía moito do tema, don Wenceslao Fernández Flórez: "No fondo, non hai nada máis serio có humor, porque pode dicirse que está de volta da violencia e da tristura". Eu engadiría: E ata da mesma morte.

É de supoñer que o humorismo do Farruquiño sexa o lóxico resultado dos seus compoñentes temperamentais, pois entendo que nel danse na proporción xusta: humanidade, enxeño, sentido crítico, transixencia, tenrura, e capacidade de admiración que é paso previo á adoración.

E pola contra, está ben lonxe deses extremismos dun ou doutro signo, que, polo que se ven observando, son claro expoñente dunha descompensación dos humores que produce perenne cabreo, autosuficiencia de impertinentes salvadores a quen ninguén implorou salvación, dedos acusadores de condena en nome dun deusiño raquítico e inmisericorde feito a imaxe deles mesmos, ou grandes defensores da liberdade de expresión mentres coa man esqueda tapan a boca ó veciño dese lado e coa dereita baleiran indiscriminadante cargadores de ametralladora, sementando destrución e morte no nome doutros deuses ós que o mellor favor que se lles pode facer é facerser ateos de vez e pra sempre, renunciando así a paraísos maquinados por mentes enfermizas pra levaren á autoinmolación a neniñas de dez anos.

Síntoo moito, pero, despois de vírenseme á mente estas malas calañas de desalmados que tiran do gatillo coa mesma frialdade con que tiran da cadea da cisterna do váter, túrbaseme tanto o ánimo que xa non podo seguir falando de humor nin do humorismo do Farruquiño, que xa era tolerante por natureza moito antes de que o 12 de decembro do 1996, en Asemblea Xeneral das Nacións Unidas se invitase ós Estados Membros a que o 16 de novembro de cada ano observasen o Día Internacional prá Tolerancia.

Volvede a ler, por favor, o final do párrafo anterior, e se non me credes buscade en Wikipedia. Non vos parece outra coñita marinera e outra tomadura de pelo nada menos ca das mal chamadas nacións unidas? A ONU! Case nada! Quen me diría cando empecei a escribir que ía rematar na ONU?
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES