Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento

lunes, 06 de junio de 2016
Meu Señor sacramentado,

Correspóndeme a inmensa honra, como alcalde da vella cidade de Ourense, e en cumprimento do máis antigo e afincado rito das institucións civís de Galicia, facer de portavoz dos Concellos que levaban a palabra das xentes desta Terra ás Cortes dos Reis de Castela nos tempos medievais, e reafirmar ante ti, Señor, na Santa Catedral desta fraternal cidade de Lugo, un humilde voto colectivo de fe e de esperanza.

Galicia non se pode entender sen as súas rías, os seus montes, as súas terras e as súas xentes. Sen as súas cidades e o seu campo. Sen a súa natureza e sen a súa humanidade.

Pero Galicia aínda menos se pode comprender sen as súas raíces, sen as súas crenzas, sen as súas formas de vida e organización. Sen as súas parroquias, as súas festas e romarías, os seus bautizos, as súas vodas, os seus enterros.

Galicia non podería sen entendida nunca sen as súas ideas e vivencias máis fondas, relixiosas e civís que viven a través dos séculos, a través xa dos milenios.

Somos o que somos porque a nosa humanidade brota sobre o humus rico e intenso dos que nos precederon. Somos historia e futuro porque temos tradición e raíces fondas afincadas no pasado espiritual común que esta cerimonia representa.

Desde o 19 de xuño de 1672 soa todos os anos a Marcha do Reino de Galicia, o noso himno máis vello, cando as cidades de Santiago, Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Tui, Lugo e Ourense, nos achegamos a esta Santa Catedral para anovar os votos da fe, e para xuramentármonos no noso orgullo de vello reino occidental e atlántico.

Este reino que foi capital na formación da España e na difusión da idea colectiva de Europa, grazas á peregrinación xacobea a Compostela.

Hoxe queremos afirmar a esperanza. A túa palabra, Señor, e o nome de Gallaecia, levan xuntos dous mil anos. E nestes dous mil anos, moitos foron os tempos atribulados, de fame e miseria, de guerra e desacougo, pero sempre a esperanza e o renacer da vida acabaron por vencer.

Sabemos que os tempos non son fáciles e que hai desacougos vellos e inquedanzas novas.

Pero tamén sabemos que a fortaleza da nosa sociedade, o esforzo deste pobo humilde, traballador, moitas veces botado aos camiños do mundo, fará que nos arrepoñamos a calquera tentación derrotista e que a empatía cos máis necesitados e o éxito nos desafíos, se impoña como outras veces.

Moitos son os problemas que habitan entre nós:

O avellentamento agudísimo da poboación rural fai imprescindible o esforzo de todos para atender con humildade aos nosos maiores e para lograr reverter unha situación moi preocupante.

As dificultades ou carencia de traballo abafan a moitas familias e fai renacer unha dolorosa emigración de mozos e mozas que debemos solventar.

Vemos que un fondo materialismo desorienta a unha sector da xuventude, obsesionada na urxencia de cumprir os desexos e nas ansias de posesión de bens materiais. Cousas ambas, moito menos importantes do que pensan, para a súa felicidade.

En moitos lugares de Oriente Medio, de Asía, de Africa padecen hoxe sufrimentos horrorosos por causa das interpretacións desafortunadas, radicais, e ata entolecidas, das ideas relixiosas alí dominantes. Así, milleiros de persoas foxen desas persecucións, desas guerras, e volven os seus ollos ás nosa terra occidental. E nós, non podemos pechar os nosos ollos.

Fronte a estes desacougos, debemos responder, coa Túa axuda, coa actividade solidaria de hoxe en día, mirada no espello da tradicional virtude da caridade.

Pero tamén hai desafíos novos, froito das novas realidades e das novas sensibilidades. O preciso freo á destrución da natureza e medio ambiente. O imprescindible respecto e protección aos sectores sociais máis vulnerables: mulleres, infancia, vellez. O combate sen cuartel ás drogas e á indecencia pública e privada.

Pedimos, pois, señor a túa intercesión, para exercermos o noso traballo de goberno diario, o noso liderado no combate aos problemas das xentes, coas máximas virtudes, coa máxima sabedoría e coa máxima dilixencia. Que as virtudes da prudencia, a xustiza, a fortaleza e a temperanza nos acompañen.

A miña cidade ten por patrón a un San Martiño que non dubidou en compartir a súa capa cun máis necesitado ca el. Que o seu exemplo nos ilumine a todos.
E que nos guíen tamén as primeiras palabras das ditas no teu nome en Galicia, gravadas en latín hai uns mil seiscentos anos no mármore do Crismón de Quiroga. Palabras que nos advirten sobre o materialismo e nos falan da luz da ledicia:

“O ouro é cousa ruín para ti, non digamos xa a prata. É moito máis o que brillas pola túa propia felicidade”.

Señor, ti que xa brillas permanentemente sobre as nosas terras recibe a nosa homenaxe colectiva e axudanos a acertar no noso traballo diario, para contribuír á felicidade e benestar das xentes que viven neste antigo, bendito e amado, reino de Galicia.

(Ofrenda do Alcalde de Ourense ao Santísimo Sacramento, na catedral de Lugo, na Infraoctava do Corpus Lucense).
Vázquez, Jesús
Vázquez, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES