Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Parlamento das Letras: Luís Valle

martes, 24 de mayo de 2016
Como unha cauda que se apaga na noite escura na que escintila agónica. Parlamento das Letras: Luís ValleAsí é a poesía de Luís Valle, unha loaira que aluma as sombras da caverna e revela a verdade do seu fulgor. A palabra non ten de cambiar a realidade. A palabra é a realidade na penumbra, o verbo que dá sentido.

Daquel rapaz lucense que principiou os seus versos cigurat teorizando na chama os epitafios e coroas queda apenas unha elexía arredada. Hai anos que habita na caída, no fedor que procura a elevación da ser, mendiño que atoutiña na procura do dicir xusto.

Ultimamente as lañas solares cauterizan na pel da súa poética e hai días que deixa oír o tronar do merlo, ut pictura poesis.

No altar dos seus penates, o corazón dos que se foron, a fraxilidade devastadora e unha luz indecisa á que se aferra tal se mañá non houber.

―¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?
Os meus primeiros textos aparecen no ano 2001 reunidos nun volume de poesía, Zigurat, que inclúe catro poemarios: Jano, Jethro en Irán, Poemas para el silencio e Inacabado.
Este libro deuno ao prelo unha pequena editora lucense que se chamaba Scio. Trátase dunha obra difícil de conseguir. Non sei se os exemplares que non se venderon estarán arrombados nalgún lugar ou foron directamente destruídos.

―¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?
Todas as obras que teño publicado até o momento foron ben recibidas pola crítica. Varias delas (Epitafio y corona para Manuel Quiroga, Caderno do mendigo etc.) pasaron bastante desapercibidas, pero penso que isto é sobre todo culpa miña.
En xeral, dedico pouco tempo á promoción. Apenas participo en recitais por unha mestura de pudor e preguiza. E, se ben estou bastante atento ao que está a facer a xente hoxe en día, vivo un pouco á marxe da actividade literaria máis cotiá e visible. Polo tanto, a presenza nos medios e o volume de críticas non é grande.
Tampouco pasa nada. Teño a convicción de que uns poucos lectores xustifican a escritura dun libro. E Parlamento das Letras: Luís Valletodos os meus libros foron lidos por algúns magníficos lectores.

―¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
Innumerables. Para empezar, semento libros por todos os cuartos da casa. Comezo e acabo o día lendo e tomando notas. Na mesa de noite sempre teño papel e lapis. Corrixo os poemas con algunha pluma ou bolígrafo que teña un significado especial para min. Adoito escribir nas cafeterías e nos hoteis. Leo mentres paseo, porque así podo fitar o ceo e sentir como bole o mundo ao meu redor etc.

―Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?
Dous poetas que me interesan especialmente son Chus Pato e Alfonso Pexegueiro.

―Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?
Eu defino a poesía que fago como muscular, esforzada e voluntariosa; equidistante entre o hermetismo e o simbolismo; encamiñada á procura do coñecemento dun mesmo, do amor, da morte e dos primeiros e derradeiros significados da existencia. Non sei se estou no certo con esta definición. Nin sequera sei se me aproximo.
En calquera caso, penso que escribir poesía é unha actividade esencial para a humanidade. Trátase dun acto de amor. Ensancha o mundo.

―¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?
Releo con frecuencia os meus clásicos, aqueles textos que me impresionaron e me proporcionaron ―en palabras de Italo Calvino― escalas de valores e paradigmas de beleza. Citar uns e deixar fóra outros non sería xusto. Trátase dunha nómina duns poucos centos de libros, quizá de medio milleiro.
Como exercicio de síntese e poñéndome uns límites restritivos, un decálogo de autores que espertaron en min a vocación poética, que procurei dixerir de xeito metódico e sinto que influíron na conformación da miña voz, incluiría a Shakespeare, San Juan de la Cruz, William Blake, Emily Dickinson, Arthur Rimbaud, Paul Celan, Octavio Paz, Giuseppe Ungaretti, Francisco Hernández e José Ángel Valente.

―¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
En primeiro lugar, o coñecemento que teño do tema non é exhaustivo, polo que estes comentarios teñen un valor bastante limitado. Ademais, habería que diferenciar a industria do libro en Galicia do sistema literario galego.
No caso do noso sistema literario, creo que falta pór en valor a obra dalgúns autores e autoras excepcionais que polos seus méritos deberían ter unha maior presenza no canon.
Pola banda da industria do libro, as principais eivas que vexo son o déficit de lectores; unha certa desconexión entre a vontade creativa das persoas que escribimos e os intereses estándar das persoas que len; así como unha relativa descoordinación, difícil de solucionar, que resta valor ao traballo individual de autores, editores, distribuidores e libreiros.
Como reflexión final diría que nas letras dun país como Galicia non sobra ninguén, só determinadas actitudes egoístas, carentes da autocrítica ou da perspectiva necesaria que tanto nos falta ás veces. Eu o primeiro.

―Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?
Descoñézoo. Será algo que descubrirei no seu debido momento. Probablemente testemuñaría do xeito máis límpido posible o amor por determinadas persoas. Non sei se o faría sobre un papel, cunha palabra ou cun abrazo.

―¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
Hai unha morea de autoras e autores de hoxe en día que escriben en galego e que me interesa ler. Iso xa é dicir algo, se temos en conta que para min o criterio á hora de seleccionar lecturas é fundamental.

―Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
Abrazar a nosa cultura é un bo xeito de facer do mundo un lugar mellor.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES