Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Don Manuelíño, bispo e poeta

lunes, 25 de abril de 2016
Na terceira edición de “Mondoñedo é poesía” que vai ter lugar o 1 de maio reservamos un tempo para homenaxear a un bispo que exerceu na diocese mindoniense desde 1890 ata a súa morte, o 25 de xuño de 1905.  

Para calibrar a súa humildade  e desapego ao boato abondaría saber que o seu desexo foi que o soterrasen no cemiterio da parroquia do Carme, na entrada, sen rótulo nin inscrición que identificase a súa tumba. E así se fixo, aínda que en 1920 o bispo Solís ordenou trasladar os seus restos ao interior da capela deste mesmo camposanto onde, desta si, unha inscrición sobre a lousa fai memoria. E alí descansa, case esquecido. 

Era asturiano, nacido en Uviéu o 10 de xaneiro de 1834. Chamábase Manuel Fernández de Castro, e en Mondoñedo deixou pegada de home bo, incluso santo, tanto que a fonte que hai na estrada que sobe desde Mondoñedo cara a Lindín, uns metros máis arriba do lugar de San Carlos, chámase Fonte do Bispo Santo no seu honor. Seica paseaba ata alí (nunca gozou de boa saúde), e, logo de se refrescar e descansar, regresaba ao pazo bispal. 

Nos seus 15 anos de goberno promoveu numerosas reformas. Culminou o arranxo parroquial en 1895 e creou novas parroquias como a do Carme e a de San Vicente de Trigás. Construíu as igrexas parroquiais de Santiago, a Nova, e a do Carme. É moi interesante a correspondencia que publica don E. Cal Pardo no seu “Episcopologio Mindoniense” sobre intereses por dereitos e aranceis, e, en xeral, queixas e menosprezos das que foi obxecto nas súas visitas pastorais por parte dalgúns párrocos. Se cadra foi por iso, porque soubo resolver con elegancia esas acometidas do clero polo que lle foi recoñecido polo pobo o honroso título de “Don Manueliño”. 

Mais, en Mondoñedo, a pesar de térmoslle dedicada unha rúa (vai desde os Muíños cara o Carme), poucos e poucas saben que Manuel Fernández de Castro foi, ademais de bispo, escritor e tradutor para o asturiano dun fragmento do Evanxeo de Santo Mateo, o que o converte nun pioneiro do rexurdimento literario da llingua. O “Evanxeliu en bable” editouse por primeira vez en Londres en 1861 cunha tirada de tan só 250 exemplares, a expensas do príncipe e filántropo, sobriño de Napoleón, Luis Luciano Bonaparte. É probable que a tradución fose obra comunal, coordinada polo noso bispo cando ostentaba a cátedra de Teoloxía Dogmática no Seminario Conciliar da capital asturiana. 

Don Manueliño, esperto latinista, escribiu artigos que se publicaron na prensa local da súa cidade, manuscritos para impartir o catecismo, poesías e diálogos con fins didáctico-relixiosos, e outros textos de carácter científico, doutrinais, filosóficos e teolóxicos. Algúns dos seus versos xa circulaban por Uviéu en follas voandeiras arredor de 1870. 

En Mondoñedo consérvase un retrato del na sancristía da igrexa parroquial do Carme, e outro na Sala Capitular da SIC. 
No folleto que se repartirá entre os asistentes ao recital poético do 1 de maio figuran dos poemas da súa autoría,“Añada de la Virxe” e “Les oveyines”,  que se recitarán no acto.  

O académico, Xosé Ramón Iglesias Cueva, en representación da Academia de la LLingua Asturiana, faranos un bosquexo deste personaxe que en asuntos lingüísticos e literarios énos practicamente descoñecido. 
 
Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo.
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES