Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Domingo Goás Chao, por sempre en Vilalba

domingo, 27 de marzo de 2016
Hai poucos días, estivemos en Lugo e en Vilalba presentando entre amigos un libro de Domingo Goás, e naquel acto anunciou que en poucos meses nos Domingo Goás Chao, por sempre en Vilalbapresentaría unha nova obra froito da conxunción da súa experiencia sudamericana de hai case corenta anos e unha extraordinaria memoria que lle permitía revivir calquera aspecto da súa intensa existencia.

E precisamente hoxe, no xornal el Progreso, Paco Rivera Cela publicaba a extensa e intensa entrevista que con aquel motivo sostiveron os dous.

E hoxe, Venres Santo, temos o difícil labor de despedir o polifacético amigo que ven de deixarnos, precisamente na terra común que tanto amou, na Vilalba das súas lembranzas infantís, das súas fondas e destacadas raíces familiares, na que vivíu sempre a pesar de que a súa vida intensa o levou por todo o mundo. Sempre con Vilalba como norte.

Domingo foi un namorado de Vilalba e amigo de todo o mundo vilalbés. Foi un estudioso da sociedade, do ser humano; foi un namorado do amor, un home familiar, dedicado á súa xente; un home xeneroso, entregado, gardador fiel da memoria do grande amor da sua vida ao que lembraba de xeito especial cada setembro no que unha viaxe á Suiza onde Lotti repousa, acompañado de amigos, marcaba cadanseu fito de memoria perenne.

Proba da súa xenerosidade foi a creación da Cofradía do Capón para difundir en Galicia, en toda España, ata en Roma, as excelencias do noso primeiro produto gastronómico.

Quen ven de deixarnos, tiña a honra de ser un precursor, un avanzado, ao ter sido – na súa vocación de home de Leis- o primeiro español que defendeu un tema legal diante do Tribunal de Estrasburgo, mesmo antes de que España entrase na Unión Europea.

E foi en vida un clásico nos estudos urbanísticos, nas planificacións de grandes espazos, na promoción e racionalización do mundo da promoción inmobiliaria.

Domingo Goás Chao, por sempre en VilalbaDomingo tiña unha atracción irresistible por Galicia, e por Vilalba en especial. En Vilalba tiña amigos “de toda a vida”; que sabía cultivar, cuidar, a amizade. Vilalba era o seu Macondo, a súa raíz, formaba parte da súa familia, e agora xa sabemos que tamén era o seu destino. O seu fin.


Desde hai anos, en Vilalba temos a “Rúa Dr. Domingo Goás” que o concello vilalbés dedicou ao seu pai como agradecemento ao singular papel que na sanidade e sociedad vilalbesas desempeñou Domingo Goás Canto que xunto coa súa dona Pilar Chao formaron exemplar familia vilalbesa.

Descanse en paz o vilalbés Domingo Goás Chao, que xa por sempre vivirá na terra dos seus devanceiros, na súa terra por fervoroso dereito de conquista permanente, que hoxe chora a súa perda despedíndoo como fillo garimoso que, ao final, volveu ao fogar de partida para nunca máis deixalo.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES