Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Feijóos

lunes, 21 de marzo de 2016
Se vostede deixa pousar a súa mirada de cando en vez sobre o fuste desta columna é posible que lembre que non é a primeira vez que traio a colación este apelido, por varias razóns, nalgúns casos obvias.

A primeira é porque apelidándose así -e téndoo de sobrenome- o presidente da Xunta, é imposible que, aínda que sexa ocasionalmente, non me teña tocado escribilo.

A segunda é porque tamén eu o levo no mesmo segundo patronímico -é dicir, no materno- e Feijóos varios teñen camiñado con frecuencia polas vereas doutrora das Terras de Celanova, o máis coñecido o Padre Feijóo, que estou seguro de que en máis dunha ocasión debeu "peregrinar" ata o sepulcro de Rosendo. E mesmo unha saga de Feijóos tivo responsabilidades civís de defensa do conxunto monacal celanovés, dos cales o máis fachendoso debeu ser un Xan Feijóo do século XV, cuxa lauda sepulcral se conserva no Museo Arqueolóxico provincial e na que, ademais dunha variante do escudo dos Feijóos (a dos seis roeles en dobre ringleira), tamén se pode ler unha lenda que relata telegraficamente a súa axitada vida: "Aquí xace Xan Feijóo, escudeiro, bon fidalgo e verdadeiro, gran cazador e monteiro".

Mesmo debería destacar, por respecto ós meus devanceiros de Amoroce, que a miña nai lévao repetido no seu carné de identidade. E que Feijóos abondan por estas terras do sur de Ourense, que o mapa cartográfico dos apelidos galegos cuantifica en 6.553 en toda a nosa xeografía, ata chegar -como sinalei- incluso á residencia presidencial de Monte Pío.

E, por se fose pouco, tamén conto cunha lembranza infantil ligada á mesa cotiá da miña casa. Non en van por riba dela había sempre unha botella de "Gaseosas Feijóo", que seica viña de Vigo e que me familiarizou a min coa heráldica do apelido, neste caso portando unha espada no medio dos seis roeles devanditos.

Pois ben, con todos estes antecedentes non sería lóxico que, despois de ter estado onte nun acto, se cadra habitual para empresas doutras zonas máis poboadas, pero excepcional e certamente meritorio para unha pequena industria familiar como é a de Queixos Feijóo de Acebedo, non me fixese eco dela (dado que non nos une máis vínculo familiar có da heráldica) despois de ter recibido o selo de "Galicia calidade" co que poderá saír ó mercado alleo dun xeito máis doado dende unhas veigas tan saudosas como apartadas do mundo.

Noraboa, pois, para a familia Feijóo de Acebedo, non tanto por conseguir o selo -que iso é relativamente doado-, como por levar 75 anos facendo queixos onde xa non queda xente -que iso é un milagre, realmente-.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES