Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre VALURIA, de Xosé Otero Canto

martes, 08 de marzo de 2016
Sobre VALURIA, de Xosé Otero CantoComo moitos dos lectores de VALURIA xa saberán, estamos diante dun autor e dun home que, como vulgarmente se di, “non para”; trátase dun coñecido, e recoñecido, poeta chairego pero é moito máis que iso; un escritor prolífico, un argalleiro das palabras, un profesor vocacional e, ademais, un impagable recitador e estupendo orador. Xosé Otero Canto, aínda por riba, segue a riola de tantos ilustres paisanos seus das beiras do Alto Miño, algúns deles da mesma Ponte de Outeiro coma el, e é, por tanto un referente literario da comarca -a xeográfica e real non a administrativa- da Terra Chá.

Como é un bo amigo, Otero Canto hónrame pedíndome un prólogo para esta obra dedicada á Valuria, á Baluria, ós Baluros ou Baluros ou mesmo á Balura como quería Eduardo Lence-Santar, pois de todas estas maneiras, e aínda algunha outra, serviu e serve para denominar unha terra e unhas xentes que están presentes na bibliografía, maiormente na do século XIX e primeiras décadas do XX, sendo Manuel Amor Meilán probablemente o que máis fortuna tivo na difusión deste imaxinario histórico-popular.

Non foron os baluros como algúns autores pretendían, os últimos herdeiros dos “adoradores de Baal”, deus fenicio-púnico ben coñecido en ámbitos mediterráneos, pero si unha casta ou un grupo social probablemente vinculado ó comercio e/ou a outros oficios ambulantes, como tratantes de gando ou “mercachifles” que adquiriron entre o común da poboación unha certa sona, e sona certa, de magos ou feiticeiros, adiviños, curandeiros ou falsos médicos, mesmo con certo matiz do que hoxe alguén podería chamar “maleantes” ou moinantes, todo o cal fixo que tiveran problemas coa Igrexa católica nos séculos XVII e XVIII e que un autor, ben que discutido e parcial nos seus cronicóns como Saavedra, os alcumara en 1674 como a xente máis ruín de toda Galicia ou que autores máis modernos os definiran como “tribo, pobo, raza ou etnia mal mirada...”.

Pero velaí como todo este compoñente máis ben pexorativo, se foi convertendo, e revertendo, a fins do século XX e en tempos recentes nunha connotación favorable, afortunada e sabiamente razoada a favor duns caracteres propios, insistimos que positivos, dunha parte da Terra Chá, precisamente e sobre todo a que está entre os actuais concellos de Cospeito e Castro de Rei (máis algunha parte da Pastoriza), ámbito que inclúe, entre outras parroquias, a de Triabá, de onde proceden os devanceiros maternos de quen isto escribe, é dicir, que engloba unha ampla zona chairega que encadra tamén a área da mítica cidade asolagada de Veria ou Verial. Hoxe, e logo de varias Festas Baluras ideadas e argalladas a partir de 1978 por Xosé Manuel Carballo (o Valuro de Honra por excelencia, con permiso do Tolo do Castro que atopou o Don Otto no xacemento arqueolóxico de Viladonga), existen grupos de teatro e de música populares con ese nome, e a denominación ten, como diciamos, unha clara connotación positiva e afirmativa dunha identidade de orixe e de carácter vinculada a unha boa parte da Chaira lucense.

Remitimos, en fin, ó xa escrito por Xan Cuba, Xosé Miranda e Antonio Reigosa no seu Dicionario dos seres míticos galegos (Ed. Xerais 1999) (tamén hoxe no sitio web www.galiciaencantada.com) ou por Filomena Dorrego en Croa, Boletín do Museo e Castro de Viladonga, nº 15, 2005), para quen queira saber máis sobre os baluros desde o punto de vista histórico-literario e etno-antropolóxico.

Para Xosé Otero Canto, todo este mundo da Valuria sérvelle, e ben ó xeito, para compoñer un rico poemario, cheo de referencias históricas, patrimoniais e etnográficas que veñen moi a conto, e que nos introduce na chamada intrahistoria dunha comarca como a Terra Chá. Unha ollada ó índice desta obra comprobaranos este aserto.

A Lagoa de Caque ou de Bardancos é unha boa escolla dos numerosos humidais da Chaira, como o sería o da citada Vería ou Lucenza de Cospeito, ou as Lamas de Goá ou o Pozo do Ollo begontino ou a vilalbesa do Alligal, que o recórdao xeógrafo Francisco Río Barja explicaba de xeito tan didáctico como expresivo.
Maeloc aínda segue sendo debatido na súa Britonia que refiren os documentos altomedievais e que dan para falar, non só do orixinario Monasterium Maximi e da propia Bretoña senón tamén da primeira diocese de S. Martiño de Mondoñedo e da mesma sé mindoniense posterior.

A olería de Bonxe semella xunguirnos ó eterno campesiño neolítico galego que definía o profesor Carlos Alonso del Real, pasando por esas etapas claves da nosa historia que son a cultura castrexa e o mundo galaico-romano, sen esquecer a colonización monástica que, non obstante, é tan descoñecida en canto ós seus aspectos materiais máis cotiáns como, mesmamente, a cerámica e outros instrumentos domésticos e útiles de traballo.

A Cova da Serpe, xa nos lindeiros da Chaira e, por tanto, algo lonxe do centro da Valuria, é un vello mito etnográfico e xeográfico que, como tantos outros, chega a nós petrificado (e nunca mellor dito) nun topónimo e nunha lenda que, no seu día, serviu para apoiarmos unha proposta para elaborar o escudo municipal de Friol.

As torres medievais dos Andrade en Vilalba e a de Caldaloba, unida ó eterno mito do Mariscal Pardo de Cela, son obxecto, esta última varias veces, da ollada poética de Otero Canto en varios dos seus poemas e romances, a xeito de epopea popular convertida para nós en versos do pleno século XXI. O nome da filla do presunto heroe, dona Constanza de Castro, xúntase aquí ó doutros personaxes como Fernán Pérez de Saavedra ou Roi López de Aguiar, tan históricos na documentación como épicos na literatura oral e culta do noso país.

A actual Moimenta non é, desde logo, a mansión romana Salaniana como lle gustaría ó noso autor, pero a licenza poética así llo permite e, en todo caso, non se esqueza que o actual topónimo non é outra cousa que o antigo e medieval monumenta, atribuído con frecuencia a necrópoles megalíticas, e con iso queda dito case todo sobre a antigüidade deste sitio, sen necesidade de recorrer a recreacións históricas algo forzadas como aquela outra que recolle Amor Meilán sobre a presunta casopa que, ó parecer e naquel antón, en Coea de Castro de Rei pasaba aínda por ser nada menos que a casa natal do emperador Teodosio, ou o que é case o mesmo: se non é vero, é ben trovato..., o asunto non é certo pero é ben bonito...

Tamén atopan sitio nos poemas de Xosé Otero personaxes como Vasco Fernández de Parga ou Pedro Pérez Parragués; ambos os dous, como moitos outros, serían descendentes - e ata é posible que directos - do Aulus Parraquus Maecianus que está presente nunha lápida funeraria romana atopada en Guitiriz e que hoxe se exhibe no Museo Provincial de Lugo logo de pasar moitas décadas, ou séculos, nun edificio fronteiro do camiño de Lugo á Coruña.

Consonte coa nosa vella historia, varios castelos e pazos desfilan polas páxinas deste poemario, e os sonoros e coñecidos nomes de Lanzós ou de Sistallo poden servir de claro exemplo da incidencia que estes lugares tiveron non só para os seus posuidores ou os que pretendían telos senón, e sobre todo, para a masa social traballadora e anónima que vivía baixo a súa férula ata tempos ben recentes se o calibramos con atinada medida histórica.

A romaría e peregrinaxe dos Milagres de Saavedra e mesmo o queixo de San Simón son dous elementos, espiritual un e más material o outro e que están moi vivos aínda hoxe, son tamén obxecto da atención do poeta, ó igual que episodios luctuosos ou ben macabros presentes no imaxinario popular a raíz de feitos certos, como o famoso crime da Legua Dereita, e que é como se viñeran darlle pé para acabar o seu libro con varios romances ou poemas romanceados como o de Rodrigo Romarís de Baamonde (dun vello Vadamundus, quizais un outro xudeu errante, visigótico el?) ou sobre a longa e tristeira lenda de Leonor de Montenegro de Guitiriz.

Ou, en fin, o noso amigo recréanos sobre a cobra de Amide, que nos lembra as serpes que a miúdo se ven no verán polo Castro de Viladonga que, por certo, Xosé Otero non menciona nesta Valuria, quizais porque non está entre as parroquias “oficialmente” citadas da Balura chairega, aínda que si están as lindeiras de Ansemar e Ramil. Reclamamos nós aquí a súa inclusión nela pois Viladonga participou amplamente na recente recuperación positiva da denominación balura ou valura. E falando de réptiles, tamén o último gran vate chairego desaparecido, Manuel María, deixounos citados no seu poema dedicado ó Castro de Viladonga (en Do lume e do vagalume, 1982) nun momento en que o xacemento quedara - entre os anos 1977 e 1982 - esquecido das administracións: “[...] habitado por cobras e lagartos, / xestas, uces, toxos e carqueixas / nas que aniña, cecáis, a cotovía / e florecen, ufanos, os balocos: / estalos pra ninguén, festas de nada... [...]”

En resumo e xa que logo, loanzas para Xosé Otero Canto, para toda a súa obra e en especial para estas lembranzas da Valuria, imaxinaria pero tamén real, antes negativa e hoxe reivindicativa, e que el transmite en forma de sonoros poemas para que continúe viva na memoria e na voz da Chaira.

(Texto do prólogo ao libro VALURIA, de Xosé Otero Canto, con ilustracións de Anxo Grande Penela, presentado recentemente en Castro de Rei, capital da terra dos BALUROS ou VALUROS).
Arias Vilas, Felipe
Arias Vilas, Felipe


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES