Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Doce sacerdotes de Ferrol visitan o cárcere de Teixeiro

martes, 01 de marzo de 2016
Amigos e amigas:Este non é propiamente un artigo. Tampouco unha crónica. É máis unha conversa e confidencia amigábel. Así como vai, saíndo do corazón. Porque como pastores estou e estamos contentos, dentro de realidades tan duras e sufrintes como as que se emparellan coa falta de liberdade.

Se visitades a web da diocese de Mondoñedo podedes intuír algo das fondurasdesta visita ao cárcere dun grupo de sacerdotes de Ferrol.
www. mondonedoferrol.org,

Doce, como os apóstolos. Connosco estaba o noso Administrador diocesano, D. Antonio Rodriguez Basanta. E tiñamos o prace do Sr. Arcebispo. Que xerárquicos somos!

Para nós a cousa ven xa de moi atrás. Pero decidimos facer o retiro coresmal de febreiro abrindo, precisamente no cárcere,unha porta á misericordia. “Estiven no cárcere e viñestes verme”. Nós, en Mondoñedo-Ferrol, temos de crear na diocese unha pastoral con matices diferentes, pero en total coordinación eclesial.

Nesta visita hai moito que agradecer. A D. Manuel García Souto, o noso capelán e ao sacerdote D. Juan González-Redondo y Neira.

D. David, párroco de Sobrado e D. Javier Izco, sacerdote tamén, desta vez non puideron estar presentes pero colaboraron moito desde o silencio e desde sempre.

Tamén estivestes moi presentes todos os voluntarios e voluntarias. Xa vos informarei con máis detalle no momento adecuado. E os da casa de acollida de A Coruña. Moito teremos de asesorarnos con vós.

As grazas fican pequenas se falo de D. Carlos, o director, Dª Adela, de seguridade e D. Carlos o subdirector. Desde o primeiro día que empezamos a programar, todo foron facilidades e colaboración.

D. Dionisio, o noso san Dionisio. Con este home de Deus temos historia de vello. Canto nos leva acompañado desde sempre! Caladiñamente, como fai el e con efectividade, desvívese sempre e totalmente polos presos. Leva implicándose inmensamente por todo o que sexa humanizar a vida dos internos e das familias.

Algún día teño que falar del máis polo miúdo. Desde o inicio dos módulos de respecto aí estivo el apostando por un modelo máis humanizador da vida e estancia por derriba da falta de liberdade.

Os compañeiros todos volveron á casa cos mágoa de non termos convivido máis cos educadores e traballadoras sociais. Non houbo tempo para máis. Que interesante foi coñecermos de pertiño ao funcionariado.Teremos de achegalos máis a nós. Invitalos a que nos falen. Eles ofrecéronse e están dispostos. E a eles tamén lles fai ben recibir xente que se interesa positivamente polo seu difícil traballo.

Impresionou, impactou e conmoveu, aínda que pasaxeira, a relación cos reclusos. A iso iamos: encontrarnos cos irmáns e irmás. “Preocupádevos dos presos, coma se vós estiverdes encadeados con eles”. Alguén de nós cando por un intre puido ficar a soas nunha cela non puido conter as bágoas: “E aquí anos e anos!”

Volvemos revoltos particularmente coa situación da muller encarcerada. Só por ser muller, tendo a mesma condena, ten engadidas moitas penalidades. Ao seren poucas, só ocupan un módulo.E iso resta moitas oportunidades de promoción, atención, axuda, convivencia, etc. Quen está detrás? O funcionariado? Non tal. A maldita economía. Abrir e dotar un módulo máis supón gasto. E iso non entra nos presupostos xerais. Pero aí hai persoas que sofren. E nenos que choran na distancia. Porque os cárceres están moi alonxados de todos os sitios. Desde fóra somos alleos a esta dor diaria onde se fai verdade: “Yo quisiera llorar y ya no tengo más llanto”. Moitas delas naceron, “nacémolas”, xa para ser carne de cárcere despois de espremelas en todas as escravitudes. Cando falemos da muller limpemos sempre primeiro moi ben a boca e os pensamentos. Non somos inocentes nin estamos socialmente libres de responsabilidade comunitaria.

Para nós esta visita pastoral foi un avance inmenso na concienciación e implicación da diocese a favor dos presos, das familias, das vítimas, no labor preventivo, no acompañamento durante o internamento, na acollida nos permisos e na saída para a reinserción e resocialización. Descubrimos un mundo que necesitamos coñecer máis. Somos toda a sociedade quen temos moito que cambiar, incluso nas causas e condicións nas que se enxendra a delincuencia e a morte deses propios fillos. Ninguén está fóra de responsabilidade.

Por que esta visita? Esta iniciativa nosa ten historia. D. Manuel García Souto, o capelán, facilitoume ver e acompañar a un fregués entrando dentro. Á saída, sen máis, espétame: “Vós non tendes cárceres no voso territorio, pero si moitos reclusos. Por que non botades unha man?”. Con estas súas verbas comezou para min un relato de vocación persoal. E así, desde abaixo, con prudencia e con amizade evanxélica levamos sete anos. Penso que esta relación e colaboración interdiocesana está sendo modélica en toda España. Así se ve e comprobamos cada ano cando nos achegamos ás Xornadas de Capeláns en Madrid.

Sen faltar ningún ano, D. Julián, o Sr. Arcebispo, polo Nadal fai a súa visita pastoral. É un kairós de Deus para todos: “O tempo do preso é tempo de Deus”. Persoalmente eu teño moita gratitude para el. Acolleume con amizade. E acolleunos nesta interdiocesaneidade con todo agarimo e sen reparo ningún. Agora xa somos un pouco “familia natural” e vaise avanzando nesta tarefa.

Graciñas, D. Julián. E moitas grazas por esa carta pastoral que tan boa acollida está tendo en toda España e que nós estamos a traballar nos grupos.

Aínda que non coñezo persoalmente a D. Jesús, o bispo auxiliar, sei do seu grande interés e dedicación a esta realidade. Grazas, D. Jesús.

Con esta nosa peregrinación quixemos abrir no cárcere unha porta de misericordia para que logo cando pasemos as portas santas das nosas catedrais estean cheas de verdadeiras realidades de misericordia convividas e experienciadas na vida diaria. E o mesmo podemos dicir das nosas celebracións ou das misas de domingo nas parroquias. Daquela as eucaristías serán cantares de resurreción e por iso estamos alegres.

Xa sabemos que non son estas as únicas portas de misericordia. Pero estas non poden faltar. E así nolo ensinan os Papas. Que fermosa a mensaxe de Xoán Paulo II, no Xubileu do 2000. Benito XVI e Francisco abren camiños de esperanza para un mundo mellor. Teñen xestos e verbas de evanxeo que claman polo Reino e a súa xustiza. A nosa igrexa naceu e medrou nos cárceres. E hoxe sofre prisión en cada irmá/irmán presos en todo o mundo. Que recluír non supoña excluír, di o Papa Francisco. E Xesús, que tamén foi preso, “foi enviado para proclamar a liberación dos cativos e un ano de graza do Señor.(Lc 4, 18-19).
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania