Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Falando do que non se entende (a política)

jueves, 28 de enero de 2016
Pra que ninguén se leve a engano, debo empezar confesando a miña ignorancia en temas fundamentais. Claro, eu estudei no seminario e pra cura valía calquera.

Non sei absolutamente nada dese fútbol que move multitudes e cantidades astronómicas. Por iso non sei o que pode custar un couceador de coiros nunha leira cerrada sobre si en comparanza co que pode valer un científico investigador de remedios prós males da humanidade.

De relixión, cada vez sei menos. Souben algo das cruzadas, da reconquista, da inquisición, e ata do Santiago Matamouros, no que nunca crin, e un chisquiño tamén aprendín do Evanxeo e de axudar a quen o necesita; pero agora estou perdendo o rispio, con isto dos “yihadistas” e demais marcas que din actuar en nome do de alá, pra salvar o mundo de segundas, e que nos teñen acojonados, con perdón, e que marcan cando han xogarse ou non os partidos de fútbol e que determinan por onde han pasar as cabalgatas de reis, ou os seus sucedáneos, e que poñen en perigo todos os días ás mal pagadas forzas da orde pública, mentres presumen de garantir seguridades os que non van mexar sen escolta.

De política só sei dúas cousas. Unha que aprendín de Luís Cordeiro, que en paz está: “A política évos coma unha vaca que todos temos que manter. Hai que buscar a que máis leite dea e a mellor maneira de muxila”. Despois, por observación persoal, descubrín que un home que exerce de político, cando -de entrada- di: si, é que quizabes; cando di: quizabes, é que non; e cando di: non, é que non é político ou non deu superado o curso de iniciación. Isto mesmo non se pode dicir á viceversa dás mulleres que exercen de mulleres públicas en política; porque, se eu dixese: “Algunha señora política, cando -de entrada, di: non, é que quizabes; cando di: quizabes é que si; e cando di que si -de entrada- non é señora.

Se eu me atrevese a escribir ese chascarrillo, mi madriña! A que se podería armar: “Cura tiñas que ser! Machista! Pederasta! Misóxeno! Imoste denunciar por estimular á violencia de xénero!. Que fai o bispo que non suspende a este tipo! Sonche todos iguais! Fuera!” Por iso non me atrevo a dicilo, aínda que sexa matizando moito e sen xeneralizar.

Ademais, nisto da política nunca pode un estar ó día. Son vertixinosos os cambios, polo menos na Península Ibérica sen Portugal. As illas, Ceuta e Melila son outra cousa. España tampouco me atrevo a dicilo, porque, como dixera o profeta Guerra: “Non a coñecerá nin a nai que a pariu” Atinou, si señor. Non sei se será porque eu son coxo, e teño moita asma, pero non dou andado e teño que estar cambiando constantemente arquivos do meu diminuto disco duro dos miolos.

O 20-D non votei e sentino ben. Non votei porque chegara a véspera de estar ingresado un mes no Polusa, que na Inseguridade Social do HULA só me deixaron ulilo por fóra, e igual non lles parecía ben na casa que saíse ó frío despois de pagar 1.676 euros. E tampouco me apurei porque pensei: “Home por esta vez malo sexa que non se amañen sen min”. O que me amolaba era que, se algún día repasaban as listas, todos podían saber que non votara por eles e iso, á hora de pedir que che amañen algo un camiño, pode ter consecuencias.

Non o digades, pero eu ía votar en branco; porque así exercía un dereito que non mo deron os que me queren gobernar, coma Doña María Cristina. Non. É un dereito meu por agora, mentres non mo expropien. E ó mesmo tempo deixaba constancia de que non me convencía ningún. Eu sei que non o faría mellor ca eles, pero polo menos tiven a dignidade de non presentarme, ou a desgraza de que non me presentasen. Cada un tén as súas razóns ou sen razóns á hora de votar, e eu teño as miñas:

O Rajoi está moi visto e parece que tamén anda medio apampado, ata coa barba descoidada. Non son os tempos do Prestige cando falaba con rostro anxelical de: “Loz hililloz de plastilina”. Paréceme que o prexudicou bastante o que din que dixo: “Aguanta, tesorero”, ou unha cousa así. Eu creo que iso inventáronllo os da oposición. Debe ser mentira, porque, se o dixera, diría: “Ze fuerte, tezorero”. Pero, quen se estraña? Tén tanto a que atender dentro, fora e nos arredores da casa que me parece -madia leva!- que anda con cara de sono.

O do guapo, o Pedro Sánchez, é por un complexo meu infantil non superado. Cando me viu, ós poucos días de nacer, o señor Avelino de Balmonte, dixo: “Codio, o neno é guapiño, pero parece de restreba!”. Restreba ven a significar algo así coma de segunda man. Nunca din chegado ó metro setenta de estatura, nunca tiven os ollos azuis, nunca tiven a cariña redonda, nunca tiven o pelo encaracolado. En cambio o Sr. Sánchez, dá que ver! É tan alto que lle quedan curtas as mangas e apertadas todas as chaquetas, por iso anda sempre tirando pra baixo pola manga e abotoando e desabotoando a americana. Agora iso si, sempre que sabe que o ven, aparece con cara de risa, que me dá que pensar: se terá a dentamia de riba demasiado larga ou o labio demasiado curto.

Estoutro día contándolle, no cuarto de baño, a unha sobriñiña-neta de tres aniños, mentres facía caquiña, o conto de Brancaneves, cando cheguei ó de: “Espelliño, espelliño, guindado da parede…” Antes de acabar de preguntar xa escoitei a resposta: “Pedro Sánchez, Pedro Sánchez, se lle deixa o Rosa Díez, o Comité Federal e os baróns e baronas do PS ¿OE?”. Preguntoume Navia, a netiña: ¿”Quen é Pedro Sánchez, abelo?”. Eu respondinlle: “Xa o saberás a tempo, neniña, atende ó que estás”.

Ós outros homes públicos coñézoos menos. Ese que lle din… paréceme que lle din ou lle debían dicir: Saulo Antiglesias, porque Saulo foi Paulo cando deixou de perseguir á Igrexa, despois da caída do cabalo e este parece que vai sempre montado no machiño, dos pobres si, pero machiño. Que se vele, que os machos e mulos teñen sona de falsos. O que non me explico é de onde saca o tempo pra facer tantas cousas xuntas, nin que lles ha facer ós cartos; porque, polo visto, xa tiña, que se saiba, uns 112.000 euros nunha conta antes de cobrar o mes de xaneiro. A el parece que en pouco tempo dóbranlle os euros, mentres que os dos outros, nin que estivesen untados!, escúspensenos da carteira coma anguías. Eu levo de cura… (déixame contar)… desde o 1967… case 49 anos, non?, E nunca dimos pasado na conta que temos indistintamente miña irmá, meu cuñado e eu en Abanca, dos 69.400,17. E iso que eu mantéñome á conta de seis parroquias, o que me permite vivir coma un cura.

Claro que é moi diferente o que se cobra por un cabodano, 40 euros poñendo o coche. Menos ca metade dun ramo de flores barato, ou ca unha radiación, e xa non digamos ca unha necrolóxica no xormal. É que para redautar ben unha esquela, hai que superar unhas oposición de moito nabo. No hai comparanza co que che poden pagar desde a televisión iraní `por “Fort Apache” pra irse infiltrando en España, ou o que che pode dar do erario público o Inmaduro de Venezuela por unha conferencia pra axudarlle a vir a Maduro e privatizar empresas españolas segundo lle aconsella nas súas aparicións o carma de Chávez, que non é o mesmo ca o Chaves andaluz. Se vos fixades ben, a maior diferencia xa está no acento Por acabar un en z e o outro en s, non poden levar os dous o ortográfico.

Eu creo que ese rapaz, o das conferencias, as televisión, a universidade e a cola de cabalo, non superou aínda a crise de identidade da adolescencia e ándase buscando compulsivamente a si mesmo, asoballando a quen se lle poña por diante pra atoparse. Pra min que lle falta ou lle sobra unha fervedura, vamos digo eu. O do aditivo da coleta, mentres non sexa vicepresidente tráeme sen coidado. Despois non, que presentarse diante de Putin, poñamos por caso, con ela non é serio.

Agora que mentres non sexa vicepresidente tanto me tén, sempre que, como dixo sen querer a Villaloba, despois de lavar ben a cabeza con champú, bote unha boa capa de loción Paranix, que, polo visto, non deixa ningún. Cando sexa vicepresidente, gustaríame que deixase a melena libre en consecuencia coas liberdades que promete. Xa hai anos, cando a homenaxe dos comunistas ós avogados de Atocha, confundíano cunha nena. Cortar non convén que a corte, porque despois, se cadra, mírase ó espello e pensa que é outro.

O que máis me chama a atención deste rapaz tan social é que queira acabar coa Conferencia Episcopal e de paso coa obra social que realiza a Igrexa e, quizabes, queimar a algún que outro cura parásito coma min, como espectáculo de masas e medio de ir facendo limpeza de castas.

Pero o que me chifra é como acarrancha a perna pra plantarse diante de Rajoi e seguramente tamén do Rei. Ai, amigos! Iso non se consigue sen moitas horas de adestramento fronte ó espello. Eu intenteino e acabei cunhas maniotas e cunha postura nos cadrís que non me quedou gana de volver. Tamén me dá moito que ver a súa capacidade de traballo. Non vos fixastes en que o día que se constituíu o Congreso, e puxeron de presidente ó Pachi López sen contar el foi capaz de cabrearse, chorar e darlle o peito ó neniño da deputada descastada Bescansa, e todo a un mesmo tempo?.

O de descastada é un piropo, quizabes un tris machista, pero piropo, porque non se pode entrar en Podemos se non es do resto de Israel, dos pobres de Yahvé, dos sen casta, concibidos á intemperie na Porta do Sol un 15 m do 2011.
Como ela é filla dunha familia moi castosa de Compostela, tivo que descastarse, que ven sendo algo así coma o rebautizo nunha nova relixión. Por iso os que non estamos dispostos ó rebautizo, que ven sendo tamén algo así coma pasar polo aro, non podemos gozar da protección do santón antiiglesias e tememos o seu catigo. Deus nos valla! A Carmena non necesitou pasar por este rito. Fixándose ben, dá a impresión de que sempre foi unha morta de fame. E a Ada Colau, guapeteira ela, sáelle góra a Podemos. Outro cabreo para Saulo!

O Rivera paréceme bastante bo rapaciño, pero con cariña de algo inocentón e de leite fervido. Aínda está medrando. Agora, iso si, eu tanto digo unha cousa como digo a outra, porque aprendín deles, é un verdadeiro mestre bailarín da Yenka: “¡Izquierda, izquerda, derecha, derecha, alante, atrás… un, dos, cuatro!”. Bueno, mestres nesa danza creo que o son case todos. Parece que é o único requisito que lles esixen no psicotécnico pra entrar na Cámara Alta ou na Baixa.

O Garzón do que queda de IU, non me interesa. Desde que caeu da foto Llamazares, xa non me intersa nadiña de nada! Ese si que era un bo parrafeador, ou sexa: un bo parlamentador. No parlamento non falaba moito e facía menos, pero, como se despachaba o tipo na tele e na radio!

As Mareas maréanme e tamén parece que andan medio mareadas, segundo se manifesta Breogán. Non as entendo. Sempre fun de terra a dentro non vou cambiar agora de vello.

Ó de ERC que mira atravesado, ou en diferido, non en directo, como se di en linguaxe técnica, non o entendo cando fala, parece que tén papas na boca e que é de efecto retardado pra responder á preguntas. Pois pra ter que estar lendo por debaixo mentres fala, cambio de canal e póñome a ler o periódico.

Se non vos canso moito, cóntovos que este unha vez tropezou ó dobrar unha esquina do parlament con don Joge Pujol, o de Andorra e Suíza, que sempre andou coa cabeza gacha mirando pró chan coma se perdera algo, pero non, era por se perdera outro e atopaba el. O birollo, ou sexa o Xunqueiras, coma un lóstrego, díxolle, en estranxeiro, a don Jorge Pujol, o de Andorra e Suíza: “A veure si mira vostè per on camina”. E don Jorge Pujol, o de Andorra e Suíza, erguendo a cabeza por unha vez, e sen que servise de precedente, espetoulle, mirándolle por separado pra cada un dos ollos: “Si el teu anduvieses per on mires, tampoc ensopegàvem”. Que difícil o poñen estes. eses, e aqueles cataláns. Pra dicir: “tampouco tropezabamos”, din: “tampoc ensopegàvem” Aínda por riba hai que escribir o acento ortográfico, ó revés, deitado sobre da esquerda, claro.

Desde aquela andan a voltas a ver se dan redondeado nun 3% o parlament, matándolle as esquinas, pero, parece que desde que Más empezou a vir a Menos, teñen aparcado o asunto ata que teñan ben collida polos cornos a independencia ou lles ceibe unha patada.

O BNG dáme pena. Era a forza máis galega, pero agora anda tras dunha lupa de moitos aumentos a ver se se volve a atopar a si mesmo pra sementarse e renacer, porque, ou se está perdendo de vez, ou se está derretendo. Viríalle mellor un telescopio cá lupa, porque xa debe ir ben lonxe a semente, pero non hai fondos, como o Rajoi da Xunta lles tén tanta xenreira…

Velaí, o Beiras, de AGE, me parece, porque xa perdín a conta dos seus cambios, anda algo atafegado ultimamente, cústalle tomar alento, coma min, e xa non pode botar aqueles discursazos nos que resistía media hora sen folguexar, as valentías páganse, esmendrellou a parede alveolar e agora, míralle pró rabo. Pero, aínda así, segue sendo un cachondo mental. Non será pecado polo civil dicir estas palabrotas, ou? A verdade é que cachondo non sei o que significa e mental case tampouco. E xa postos a analizar, andando Beiras polo medio, debería ser AXE e non AGE nin AJE, non vos parece? Igual, ademais dos folgos, lle falla tamén a memoria histórica,

Como non se dea feita a tortilla e volva a haber eleccións axiña, penso ir votar. Desta vez si, se Deus quere! E xa teño decidido con quen hei perder o voto, ou darllo para que despois faga o que queira con el. Agora teño as ideas moi claras. Votarei polos mesmos que votei o 20-D. E logo! Poucas grazas! Hai que ser patriotas e mirar polo ben común como o son os nosos políticos á hora de consensuar o mellor pra todos, inmediatamente despois de conseguir o mellor pra eles mesmos. Como probablemente dirían hoxe os mosqueteiros se deixasen de ser leais á patria: “Todos contra un e un contra todos”.

Alguén cre de verdade que sería tan difícil o entendemento e a gobernabilidade se lles importásemos pra algo máis que prós votos?. A quen estanos mantendo?
Este artigo foi rematando de escribir o domingo día 24 de xaneiro ás 11,30 pm. Xogo o pescozo que hoxe, xoves, 28, xa estará caducado, pero xuro que non lle vou cambiar nin unha coma. Co que me deu que tecer…
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES