Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Banquetes para pobres

sábado, 16 de enero de 2016
Desculpe o lector este titular tan desabrigado. Poderíamos falar de banquetes para necesitados, como lles chamou a prensa da Vila e Corte, ou banquetes para mendigos, para indixentes sen teito e outras expresións crúas sen eufemismos suavizantes. A realidade concreta é que en Madrid, capital e espello do Reino, existen moitas persoas que día tras día, noite tras noite, pasan a vida a intemperie vagando pola cidade. Si, hai albergues municipais, mais non sei por que razóns misteriosas din, a xente e moitos afectados, que non queren acudir a eles.

O recen pasado mes de Nadal vimos nos medios de comunicación moitos actos de solidariedade cos chamados necesitados; mais aquí quero relembrar un banquete moi soado. A pasada Noite Boa, xunto á nova Sede Municipal, antes Palacio de Comunicacións, celebrouse unha cea de 250 persoas sen teito que viven a intemperie por toda a capital. Este acontecemento foi auspiciado e organizado pola Corporación Municipal coa axuda dos Mensaxeiros da Paz do Padre Ánxel e coa bendición do Arcebispo da capital. Esta foi a noticia mediática núa de toda connotación. Este tipo de evento xa os víramos outras veces, mais sen a carga significativa desta vez.
Nun primeiro momento o anuncio deste banquete para necesitados relembroume a película de Buñuel, VIRIDIANA, na que, como recordarán moitos lectores, unha compasiva e caritativa señorita invitou a uns mendigos a comer na súa casa-palacio. Mentres a señorita estaba ausente os marxinados asistentes celebraron o banquete ata caer todos bébedos para dedicarse a romper o mobiliario, e logo maltratar a señora e familiares cando volveron a mansión. Moi diferente foi o remate do banquete de Madrid, no que todo acabou en loanzas e agradecementos. Louvada sexa, moitos dixeron, a confluencia da caridade cristiá có altruísmo laico.

Debemos aledarnos de que os súper marxinados da capital de España cearan un menú de cinco estrelas nunha noite tan sinalada, unha auténtica Noite Boa para moitos deles en toda a súa vida. Semella un verdadeiro conto máxico de Bo Nadal. Conforme as crónicas xornalísticas, ofrecéronlles un menú de cinco estrelas: sopa de marisco, langostinos e cordeiro, mais sen nada de alcol. Ademais dos tres mecenas oficiais, apareceron por alí empresarios e voluntarios para achegar obsequios. Todo comprensible, porque na Noite Boa e Natividade todos querían ser altruístas. E digo isto sen ningunha intención críptica.

Cando vin a reiterada loanza desta noticia nalgunha prensa tamén me lembrei do que di o Evanxeo de Mateu no capítulo 6,3: “cando deas unha esmola, que non sabia a túa man esquerda o que fai a dereita”. Esta máxima evanxélica vale para todos, mais especialmente para os axentes que operan inspirados no evanxeo. Nin a caridade cristiá nin o altruísmo laico deben utilizarse para outros fins que non sexa o servizo discreto ó próximo que debe ser respectado na súa intimidade e na súa imaxe pública. .Neste caso concreto, os organizadores directos foron bastante discretos, mais algúns medios de comunicación non tanto.

A cuestión crucial é agora outra: despois deste banquete, a medio e longo prazo, que máis van a facer os benfeitores eclesiásticos implicados e os dirixentes laicos municipais por esas 250 persoas sen teito que foron agasalladas? É de supoñer que os organizadores do banquete tamén se fixeron algunha pregunta parecida; mais nada ouvimos sobre algún proxecto ou plan de conxunto para o futuro. Esas institucións teñen bastante capacidade e medios para abordar o problema dos sen teito; mais son necesarias propostas a medio e logo prazo desde unha perspectiva de capacitación e reinserción laboral, desde solucións de vivenda e novos servizos de asistencia social. Estamos ante un problema soluble con decididas actuacións conxuntas; pero realizadas doutro xeito, con outra perspectiva. Nin o altruísmo nin a caridade son cousa dun día, nin dunha quincena nin dun mes.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES