Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

55 anos de "Memorias dun neno labrego"

miércoles, 06 de enero de 2016
“Memorias dun neno labrego” é o primeiro libro de literatura infantil e xuvenil en lingua galega. Foi publicado en Arxentina, no ano 1.961, por Xosé Neira Vilas, quen nacera na aldea de Gres, concello de Viladecruces, na comarca do Deza. No 1.949, emigrou a Arxentina. Fixo estudos de comercio, periodismo, etc. Pero, sobre todo, entrou en contacto cos intelectuais galegos da diáspora, quen lle fixeron adquirir conciencia da realidade social de Galicia e da súa lingua.

Na Arxentina, coñeceu a Anisia Miranda, unha escritora cubana, e xuntos marcharon a Cuba no ano 1.961, onde levaron a cabo un interesantísimo traballo cultural e literario. Nos anos noventa, regresaron a Galicia, a súa aldea de Gres, onde seguiron desenvolvendo un gran traballo literario, especialmente, dirixindo a fundación Neira Vilas.

Neira Vilas ten moitos máis traballos literarios: Cartas a Lelo, Aqueles anos do Moncho, Galegos no Golfo de México, Xente no Rodicio, a Muller de ferro, Querido Tomás, etc. Pero, “Memorias dun neno labrego” é a súa obra maestra. O libro máis lido da literatura galega. Está escrito en primeira persoa. Nel, Balbino, o protagonista, un neno duns trece ou catorce anos, vai narrando e describindo como era a vida no mundo rural nos anos corenta, máis ou menos. Desde o punto de vista dun realismo social, sen matices bucólicos nin humorísticos. Como era de miserable a vida dos caseiros, explotados polos amos. Como se vivía o feito da morte, o loito, a escola, as festas, a relixiosidade, que tiña máis de superstición que de auténtica devoción, a emigración, etc. E, sobre todo, a relación de sometemento da xente pobre aos amos ricos.

É moi significativo o comezo: “Eu son Balbino, un rapaz da aldea, coma quen dis, un ninguén. Porque da aldea tamén é Manolito, pero a el non hai quen lle tusa”...Balbino é un rapaz intelixente, traballador. Sofre os problemas da vida diaria dos labregos pobres, pero non se conforma. Rebélase. Recoñece que a xustiza non é igual para todos. Pero, el non se conforma. Foxe da casa cando o pai lle da unha somanta por apedrear a Manolito, o fillo do señorito. Non se resigna a seguir sufrindo a opresión e a miseria.

“Memorias dun neno labrego” é unha obra escrita cunha linguaxe sinxela, cercana, sen palabras rimbombantes nin rebuscadas no fondo da hucha. Propia da comarca do Deza. Fácil de ler. Foi traducida a moitos idiomas, entre eles, o inglés, chinés, portugués, búlgaro, castelán, por suposto, etc.

Por que nos gusta tanto este libro? Porque todos nós, xente que nacemos no campo, identificámonos perfectamente con Balbino. Quen non recorda todos os traballos e vivencias experimentadas na nosa aldea cando eramos nenos? Todos levamos as vacas ao monte, antes ou despois da escola. Pasamos frío. Vestimos loito. Apañamos os patacóns no campo da festa. Corremos detrás dos foguetes para apañar as canas. Envidiamos aos señoritos que, moitas veces, vivían a costa da suor dos nosos pais, etc. Só hai unha pequena diferencia, e é que a nós ensinábannos a ser resignados, e a conformarnos coa vida que nos tocou vivir. A Balbino tamén, pero, como era un neno moi intelixente e cunha personalidade moi acusada, rebelábase en contra do mundo do seu entorno. Claro que, finalmente, acabou emigrando. E nós tamén. Só desta maneira, poidemos mellor a nosa calidade de vida. Isto nos anos corenta. O peor é que, hoxe, no 2016, temos que seguir emigrando. Teremos unha maldición ou será que non sabemos rebelarnos?

“Memorias dun neno labrego” está dedicado a todos os nenos que falan galego. Daquela, eran moitos. Hoxe, bastantes menos. Se cadra, pola nosa culpa. Reflexionemos. E pidamos que siga habendo moitos homes e mulleres que, como Xosé Neira Vilas, dignificaron a vida do mundo rural e tamén a lingua galega.

(Mª Lourdes Pérez Freire é alumna da Uned Senior de Xestoso, aula de Paderne).
Pérez Freire, Lourdes
Pérez Freire, Lourdes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES