Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

viernes, 01 de enero de 2016
Facer boa masa. Os tronos retumbaban por enriba das súas cabezas, pero Manasés Esqueche Malén e Úrsula Osiña Peinador non tiñan medo. É máis, en cada retumbar rían a cachón e axiña abrían a boca abraiados ante a luminosidade dos lóstregos. Detrás de cada lóstrego chegaba un trono. Eran moi cativos pero sabían isto. Os dous facían boa masa, conxeniaban incluso desde que empezaran a gatear. Vivían porta con porta e semellaba que estaban predestinados a ser máis que amigos. Manasés era tan só un mes maior que Úrsula, aínda que esta parecía máis espelida. Agora, ós cinco anos, mirábanse ós ollos e ríanse, tocábanse e ríanse, falaban e ríanse. Facían boa masa.

Os lóstregos alumeaban o ceo da capital e eles seguían coa boca aberta e ríndose a gargalladas. Non lles preocupaba a auga que empezaba a caer xa con forza, e a pesar de que se estaban empapando. Como cativos que eran, non lles preocupaba o resgardarse. Eran felices mollándose. Eran nenos. E como tales non pensaban no día de mañá. Ou si, pero coa idea de volver estar xuntos, de volver rir e chorar. Manasés Esqueche e Úrsula Osiña facían boa masa.

POIS SE CHOVE, QUE CHOVA

Por fin choveu en condicións! A chuvia pode caer de moitas formas. Pode chover en tromba. Pode chover en marmañeira. Pode chover sarabiada. Pode chover de ballón. Pode orballar. Pode chuviscar tan só. Pode arroiar. Ata pode chover porque lle dá a gana. O peor é se chove para facer mal. Entón é mellor que non chova. Pode chover para que te molles. Pode chover para que te cubras cun paraugas ou cunha gabardina, e ata cunha coroza das vacas. Pode chover para que te cabrees. Porque, é ben certo que a chuvia, aínda que sexa necesaria, é moi molesta. E senón que llo pregunten a aquel que vai esquivando paraugas polas rúas ou pingueiras dos canlóns. Que llo pregunten a aquelas nais que teñen que saír de paseo (ou facer recados) co cativo que aínda vai en cadeira. A chuvia é bonita. Cando estás a cuberto. A chuvia é necesaria. Case sempre é necesaria. A chuvia é molesta ata cando conduces. Porque se empanan os cristais todos do coche. Porque non sabemos conducir cando chove. A chuvia é bonita, é necesaria, é molesta, é mollada, é fresca. Pois se chove, que chova.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES