Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hai noticias de Deus… O caso é dar con elas

lunes, 07 de enero de 2002
Contrariamente ao que semella crer o realizador do exitoso filme "Sin noticias de Dios", moitos pensamos que sí hai noticias de Deus, o caso é dar con elas... sabendo escoitar a quen quere contalas. O fenomenólogo Peter Berger dixera hai anos que no secularizado mundo moderno hai "rumor de anxos" (e non precisamente dos "azuis e rosas" dos que falaba Victoria Abril nunha entrevista recente). Falar destas noticias de Deus pode ser unha boa maneira de comezar o novo ano.

A primeira condición para poder escoitar as noticias dun Deus digno deste nome é botar no contentor da lixo unha serie de deuses xa caducos, aínda que desgraciadamente vixentes para bastantes: o deus de ordeno e mando que infunde respeto, e aínda medo e mesmo pánico, ao persoal, investido dunha autoridade incuestionable e arbitraria; o deus castigador que en canto te descoidas mándate ao inferno; o deus para quen o máis bo e divertido da vida é pecado; o deus omnipotente, omnisciente, omnipresente ("o ollo que todo o ve") e non sei cantos "omnis" máis; un deus que semella desconfiar dos homes e mulleres intelixentes como se foran os seus rivais; o deus tapaburatos e arranxatodo que mantén fillos infantís, inmaturos e dependentes; o deus metido no templo e que non se ocupa da política nin dos problemas sociais; etc. etc. Con razón ten dito o gran pensador Martin Buber: "Ningunha como a palabra Deus ten sido tan envilecida, tan mutilada... Por ela teñen matado os homes e por ela teñen morto; ela leva as pegadas dos dedos e o sangue de todos" ("O eclipse de Deus").

Compre botar estes ídolos no lixo porque Deus achegouse á nosa historia na debilidade dun neno nun berce, como recordamos en Nadal, e na impotencia dun condenado nunha cruz: "En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados aos nosos devanceiros por medio dos profetas. Agora, neste período definitivo, falounos por medio dun que lle é Fillo" di o Novo Testamento (Heb 1,1).

En todo caso, un Deus que, contrariamente con tantas vellas imaxes, ten máis de nai tenra que de pai autoritario. Un Deus "amigo da vida" (Sab 11,26) que "non fixo a morte nin se aleda co exterminio dos vivos" (Sab 1,13) e de quen xa había noticias da súa tenrura varios séculos antes de Xesús de Nazaré, como nos recordan os vellos profetas bíblicos Oseas (Os 11, 1-4.7-9) e Isaias (Is 49,14-15; 66,13).

Hoxe moitos crentes poden falar, modesta e agradecidamente, da súa experiencia positiva e liberadora de Deus; poden contar como escoitaron "noticias de Deus" na vida diaria e como estas noticias van iluminando para eles a escuridade do mundo e van poñendo neles amor, esperanza e a gañas de loitar por un mundo máis digno dos seres humanos, fillos dese Deus de vida e amor. Na próxima cita daremos algunhas destas noticias, que son historias persoais de amor e solidariedade.
Pérez Prieto, Victorino
Pérez Prieto, Victorino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES