Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os bosques tamén choran

martes, 22 de diciembre de 2015
Nalgunha ocasión se pararon a pensar no fermosos que son os bosques? Estes espazos naturais son toda unha homenaxe á diversidade, agochando no seu interior árbores moi variadas, de diferentes portes, ritmos de crecemento... que serven de hábitat a numerosas especies animais. Cando un se achega a unha destas árbores parece escoitar a súa historia, un relato escrito ó longo dos anos do que temos moito que aprender. Así, unha especie tan común coma o arce garda tras de si unha interesante biografía que comeza cunha curiosa semente voadora que evoluciona ata dar lugar a unha fermosa árbore que, coa chegada do outono, debuxa no chan alfombras de mil cores. Outra especie curiosa son os amieiros, coma os que acompañan ó río Pontiñas ó longo do paseo que leva o seu nome. Estas árbores poden falarnos de amizade, de convivencia, especialmente cos ríos e regatos. Sempre medran preto deles porque as súas raíces precisan estar constantemente embebidas en auga. 

Cada unha destas especies, as súas particularidades e a convivencia que manteñen unhas coas outras dotan ó bosque dun ambiente especial, case máxico. Quizais por ese motivo os celtas consideraban algúns bosques, os Nemeton, como lugares sagrados onde os druídas realizaban todo tipo de rituais.

Por fortuna esta relación harmónica non é exclusiva dos bosques. Con frecuencia penso que algo moi similar se produce nun aula de Educación Primaria cando esta funciona ben. Nos primeiros cursos desta etapa o “bosque” está aínda por formar, aínda traballamos con sementes que precisan dun coidado especial, esmerado. Mais pouco a pouco un vaise dando conta de que, tal e como afirmaba a teoría aristotélica do ser en acto e o ser en potencia, o neno que temos ante nós (a semente, o acto) garda dentro de si todo o que precisa para chegar a ser a “persoa” que está destinado a ser, esa árbore única e irrepetible. Para alcanzar ese estado precisa que lle axudemos a cultivar unha habilidade esencial: a intelixencia social, que entre outras cousas leva consigo a práctica da empatía e a cooperación. Cando isto se traballa ben, cando o rapaz entende que niguén está por encima dos demais no bosque, que compartir é máis produtivo que competir e que axudando a outros estase axudando a si mesmo, entón o grupo-clase funciona coma un verdadeiro ecosistema que transmite unha enerxía excepcional. Nese momento xorde a sinerxia na que o todo é superior á suma das súas partes.

Pero, ó igual que os bosques naturais sofren as consecuencias da especulación e a falta de sensibilidade (o acontecido na Fraga de Catasós é un claro exemplo desta circunstancia), os bosques que cada día atopamos nas nosas aulas vense a miúdo ameazados pola “sequía” de ideas, a desconfianza e a ignorancia.

O primeiro deses males, a desconfianza, é manexado con mestría pola Consellería de Educación, como queda de manifesto en medidas tan antipedagóxicas como a reválida que desprezan a labor do profesorado. A ignorancia, o segundo dos males que ameazan os nosos bosques, ten como consecuencia o fomento da competitividade entre rapaces, a obsesión polos resultados e o absoluto desprezo da compeñente emocional e social do neno, que como sabemos son elementos imprescindibles para lograr que as sementes de hoxe cheguen a converterse en árbores o día de mañá. Este panorama obríganos a seguir traballando xuntos: profesorado, familias, asociacións... co obxectivo de lograr que a mediocridade e a deixadez dos que nos gobernan afecte o menos posible ás novas xeracións. O esforzo paga a pena, acaso hai algo máis fermoso ca un bosque?
Riera, Martiño
Riera, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES