Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Edward S. Dodgson en Mondoñedo

martes, 22 de diciembre de 2015
Sir Edward Spencer Dodgson, filólogo e arqueólogo británico, vascófilo obsesivo, profesor de inglés formado en Oxford, pasou por Mondoñedo a mediados de xullo de 1896 e tamén, sen descartar outras visitas, no verán de 1905. En 1896 fixéronlle de cicerones o artista Ramón Martínez Ínsua, e o historiador e escritor, Víctor de Silva Posada. Pasou varios días na cidade co obxecto de coñecer as súas antigüidades, entre as que estaba “un suposto altar de sacrificios humanos”, que entendemos debe ser a Pena do Unto do castro da Recadieira. En “El Norte de Galicia” do 17 de agosto de 1905 dise que volve a Mondoñedo un entusiasta do “dialecto gallego” para renderlle visita ao ilustre José Villaamil y Castro.

Era o terceiro dos fillos de Willian Oliver Dodgson e Lucy Elizabeth Smith. Nacera en Woodford, Essex, o 18 de novembro de 1857, para acabar morrendo, despois dunha longa, viaxeira e excéntrica existencia, o 9 de outubro de 1922. Pertencía a unha familia rica, de banqueiros, da que se distanciou aínda que se mantiña a expensas da pensión que lle pasaba un irmán.

Edward S. Dodgson non era, como se creu durante moito tempo, irmán de Charles Lutwidge Dodgson (Lewis Carroll), erro que o investigador Miguel Angel Elkoroberezibar destapou en 1987, pois o verdadeiro nome do irmán do autor de “Alicia no país das marabillas” era Edwin, non Edward.

Viaxou por case toda Europa e Brasil. Desde1884 dedicouse a visitar as principais cidades españolas. En 1887 anunciábase na prensa de Compostela como profesor de inglés. En 1886 foi cando comezou a interesarse polo éuscaro, labor no que exerceu como bibliógrafo, filólogo, editor, poeta e divulgador de extensa e moi dispersa produción ata converterse nun euskaltzale moi recoñecido. Escribiu centos de artigos sobre o tema e preocupouse especialmente da bibliografía en lingua vasca anterior a 1800. Egocéntrico e polémico, tivo numerosos problemas por ser homosexual (anomalías de espírito, en expresión eufemística da época) e tamén por inspirar sospeitas de ser propagandista do protestantismo.

En “El Lucense” de 28 de agosto de 1896, Dodgson, que estaba en Lugo nos días do Congreso Eucarístico que se celebrou entre o 26 e o 30 deste mes, escribe o seguinte: “Con mellores vías e fondas, Galicia, que me pareceu a min en 1887 unha Suíza sen a neve, vai atraer aos seus encantadores ríos, costas e estacións balnearias a moitos estranxeiros que aínda non a coñecen”.

Dodgson era académico correspondente da Real Academia Galega e da Real Academia da Historia, como vascófilo radical pretendía que todas as palabras, ou case todas, tivesen orixe no éuscaro. Nas súas elucubracións sobre a etimoloxía do topónimo Mondoñedo, di que Mindonium quizais procedese do vasco mina-dum, co significado de “posuídor de mina”, pero que tamén puidera ser a latinización do vasco –mendi om co significado de “pé do monte”.
E, en efecto, acreditamos con Dodgson, ao que incorporamos á nómina de viaxeiros ilustres, que a cidade mindoniense está ao pé do monte; de varios montes, abofé.

(Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo)
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES